Mostrando entradas con la etiqueta ficcións e relatos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta ficcións e relatos. Mostrar todas las entradas

13.12.17

Para que serve un filólogo?



Algunhas veces, tras unha breve disertación privada (a un amigo, á miña familia…) de natureza filolóxica, comentando, por exemplo, algunha etimoloxía curiosa, non son quen de ceibarme dun oneroso interrogante: para que serve un filólogo? Poñamos por caso que lles conto aos meus fillos, non por ir de listillo, conste, senón porque a cousa sae na conversa, que as palabras galegas callar e coagular ou comungar e comunicar son curmás. O máis probable é que os chavales digan algo como ahá, pero me miren cunha expresión que, no fondo, quere dicir: pois mira ti que ben. E para iso tanto estudaches? Esta indisimulada dúbida existencial que, en ocasións, me anega lémbrame a pregunta, por demais inevitable, que unha vez se facía un poeta: para que serve un poeta? 
Un filólogo tamén sabe, entre outras moitas cousas máis (todas, como se ve, curiosas e utilísimas), que é un til de nasalidade. Non me dirá vostede que non sabe o que é un til de nasalidade? Non, non é unha pinza para poñer no nariz. Un til de nasalidade é un símbolo gráfico que se usa en portugués para indicar que unha vogal é nasal: razão, nações. É o mesmo revirigancho (fermoso vocábulo!) que usamos en galego (e en español) para coroar a letra ene, co resultado do grafema eñe (ñ), tan castizamente español (e tan deostado por outras normas gráficas do galego alleas ás oficiais).  
Pois ben. Se hoxe lles conto que, como semella resultar evidente, non teño moi clara a proxección utilitaria dun filólogo, non é para abominar de tan nobre oficio, senón máis ben para enaltecelo na ara da máis sofisticada tecnoloxía da comunicación. Eu, que aprendín a escribir cunha pizarra e un pizarrín, síntome, como filólogo e como editor, un privilexiado por ter podido ser coetáneo da emerxencia e eclosión da Internet, sen dúbida a mudanza na comunicación humana máis profunda e radical dende a invención do libro impreso. 
Nas miñas aulas do mestrado en edición contáballes aos alumnos, maiormente nativos dixitais, que para redactar cunha máquina de escribir o texto da miña tese de licenciatura, cando tiña que grafar unha palabra portuguesa con til de nasalidade, imprimía un eñe no papel e logo cunha tesouriña recurtáballe o til, cunha pinza de depilar aplicáballe un chisquiño de cola por atrás e pegaba o minúsculo recorte encima da vogal nasal da palabra en cuestión. E así para cada vez (e foron moitísimas!) que debía reproducir algún vocábulo luso co diaño do til de nasalidade.  
Hoxe, escribindo estas liñas no meu portátil, confeso a vostede que sinto máis orgullo que saudade daqueles tempos. Pois todo, na evolución das cousas humanas, é unha cadea que nunca rompe.

25.4.08

Despois dun susto nocturno

Xornal dos meus días, bitácora de lembranzas, depósito de angueiras e alegrías, recanto de reflexións e pareceres -e, porque, precisamente, é onde hai confianza onde non debe dar noxo-, nestas páxinas ten debutado xa o sangue do meu sangue. No post de hoxe, en relación non vertical senón paralela, Sonia a muller coa que comparto a vida e nai dos meus fillos, que deixou por escrito unha anécdota familiar da que gustei tanto, que, sen máis, vai de contado. Lembroume —sen ela o querer— o Xigante egoísta de Dickens.

