Qué secreto magnetismo exerceu España nos espíritos viaxeiros da segunda metade do século XVIII e primeira do XIX é algo que escapa á miña limitada capacidade de análise, pero acho que a busca do Volksgeist, do espírito do pobo, concepto tan caro aos románticos alemáns (Herder e Schiller, especialmente) e anglosaxóns debeu ser pulo máis que suficiente. Fronte ao resto da Europa máis civilizada, que coñece nesta convulsa época os embates de mudanzas sociais definitivas que ao cabo están definindo o futuro de sociedades civís puxantes e os alicerces do mundo contemporáneo, o secular aillamento da Península, un subdesenvolvemento económico que sumía na miseria á totalidade dunha poboación fundamentalmente rural e un ostracismo cultural impenetrable nutrido por curas e frades e bendecido por xerarquías, nobres e reis eran, ademais dos ingredientes dun Volksgeist especialmente complexo e atractivo, as telas dun escenario ben disposto a todo tipo de truculencias. Dos bandoleiros fantasmagóricos de Potocki e o goticismo quintaesenciado de Lewis aos tejemanejes dos hijos de Egipto, colegas de don Jorgito el inglés, a vella pel de touro foi decorado predilecto -e probablemente non casual- de toda laia de bandidos, crimes horripilantes, serras afastadas poboadas de perigos estarrecedores, trebóns maléficos, ventas rexentadas por asasinos, mouras tan fermosas como ávidas de sangue, frades libidinosos, inquisidores sádicos, monxas espectrais e demais artillaría narrativa polo estilo. Outros viaxeiros, porén, tiñan unha visión máis neutra. Na selecta nómina dos turistas románticos, fai, sen dúbida, parte preeminente o nome, pouco coñecido fóra do circuíto dos especialistas, de George Ticknor (Boston, 1791-1871), entronizado con justicia como una de las figuras más importantes de la historia intelectual de Norteamérica. En España es conocido por ser el autor de la primera Historia literaria española (1849) y por su famosa biblioteca de autores españoles, que donó a la Biblioteca Pública de Boston. Tan esgrevio e erudito humanista visitou a Península en 1818, ao pouco da guerra da Independencia (o testemuño das consecuencias do sitio de Zaragoza é simplemente impresionante), e, como era habitual nos viaxeiros cultos, deixou perpetuadas as súas impresións nos correspondentes diarios, que agora veñen de ser editados polas Prensas Universitarias de Zaragoza, baixo o título de Diarios de Viaje por España, en excelente edición crítica e tradución de Antonio Martín Ezpeleta (da introdución do cal tomo a cita precedente), e fermosa feitura física debida á sensibilidade e savoir faire do meu prezado amigo e colega Pedro Rújula, director de PUZ, a cuxa xentileza debo o agasallo dun exemplar. Como adoita ocorrer nestes casos, un espírito desperto e libre de prexuízos pode con facilidade enxergar nos desapaixonados apuntamentos de Ticknor -clasificados por temas- as claves xenéticas de moitas limitacións e eivas da nosa sociedade contemporánea. A risco de resultar prolixo, pero convencido do seu interese, permítame Vde. que traia algúns exemplos.
Sobre as universidades de Alcalá e Salamanca di Ticknor: Están tan venidas a menos, que nadie piensa en ir a ellas sino como mera formalidad [...] La capital [Madrid] no solo no ha hecho nada para recuperar el lugar de estas universidades, sino que ha destruido dos instituciones de carácter muy útil. Sobre a Biblioteca Nacional: los libros impresos se cuentan por encima de ciento diez mil, los manuscritos por tres mil quinientos [...] Es una mina para futuros descubrimientos, pues está pésimamente ordenada, tiene un catálogo malo y está abominablemente administrada. Sobre as leis e o ordenamento xuridico: ¿Qué puede esperarse de las leyes si es con toda certeza un mero montón de decretos y costumbres de los árabes, los godos y los españoles mezclados con las Partidas de Alfonso, las Instituciones de Justiniano y las bulas de los papas? Sobre os avances da medicina: España ciertamente no tiene razón para envidiar a ninguna nación en el mundo por el número de sus médicos y cirujanos. La mitad de la población realiza purgas y sangrías, o así me lo parece, y, en tal caso, lo que le puede pasar a la otra mitad es fácil de colegir. Sobre o desenvolvemento científico: Los medios modernos más simples faltan todavía. Pero esto no es todo, pues la Inquisición prohíbe al profesor de botánica enseñar que el coral es un zoófito. Y el rey [Fernando VII] ha aceptado recientemente el informe de sus monjes asegurando que no es necesario o recomendable tener profesores de Química en las universidades.
