Mostrando entradas con la etiqueta lectura. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta lectura. Mostrar todas las entradas

2.10.21

O xogo do calamar

Malia estarmos afeitos a valorar a cantidade máis que a calidade (vaca grande, ande ou non ande), non é número senón a natureza e o potencial das cousas, independentemente de que abunden ou non, o que as fai meritorias e aínda imprescindibles. Tiña eu un compañeiro de carreira, da parte de Vea, defensor das teorías lingüísticas do formalista polaco Zawadowski, a quen por ser bazuncho e comedor alcumabamos Fabadowski, que, un día, coa fachenda dos orates, me dixo tras un exame de Lingua Española que escribira dezasete folios (eu redactei apenas catro). Cando fun ver as cualificacións, que dependuraban dunhas vitrinas no hall da vella facultade de Mazarelos, observei con asombro que o amigo Fabadowski recibira un ¡dous! Xuro a Vde. que aínda hoxe non son quen de imaxinar o que aquel home lle contaría ao profesor en dezasete folios… 

Dous premios Nobel de literatura, ambos dous peninsulares, merecerían tal galardón aínda que tiveran escrito apenas dúas  novelas (dentro dunha produción, polo demais, extensa): La familia de Pascual Duarte e La colmena abondan, ao meu xuízo, para xustificar de lonxe o Nóbel de CJC. Saramago, pola súa banda, deixou en Ensaio sobre a cegueira e As intermitências da morte o testemuño da máis sublime literatura, algo co que a Academia Sueca concordou en 1998. As dúas producións saramaguianas teñen, do meu punto de vista, algo en común coa gran novela de Defoe: Crusoe enfrontado á soidade e falta de recursos máis absolutas; unha soa persoa guiando a humanidade repentinamente cega; a morte que, tamén dun día para outro, perdoa os homes son excelsas tramas literarias que convidan, ou máis ben, obrigan, a reflexionar sobre as preguntas do millón de dólares: a vida, a morte, a dimensión das nosas prioridades, o amor, a amizade, as absurdaas necesidades creadas, os límites impostos, a capacidade de superación, o valor ou a miseria da nosa condición, a ledicia e a melancolía, a bondade e a maldade, o yin e o yan da existencia… 

Xogar con metáforas imposibles (unha cegueira ecuménica ou o perdón da morte) crea un mundo que, malia conservar as notas que o fan recoñecible, é obxecto dunha mutación que o transforma cualitativamente. Lembra vostede o escondite; a churra; a billarda; os trompos, o peletre, as chapas, o guá e as canicas? Existe algo máis inocente e de grata lembranza que os xogos da nenez? Imaxine agora que o castigo por perder no xogo fose a morte, unha morte brutal. Todos os compoñentes dun recordo entrañable viran ao vermello do sangue e a mesta escuridade da noite eterna.  Ignoro se detrás da serie O xogo do calamar (Squid Game, Corea do Sur, 2021), que o está petando en Netflix, hai unha gran novela ou simplemente o guión dun demente. Na mesma liña dos supostos imposibles, un conxunto de proscritos, despreciados polas convencións dunha sociedade obsesa do diñeiro, entréganse a unha serie de xogos violentos, pero sospeitosamente semellantes aos de cando nenos, nos que o premio para o gañador final é un pastizal inimaxinable. Conseguilo conduce a matar. Unha serie de novísima xeración, bizarra e brillante, na que nada humano resulta alleo. Hurra por Corea do Sur.

16.5.21

Mi vida en el frente

 