Historia de un balón
Érase una vez un balón que vivía en la estantería de un centro comercial hasta el día en el que un niño lo compró.
El balón en cuestión llego a la casa del niño y fue cuidadosamente depositado en un lugar preferente de su cuarto, a la espera de que la lluvia insistente de los últimos días cesara de una vez y así poder estrenarlo en las pistas de la urbanización en la cual vivía.
Ese día llegó. Una jornada que amaneció lluviosa dió paso a una hermosa tarde primaveral y el niño, en cuanto regresó del cole, se fue directamente a probar su balón nuevo con el resto de sus amigos.
Todo iba bien hasta que la mala fortuna hizo que la pelota, en un tiro mal calculado por parte de un compañero, se colase en la casa que linda con la pista de fútbol, como había pasado ya en otras ocasiones debido a la escasa altura de la valla colindante.
A los pocos minutos el balón fue devuelto a la pista de juego, pero sorprendentemente apareció con un corte efectuado en su parte externa que produjó que la goma se saliese a modo de chichón.
El niño, desolado, vió como su balón recién estrenado había sido mutilado y por la noche lo guardó debajo de su cama, quizás para ofrecerle cierto consuelo.
Ese mismo niño se despertó a las cuatro de la madrugada y se presentó aterrado en el cuarto de sus padres después de haberse producido una estrepitosa explosión que puso en alerta a toda la familia.
Una vez explorada la casa para comprobar el origen del estruendo el niño, un poco más calmado, exclamó: ¡ Ha sido el balón, ha explotado!
En efecto, el balón brillante se había convertido en una especie de pellejo que no soportó la presión del bulto que le había producido el corte practicado la tarde anterior.
La familia no pudo volver a dormir esa noche, el balón pasó a mejor vida y el niño...

16.2.07

Caneca. Unha ficción

Benquerido Abel:
Sei por Rosa que te enteraches da noticia e ben vexo polo teor do teu último mail que non te lembras do Caneca. Despois de tantos anos na vila, ¡mira que non te lembrares do Caneca! Home, se a dicir verdades vai, hei recoñecer que mesmo eu, que non rompín tanto coma ti o contacto co pueblo, ben pouco é o que lembro del e para o pouco que recordo preferiría ser obxectivo e non perderme en ensoñacións líricas. Pero, xa que me manisfestas o teu interese en lembralo, e en honra á precisión que sempre foi en ti característica, tamén eu procurarei ser conciso e directo.

O Caneca era baixo, besgo, a cara chata; como feo, era feo de doerlle a cara, as gafas de cu de botella. Gastaba bisoñé e era claramente parvo. Eu non son psiquiatra nin neurólogo e ignoro a patoloxía concreta que o afectou, un retraso mental en liñas xerais e sen entrarmos en máis detalles. ¿Por qué será tan difícil imaxinar a infancia dun adulto cun retraso mental? Ata semella que nunca foran nenas ou nenos porque existe a convención de atribuírmos a condición da dignidade á natural conformación humana, e esta é unha circunstancia por completo ausente nun neno que mal cacarexa o seu nome ós doce anos. Os nenos parvos non son graciosos nin moito menos e normalmente un desexa apartalos da vista canto antes mellor. En calquera caso, prefiro non imaxinar a nenez do Canequiña, porque teño pra min que se naceu parvo, as circunstancias dos seus primeiros anos de vida (aí che van un par de apuntes: unha aldea en Galicia, plena posguerra) deberon afondar brutalmente a súa innata limitación mental. Nunha mañá da cor da leite presa, adoecido de frío, resecas as augas naturais do corpo nos bastos lenzos, a criaturiña ollaría co mesmo ollar birollo de parvo que tivo toda a vida un mundo raro e escuro, que non lle pertencía nin lle pertencería nunca. Gastaría os folgos inocentes en berrar, soíño, fundido nas sucias sabas, mentres os seus gobernaban a habenza ou andaban bourando nas touzas. Alí era o Gosé, Gosesiño, co pito fóra, as babas duras de se non lavaren, o Canequiña neno. Non vou seguir por aquí.