Lendo a Ticknor, sinto un abismo de áspera contradición: como é posible que o heroico pueblo español contra el francés loitase ata a extenuación por seguir perpetuando un país así, no que eran norma as necedades dun estulto Borbón e a basta estameña do hábito dos frades o tacto espiritual dunha sociedade alienada? A eventual resposta a esta pregunta é acaso máis inquietante que a propia pregunta. O outro día vin a un escritor de éxito asegurar nunha inteviú que, ao seu xuízo, a clave necesaria do secular subdesenvolvemento de España está na Contrarreforma, algo que eu veño defendendo dende hai moito. Pero, claro, eu non son un escritor de éxito e ninguén me fai caso.
30.12.12
23.12.12
Borrow, o avó, Manolo Diéguez e eu
Debo á xentileza e erudición do meu bo amigo Manolo Diéguez a suxestión de compra da primeira edición española de La Biblia en España, de George Borrow, un dos meus libros de cabeceira, como Manolo sabe, e a quen dediquei neste recuncho a mostra da miña admiración. A suxestión de Manolo acendeu unha alerta que, ao pouco, foi un recordo e, en segundos, unha certeza. Da biblioteca do avó -republicano de Casares, represaliado e bellísima persoa, segundo contan, pois non cheguei a coñecelo- recupero o segundo volume desa excelente edición princeps de Jiménez-Fraud (colección Granada, Madrid, 1921, en tradución de Manuel Azaña, logo recuperada por Alianza). Na imaxe, a ficha do libro, manuscrita do avó, coa súa letra clara de pendolista (foi secretario do xulgado da Estrada), supoño que haberá sesenta ou setenta anos, co número de biblioteca 682. Hai herdos impagables, cargados de intensidade emocional, a chamada atávica da tribo; hai vontades case imperceptibles, que, como sombras alongadas, tinxen a nosa existencia de sentido. Puido intuír o avó que o seu amor aos libros, setenta anos despois de ter el trazado esta ficha de rexistro, ía perpetuarse no comentario desta bitácora dixital? Permitídeme crer que si.
14.12.12
Dª Efervescencia Vital
Prender nunha silva e non saber dicir que non son actitudes que entranan riscos, dificultan a vida, estresan, multiplican os labores, deixan pouco tempo para as cousas esenciais en beneficio das urxentes. Vale, non digo que non. Pero, así como hai xente que é máis pousona, anda menos, fala menos e gusta máis da tele e o sofá, hai outras persoas, coma quen subscribe, que a onde non chegan mandan recado e son cus de mal asento. Agardo algo de meterme en tanto fregao? É tal vez produto da ambición? Sinceramente, creo que non. Tras o cinco e mais o cero seguidiños (que fan un guarismo ben bonitiño: 50) convertidos en idade, pouco se pode esperar se non se fixo xa. Non. A miña hiperactividade e a tendencia conxénita a meterme en mil batalls son apenas o resultado dunha actitude fronte á vida: experimentar, innovar, arriscar, apostar, probar, consciente de que traballo chama a traballo (pero procurando conciliar en todo momento as urxencias coas esencias). Cando o meu colega e amigo Paco Beltrán me fixo unha proposta primaveral para participar nun proxecto hoxe convertido en libro, ben puiden dicir que non. Pero, afeito xa á miña compañeira Dª. Efervescencia Vital, díxenlle que si. Despois do arduo labor (imaxinar, esborranchar, escribir, reescribir, rerreescibir, corrixir, recorrixir, rerrecorrixir, dubidar, desesperar...), vén o mel: presentar o libro, coñecer á xente maravillosa que participa nel, cear vaca arxentina e charlar do divino e humano con persoas abertas, cosmpolitas, cultas. Ben certo que o máis fermoso (e tal vez o máis difícil) da vida é vivir.