Eu son da opinión de que a correcta expresión oral e escrita son magnitudes diferentes na forma pero baseadas en idéntico alicerce: un pensamento de calidade. Pode haber excepcións, claro: na contorna académica e universitaria (que coñezo como a palma de man) é doadamente constatable a existencia de magníficos comunicadores orais, autores, porén, dunha prosa onerosa e tecnificada e, pola contra, excelentes escritores, dotados do talento suficiente para dotar á redacción académica de elementos estéticos propios da boa literatura, malia non seren quen de pronunciar dúas oracións seguidas sen interrupcións. Pero isto non é, como digo, a norma; a norma é que falar e/ou escribir ben derivan de pensar ben. Aquel político bávaro, conservador e moi listo, Franz Josef Strauss, recomendaba aos seus colegas pensaren de forma complexa e falaren de xeito sinxelo, cando o que fan adoito é exactamente o contrario, algo en certa medida aplicable tamén ao ecosistema universitario. En decenas de obradoiros e accións formativas sobre redacción académica impartidos a persoal docente e/ou investigador da miña universidade, parto, por aquilo da captatio benevolentiae do auditorio, dun símil sinxelo: resulta evidente que Rafa Nadal non xoga ao tenis tal como o fai porque fose a aulas, o cal non quere dicir que se un vai a aulas de tenis cun adestrador hábil non poida aprender a xogar tenis razoablemente ben (ou mal). O que intenta reflectir esta metáfora nadaliana é que escribir ben é, moi probablemente, froito diso tan malo de definir pero tan doado de identificar que chamamos talento. Pero o talento, como as musas de Picasso, acostuma acudir a quen traballa moito. Ler arreo, fanatica, constante, militantemente tradúcese sempre nunha mellor calidade da escrita, malia sexa apenas polo instinto de imitación, tan propio dos humanos. A comunicación dixital e a bulimia no consumo de información nas redes, por natureza efémera, evanescente e inmediata, axudan pouco neste proceso: como un alumno vai aprender a redactar correctamente afeito a «tunear» un mero copia-pega da wikipedia? Eu lembro que, no ensino do franquismo, nos crujían a redaccións: Mayo, mes de las flores; la Navidad; las vacaciones de verano… Con saudade lembro un brutarate da parte da Ulla, que, no bacaharelato, con ocasión dunha redacción para ciencias naturais sobre un imaxinario viaxe ao centro da terra, comezaba: En mi viaghe por el centro de la tierra he atopado penedos y croios de distintas clases. España é un país absolutamente deficitario en escritura académica, algo que non ocorre noutras latitudes. Dou fe profesional de que boa parte dos traballos que chegan á mesa dun editor universitario, asinados por docentes de universidade, son fiel reflexo desta deficiencia. A máis elemental técnica ortotipográfica, a aplicación de estratexias textuais, a coherencia estrutural, un epigrafado de calidade… son perfectos descoñecidos non en todos os casos pero si nunha alarmante maioría. Unha colega, correctora editorial, explica a súa loita diaria nesta lea nun magnífico artigo. Titúlase Mi vida en el frente.

 

11.4.20

Menú para unha illa deserta



Con ocasión dunha interviú para certa revista (unha publicación especializada, sesuda, aburrida e sen santos, non vaia vostede a pensar en papel cuxé…), sentín unha gran ledicia cando vin que o cuestionario incluía a pregunta do millón de dólares, esa interrogante absurda e manida, unha parvada de pregunta que, acusando claramente as escasas luces do preguntante, deixa en grave risco a intelixencia do preguntado. Con todo, a miña satisfacción proviña de que, precisamente polo seu valor de topicazo recorrente en entrevistas a personaxes de maior vitola, non quería eu pasar a mellor vida sen tela respostado. Algo así como engadir a resposta a esa pregunta ás tres accións inexcusables na vida (ter un fillo; escribir un libro e plantar unha árbore) que, polo demais, boa parte da humanidade excusa.
A pregunta de marras (e xa imaxino que, nesta altura, estará vostede mosqueado sobre que raio de pregunta será) entraña unha desproporción tal que non ten resposta posible e, de aí, a súa absurdidade. Lembra vostede aquel chiste de cando aínda había conferencias e operadoras telefónicas? Era un que chama á Telefónica. O tipo pregunta: Ola, é aí a Telefónica? Unha voz feminina: Si, que número quere? ao que o gicho retruca: Cales ten?
En fin, que, na mesma liña, a pregunta famosa é: Que libro levarías a unha illa abandonada? Madia a leva! Como elixir un entre unha cantidade tan abafante de candidatos? Como elevar á categoría de único campión a tal número de excelentes concursantes? Como humillar centenares de grandes amigos, que nos deron o mellor de si cando cultivamos a súa amizade, co desprezo da nosa indiferenza?
Se a dicir a verdade vai, xa nin lembro o que respostei na interviu referida, e ben pouco importa. Tempo despois atopei a resposta perfecta nun pensamento de Ramón Gómez de la Serna: Existen moitos modos de mirar os andeis dunha libraría pero o peor de todos é o daquel que chega co desexo de comprar todos os libros e marcha sen ningún. 
Nestes días estraños, cada un de nos arribou a unha illa deserta e talvez a estúpida pregunta cobra unha dimensión especial pois, unha vez experimentadas todas as formas e versións do aburrimento, faise imperioso alimentar o intelecto con algunha délicatesse. Nun delicioso e breve artigo titulado precisamente Alimentar o intelecto, Lewis Carroll, con chispeante retranca británica, imaxina un médico que, máis preocupado da nutrición mental que da puramente corporal, recomenda a un paciente, indixestado de mala literatura: Nos días vindeiros non tomes máis que lecturas sinxelas. Nada de novelas, que non te vexa eu! Unha recomendación moi oportuna en tempos de confinavirus ou coronamento, nos que alimentar incorrectamente a cabeciña pode resultar máis nocivo que poñerse malo de fabada.