Recordarás -abofé que non fará falta que revolvas moito na artesa da lembranza- que nas festas da vila a tradicional brincadeira da cativallada, hipocritamente consentida polos maiores, era ir por detrás do Canequiña e sacarlle o peluquillo dun tirón. Dábase o infeliz babeca ós demos e á puta que nos parira, recollía o informe trollo de pelo, cada vez máis mesto de terra seca e o pó do campo da festa, voltaba a o poñer no melón hipertrofiado e de novo, nunha rolda absurda, repetíase a quenda. Ía Caneca á festa fardado no seu traxe de raias, regalábano nos carros con viño país malo como a carne do pescozo e poñíase á morte dos cagallóns que atrapaba. Ría a comparsa arredor do parvo, tornaba o seu mundo a unha demoníaca espiral de mareo na que se sentía estupidamente protagonista antes de aburrírense os circunstantes, veren que a curda de Canequiña xa non era divertida e intuíren un patetismo que, malia implícito, proía. Moitas veces teño marchado para a casa cismando no Caneca, tentando -naturalmente sen o conseguir-, modelar o seu mundo.
Nas feiras dos mércores os nenos iamos ao posto dun quincallas moinante da parte de Bergantiños, mouro el, de mirar atravesado, a lle comprar condóns. Mal queriamos nós os condóns que nin aínda ventabamos como sería aquilo de lla meter a unha muller por algures, algún sitio fedorrento e peludo da entreperna. Pero era o gusto morboso de entrarmos naquel territorio húmido do sexo, placidamente dooroso, o que nos movía. Viñan os condóns en caixas de cor verde, de cartón malo co reverso gris, que traía pintado un trébol. A min dábame un noxo insoportable tocar aquel plástico mollado e mirarlle aquel carapucho na punta. Logo iamos á fonte da alameda a os encher de auga ata que rebentaban. Non sei por qué pero, malia o debuxo, os máis famosos condóns eran "La Gaviota". Eu nunca os vin, pero ó millor a sona lles viña de encaixar ben o nome no verso famoso e proscrito: "Condones La Gaviota, no se escapa ni una gota". Buscarlle consoante a "trébol" era, claro, para matrícula.
Na feira dun mércores da miña mocidade -supoño que mentres eu ía entretendo o tempo en clase de francés ou relixión cun cóengo-, o bo do Caneca -andaría entón pola cotena- foi á ferretería da vila e pediu uns metros de adibal para unhas obras no alpendre. Soportou o vacilón dos circunstantes e marchou ben contento coa súa corda. Fardouse co traxe xastre que tiña para o día do santo (un negro de raia ancha que eu lle recordo moi ben), puxo uns zapatos baratos da feira ben lustrados de cremabúfalo; afeitouse, botou ronquina xeneroso polo bisoñé sobrevivinte de tanta hostilidade, e o varondandi pola jeta; pegou no adibal, foi a unha figueira vella que había de par da casa, enleou con coidado a corda nunha ponla forte tras facer un nó de reglamento que un irmán meirande lle aprendera para o xugo da facenda. Subiu a un tallo centenario, adoito residenciado na cociña. Meteu a cachola inmensa polo lazo, dun couce bateu no tallo e alí ficou dependurado do adibal. A xustiza atopouno de columpio, calvo, amoratado, a lingua de por fóra, a mesma cara besga de parvo de sempre, as gafiñas de pasta grosa e cu de botella. A baíña do pantalón aínda pingaba mexo. Sacara o bisoñé, que, por certo, nunca apareceu.


¿Qué pasou pola cabeza do Caneca para tal decisión? ¿Cal, como será o proceso interior dun retrasado mental que se suicida? Teño algunhas ideas ao respecto pero, ademais de ser moi tarde e sentir a fonda preguiza que na miña estirpe xa é proverbial, non fan hoxe ao caso, ou sexa que, querido Abel, tira as túas propias conclusións.
Eu fico, como sempre, o teu fervoroso servidor, contento de che ter refrescado a memoria e agardando verte por aquí cando queiras.