Desde a esquerda: este menda, Javier Ruiz Taboada; Predicador Pale Rider (a. Pablo Sebastiá), Ana R. Sanfeliu, Pedro Pablo G. May y Suso Postigo.
Librería Rafael Alberti, en Argüelles (Madrid), 11.12.12.
Desde a esquerda: este menda, Javier Ruiz Taboada; Predicador Pale Rider (a. Pablo Sebastiá), Ana R. Sanfeliu, Pedro Pablo G. May y Suso Postigo.
Librería Rafael Alberti, en Argüelles (Madrid), 11.12.12.
Etiquetas:
cousas nas que anda un,
ex libris
6.12.12
Vivir. Sobrevivir
Un ten un fillo que vén de estrear a
súa maior idade sacando o carné de conducir. O luns, na deglución matutina do
café cunha pulguiña de xamón, un le, como quen non quere a cousa, que unha moza
de 22 anos faleceu a madrugada do sábado anterior no accidente provocado polo
exceso de velocidade dun Audi A3 vermello, pilotado por un mozo de 26
primaveras, que deu positivo en drogas e alcol. Entón, a un, que non naceu onte
e antes de frade foi diaño, se lle atraganta a pulga de xamón e máis o café e
sente nacer un proído que, pouco e pouco, vai disfrazándose de pregunta: e se
fora o meu fillo o condutor? Ou a vítima? Nun mundo uniformado onde todos
facemos o mesmo, nos mesmos sitios e ás mesmas horas, a desgraza allea (joder, como estará esa familia) leva
sempre implícita a semente dun consolo acedo (púidolle pasar ao meu fillo, menos mal que non). E un lembra tamén
amenceres de viño e rosas nos que a pálida luz da mañán era unha escrava aos
nosos pés e os excesos, fillos dos paraísos artificiais, a patente de corso
dunha mocidade eterna, onde a posibilidade dun accidente e o abismo negrísimo
da dor insoportable apenas representaban un segundo de escrúpulo punzante. Iso
que chaman sentar a cabeza é un
proceso complexo, resultado dunha connivencia de factores en permanente desequilibrio,
que se substancian en boa medida na domesticación da saudade por unha xuventude
que, ai, non ha volver. En ocasións innúmeras e baixo os estímulos máis
diversos, teño reflexionado no comprometido que resulta para un pai transmitir certos
valores e ponderar riscos vitais perante o seu fillo, eludindo recoñecer que el
mesmo os correu e cunha intensidade mesmo maior. Penso agora que tal vez foron
mala escola para un futuro pai aqueles marabillosos anos da Transición, nos que
toda unha xeración de rapaces descubrimos de súpeto que o mundo era unha luz
cegadora e un disparo de neve, que unha miserable ditadura nos furtara: vive ás
présas, morre axiña e que lle dean bertorella a todo, foi a consigna de moitos
no entanto chegaba aquilo que os Panero chamaron o desencanto. E co desencanto veu
a supervivencia, viñeron as angueiras e responsabilidades derivadas do de
sempre: xa saben, fundar unha familia e debuxar un mapa no mundo. Hoxe, cuando me paro a contemplar mi estado, e
miro os ollos verdes de Rober, que vén de estrear a súa maior idade sacando o
carné de conducir, só se me ocorre unha lección que transmitirlle: aprende de
teu pai, porque teu pai é un supervivente. E non é pouco.
Etiquetas:
lembranzas e reflexións,
sociedade
Suscribirse a:
Entradas (Atom)