Debo boa
parte das máis entrañables lembranzas da nenez ao feito de ser un meu tío o xerente do cine da Estrada, nun tempo (por boa ventura moi diferente do de
hoxe) en que o parentesco era seguro pasaporte para prebendas e regalías. Non é
só que meus curmáns e irmáns entráramos de matute no establecemento, o cal
proporcionou a quen de nós quixo aproveitala unha vasta cultura
cinematográfica; o máis engaiolante da privilexiada condición de afillado do
xefe era poder visitar a sala de proxección. Recordo con viva emoción polo
tempo ido o penetrante arrecendo a graxa de máquinas e desinfectante; as sacas
de lona verde nas que viñan embutidos os rolos das películas, coidadosamente
gardados en latas pratedadas co título do filme e o número de cinta grafados en
grandes letras de molde. Impresionábame (tal vez por ser eu cativiño) o grandor
das máquinas de proxección, marca Ossa, que mantiñan a luminosidade grazas a
unhas barras de grafito, que o operador debía celar en substituír. Cando non o
facía, a pantalla escurecía co conseguinte incomodo do respectable, que no cine
da vila, sobre todo nas sesións vespertinas de sábados e domingos, era de
pelaxe variada pero, en xeral, non en exceso refinada. Menudeaban, entón, en
horrísona combinación, os berridos, orneos, apupos e mencións á proxenitora do
operador, quen, de contado, procedía á substitución do demo das barritas e
morra o conto.
Hai uns
días, comodamente instalado na luxosa butaca da sala iSens dun cine dos nosos
días, asaltoume unha pregunta (e disculpe vostede a miña ignorancia técnica ao
respecto). Como funciona un cine dixital? Porque, para a cultura dixital, as
máquinas de proxección son, claro, obxectos paleolíticos. Supoño que a distribuidora
fará chegar ás salas autorizadas arquivos dixitais que, como nun ordenador, se
visualizan directamente nun neste caso, xigantesco monitor.
Ademais de
deixar pouco espazo ao romanticismo, internet e a hiperteconoloxía
universalizaron novas formas de servidume. Na editorial universitaria,
dispoñemos dende hai anos de incribles plataformas dixitais para a edición de
libros e revistas que, para alén das súas obvias potencialdades e vantaxes,
obrigan aos autores (profesores e/ou investigadores universitarios) a
converterse pouco menos que en expertos informáticos no manexo destas novas
ferramentas. O malo é que no novo escenario do século XXI semella que a bioloxía
molecular ou a termodinámica estatística son coñecementos subxugados a qué facer con eles nun portal
dixital, nunha rede social ou nunha lista de distribución. Porque quen non vive
en Internet non existe.