4.1.07

Pola rúa

Está o que mira fuxidío e con expresión de leite agrio, coma se a existencia allea lle parecese unha ofensa. Está a muller que sorrí, que se ve satisfeita; ten pinta de non ser normalmente moi feliz pero hoxe ten un día bo, ten unha ilusión; vai tan contenta que non é quen de disimular o sorriso pola rúa, o cal fai raro, fai raro ir sorrindo so pola rúa, coma se deberamos agochar a nosa felicidade, por se ofende aos demais. Está o tipo baixiño, mal vestido, xa maior, que mira a xente coma pedindo perdón por existir. Tenas todas: é feo, pequeno, case un ancián, e, por riba, é pobre, o que se adiviña pola roupa. Teño a sospeita de que ninguén se sente orgulloso del; non debe haber nada máis triste que saber que ninguén se sente orgulloso de un. Este home insignificante sorrí mirando a xente, coma traficando coa súa bondade e insignificancia para que os demais non lle fagan mal. Está o señor que fala so, que pasa baduando, e xesticulando coa cara, metido aló no fondo de sabe deus qué razoamento serio e trascendente. É un señor con pinta de pensionista e de ter problemas de próstata. Ten cara de poucos amigos. Viste de americana e corbata, pero gastadas e pasadas de moda e completamente descordinadas coa cor da camisa e o pantalón. O pantalón, gris, quédalle mal, moi ancho. Entre a americana e a camisa leva un xersei —un suéter, palabra hoxe esquecida— de pico. Está a muller madura pero aínda atractiva, que deixa ao pasar unha leve corrente e un arrecendo a perfume caro; taconea con forza como afirmando a súa importancia. Ten pinta de ser da Coruña e veranear en Sanxenxo (esta é unha manía que teño: todas as señoras de idade e moi emperifolladas parécenme ser da Coruña e veranear en Sanxenxo: antes tíñanme pinta de participar naquelas mesas petitorias do Dómund, pero como agora non hai…); entre a maquillaxe, a pintura de ollos, as horas de perruquería e o bronceado de lamparilla resulta comprometido aventurar como será esta muller ás oito da mañá recen saidiña do cama; pero ela vai polo mundo tan chea, procurando crear ao seu redor unha aureola de inaccesibilidade, de estar reservada a certos niveis adquisitivos. Está o tipo que traballa nun banco —todos os tipos que traballan nos bancos teñen un aspecto común—, con traxe caro pero non tanto (digamos Caramelo ou Dutti), maduro e con aire de crerse perfecta e irresitiblemente atractivo. Camiña moi rápido, pois a présa é un signo inequívoco da súa imprescindibilidade. Está o tipo pequeno, gordiño, de bigote e gafas pasadas de moda que fala moi alto polo celular, co obxecto declarado de que todo o mundo ao seu redor oia que o tipo do outro lado da liña ten que dicirlle a un tal José Manuel que ten que estar en Lugo o venres as once sen falta, que se non el (o tipo do celular) non se fai responsable. Está a velliña que espera o bus, na parada, con expresión de insondable tristura. Leva un carriño deses da compra, vello, un abrigo raído da época do cuplé, as medias cheas de carreiras e uns zapatos baratos e feos. Non son quen de imaxinar que algunha vez foi unha nena. Hai xente que parece non ter sido feliz nunca. Está o teenager que vén de descubrir o sexo, metrosexual, andróxino, apestando a Boss for man, e seis quilos de gomina na cabeleira. Está o señor de pajarita, pelo blanquísimo, delgado e elegante, de aire cosmopolita e aspecto de ser un eminente neuropsiquiatra retirado. Está a inmigrante caribeña de traseiro hipertrofiado que a obriga a andar cun bamboleo característico. Está o das alfombras que di barato, barato, coa expresión de quen está de volta de todo. Está a adolescente que vai —roupa cinguida, curvas e pernas interminables— da man doutra, arrastrando as eses e coméndose a metade das consoantes, absolutamente inconsciente da lascivia que estimula ao seu paso. Está o tipo aínda novo pero prematuramente envellecido; é feo, melena aceitosa, viste mal; ten sobre trinta e cinco anos, pero vive coa nai viúva nun piso pequeno e decrépito do centro; mantense da pensionciña da vella; é un fanático dos videoxogos, da informática doméstica e do vicio solitario. Está o tolo, con pinta de tolo, con ollos de tolo, con andar de tolo, que dá entre pena e medo. Está o borracho de banco e viño en tetra-brik que seguro que coñeceu algo mellor. Está o señor, case un vello, tocando a guitarra e cantando Yesterday dos Beatles e pregúntome que pensarán del os fillos ou onde irá durmir esa noite. Está a muller misteriosa coa que cruzamos unha ollada e ela insiste, e é cando cremos que ben podía ser o inicio dunha aventura, e logo pensamos que ao mellor non é tan misteriosa e que a rutina acaba jodéndoo todo.

Está o inmenso, inatinguible zoo humano, o infinito catálogo de tráxicas fatalidades e ledicias inesperadas, o inventario interminable de xenreiras seculares e amores imposibles, de bágoas crueis e bágoas doces coma a mel, o repertorio eterno de medos, frustracións, intentos, logros, apertas, dor, agarimo, odio, conquistas e retrocesos, sufrimento e benestar, sombra, luz, futuro e tempo ido.
Está o río; sempre o mesmo río, nunca a mesma auga.

31.12.06

Historia dunha mesa (e III). Feliz 2007.

Aforcan a Sadam nunha picota cibernética e multinacional (pero o senador vitalicio Augusto Pincohet morre cristianamente no leito, aclamado por medio país). ETA volve a arruinarlle a vida a alguén. Otegui non pode disimular a súa satisfacción e de novo hai que soportar verlle a jeta nos medios. Non son moi bos auspicios para despedir 365 días marcados por estigmas de apocalipse: lume e auga.
Mañán nace un segmento de futuro que temos bautizado con nome de número, dous mil sete, 2007, don Dous Mil Sete. A ver como se porta! Ten sete, que é bo número (e suma nove que aínda é mellor!).
Coa terceira parte do conto de inverno e mar atlántica que titulei Historia dunha mesa (ler a primeira parte; ler a segunda parte), envío desde os cómaros grisverde da Amaía os meus máis sinceros desexos de benestar e serenidade a quen me lea (e a quen non tamén!). Feliz 2007.

III
Un irmán do meu bisavó materno, a quen eu non coñecín, era na altura da calamidade do Darlene párroco da freguesía de Restrelo, e foino de feito ata a súa morte, case corenta anos despois de ter accedido á parroquia. El foi quen oficiou as exequias (católicas, naturalmente, malia seren protestantes os náufragos) e se encargou, xunto coa Benemérita e o xulgado do partido, das xestións para as correspondentes notificacións ao consulado e embaixada británica. Parte do casco do Darlene aboiou durante algúns días ata que afundiu de todo. O mar estivo botando durante días restos de maderame e infinidade de táboas de palisandro da carga. A xente ía recollendo con reverencia e respecto o que lle conviña. Fora pecado ter deixado aprodecer aquela fermosa e nobre madeira nas areas da praia.
Unha tarde de domingo de remates do mes de xaneiro -meu tío revestíase xa para a misa-, petaron na porta da rectoral de Restrelo. Anuncia, a vella criada do meu parente -herdada xa do seu pai-, fixo pasar á sancristía a dous parroquianos, vellos mariñeiros ben coñecidos do señor cura. Ofrecéronlle as últimas táboas de madeira do barco naufragado. Aseguraban que, mediados xa dous días dende as derradeiras que chegaran a terra, non era posible haber máis. Era -non me cabe a menor dúbida-, unha especie de homenaxe ou, mellor, unha práctica de maxia pagá e escuramente propiciatoria na que se quería mesturar o poder da Igrexa encarnado no cura coa ofrenda extrema das potencias terribles do azar. Por non lles facer o desprezo -ben se sabe como son estas cousas-, o meu tío aceptou con certo escrúpulo o ofrecemento. Durante días ollou con temor e escrúpulo aquelas táboas de madeira achocolatada, lisa, de perfectamente puída superficie, sen se decidir qué demo facer con elas. Ao cabo, a Anuncia foille coa copla a un seu cuñado de nome Nardo, Leonardo Trigo, carpinteiro, e dos bos, quen, despois dun inacabable introito de moitas voltas á pucha na man, faloulle ao señor cura que era boa mágoa ter aquela madeira nobre e preciosa deixarse derramar así sen facer nada con ela. Que el, polo tanto amor que lle tiña ao señor cura, que tan ben se portara sempre coa súa cuñada e a súa muller e con el mesmo, e aínda cos finados de sus padres, se o señor cura o permitira lle ía facer unha mesa aproveitando o palosanto das táboas para as patas, que as patas queren madeira dura e que agradeza o retorneado que levan. E que para os caixóns e mailo taboleiro tiña el un resto de castiñeiro que non había máis que tratar. O meu tío, que xa ía aburrido da canción da mesa, dixo que si e púxose por conforme ao proxecto do Nardo e en menos de tres semanas tiña a mesa no salón da rectoral.
O certo é que o señor cura nunca lle quixo a aquela mesa e nin sequera debeu ter en gran consideración as excelencias da madeira tan gabadas polo carpinteiro. Durante anos, partiu sobre o mesmo taboleiro as obleas co molde para as sagradas formas, de xeito que este estaba inzado de fondas cicatrices en forma de semicírculo. Á morte do meu tío, herdou a mesa o meu avó que, sen lle facer moito caso, a arrumbou nun recanto du xulgado do que foi secretario durante moitos anos. Un irmán de meu pai, médico rural, empregou a mesa na súa consulta semanal dunha vila próxima ata que a meu pai, dado coma min a unha percepción especial da poética das cousas, se lle encaixou que eu había ser o propietario da bendita mesa. Ir á consulta do meu tío a buscala e encargar a súa restauración foi todo unha. Decidín, unha vez restablecida en todo o seu esplendor e beleza, que en ningures como nesta casa atlántica estaría mellor.
Agora está aquí, diante miña, testemuña muda de terribles e antigos acontecementos, e eu, co espírito enchoupado de tempestade, de serán escuro e de invernía, sinto como nunca o engado fascinador da súa madeira.

7.12.06

Historia dunha mesa (e II)


2ª parte do relato iniciado o pasado día 28 de novembro.

II
Polo que eu sei (e acaso non sexa este o momento de aburrir especificando as miñas fontes), a véspera do Nadal de 1888 zarpou do porto de Macapá, no noroeste do Brasil, o mercante inglés Darlene con destino Southampton vía Lisboa. Amais dunha pequena pasaxe -algúns europeos afincados no Brasil que voltaban ao vello continente-, o buque cargaba unha enorme cantidade de madeira en táboas procedente das selvas interiores do país. Era o seu capitán un tal Heatherford, mariño máis ca experimentado na travesía do Atlántico e que levaba ao mando do Darlene unha chea de anos. Home recto e amigo de facer as cousas ben, Heatherford -cando menos iso se afirmou despois-, tivera xa unha serie de problemas e diferencias coa consignataria por mor de fallos e neglixencias nas estibas da carga e excesos no peso obviamente conducentes a un maior beneficio no menor número posible de viaxes. Desta, polo visto, el en persoa tiña supervisado o acomodo da madeira no ventre do buque e todo fora conforme o seu gusto. Pero, como se adoita dicir, cando o día está de pulgas non vale cambiar a camisa. Aos oito días da partida, e despois de ter afrontado unha mar grosa invariablemente violenta, na altura dos 13º N e 32ºE, a uns 450 km ao surleste de Cabo Verde, o barco houbo de arrostrar unha espantosa galerna con violentísimos refachos de babor que case o botan a pique. Só o sangue frío do capitán e un profundo coñecemento do seu oficio evitaron unha segura catástrofe. Aportaron ao cabo en Lisboa e, tralas reparacións de rigor, seguiron viaxe cara ao Norte. Na tarde do 15 de xaneiro de 1889 o buque cruzaba as augas que arestora teño á vista. É inexplicable que un mariño tan experto e frío como Heatherford se chegara tanto á costa, pero o certo é que andaba a non máis de cincocentos metros da que por aquí chaman Area do Nove, a escasos novecentos metros ao sur da punta Balea. No medio dunha fortísima borraxeira de vendaval, con mar moi grosa e olas de catro e cinco metros e xa totalmente escurecido, malia non teren dado aínda as seis da tarde, Heatherford debeu decidir aproximarse máis á terra emproando cara ao surleste por un punto traicioneiro chamado Cons da Codia. Cando se decatou do errado da súa manobra, era xa demasiado tarde. A quilla do Darlene bateu violentamente cos baixos que racharon lonxitudinalmente o casco coma se fora de palla. Na aldea de Restrelo, no lugar propio dese nome fronte por fronte dos Cons da Codia, oíron o estrondo do buque ao se fender e os berros dos infelices que eran pasto daquelas augas temibles. Dende o día seguinte, o se calmar un así a borraxeira, as xentes da volta, de Trascastro, de Ameán, de Fremil…, ían recollendo os corpos que o mar, xa cobrado o seu tributo, devolvía á terra. Pó ao pó. Nunha touza, onde remata a praia, alí mesmo na Area do Nove, foron soterrados non menos de corenta corpos, homes de mediana idade na súa maioría, anque había tamén catro ou cinco mulleres e algún rillote de trece ou catorce anos. Os restos dalgúns foron tempo despois repatriados a Inglaterra anque disque había tamén holandeses e algún alemán. O corpo de Sullivan Heatherford aínda está alí, no lugar de preferencia -un cómaro dende o que se divisa toda a extensión da mar inmensa, que aquelas xentes mariñeiras que deron terra aos corpos sabían que o capitán debía ter. Unha placa de metal escuro foi colocada non hai moito no centenario do suceso, nun acto sinxelo que, curiosamente, tivo moi pouca repercusión nos medios de comunicación e ao que asisitiron incluso descendentes dalgúns daqueles desventurados. Di : Sullivan Heatherford (1826-1889), Captain of shipwrecked Darlene. Ese sublime laconismo británico.
(Continuará)

28.11.06

Historia dunha mesa. Relato en tres entregas


Non sei se será cousa acostumada practicar a literatura de cordel ou por entregas -tan de tempos pasados- na blogosfera, nin estou certo do resultado que tal designio terá. Pero, acubillado naquilo de que non fago mal a ninguén, aí vai un breve relato en tres episodios. Agardo que, na fin de cada un, a impaciencia devore aos asiduos deste local!
A cousa vai dunha fabulación arredor dunha mesa que teño.



I
Duras, durísimas son as borraxeiras deste mar noso. En medio dunha galerna de novembro, comodamente instalado na miña casa de inverno fronte ao cabo e os rochedais, o marco da fiestra pola que arestora estou mirando limita na madeira a visión dunha imposible fervenza de auga, vento e nubarrada escura. Na perspectiva dun home coma min –mariñeiro de auga doce, urbano ata a médula, aínda que coa capacidade de percibir o mar, a mar, como elemento substancial dun certo sentimento lírico (cando menos as fins de semana...)–, dá medo, auténtico temor, pensar no que ese mar debe ser visto dende dentro, dende a borda dunha baca en augas de Touriñán ou fronte ao Vilano. Algunha tarde, vítima da indolencia e apreixado por esa futil sensación de melancolía, de baleiro tan peculiar do serán que sabe próxima a fin do día, paseo polo peirao e miro os mariñeiros, homes feitos, vellos curtidos, nenos, rapaces na flor da mocidade, iren e viren entre as chalanas, aparellos e os restos de peixe morto, e síntome pequeno, vítima dun inconfesable sentimento de inferioridade. Ben sei que na vida ten que haber de todo, quen vaia ao mar e quen escriba poemas contándonos como é a vida, pero o respecto que de sempre me impuxeron os homes do mar exerce en min unha presión íntima e inevitable. Lembro esa clasificación terrible dos seres humanos entre vivos, mortos e mariñeiros.
Ollo para fóra. Segue impoñente o trebón, mentres marcha de vagariño a luz. Debera acender a lámpada se quixera ver un algo pero non quero. Prefiro ficar así, de pé fronte á fiestra e deixar ir a tardiña en silencio, no tépedo silencio do meu apousento mentres a escasos sesenta metros desenvólvese dantesco o temporal. O meu bafo enche de barola o cristal frío; o piano de Phil Aaberg, inspirado orixinalmente nos cumios de Montana, acáelle tan ben á miña paisaxe que non deixo de reflexionar na forza da estética subxectiva. Envolto na maxia lumínica deste solpor borrascoso reviso, máis coa mente que coa vista, os obxectos que me arrodean. Ao característico da súa disposición (os meus libros -amigos leais-, o equipo de música, … nada do outro mundo), súmase un certo encanto xenericamente mariñeiro -non pretendín aquí deixar a máis mínima pegada persoal-, derivado dos rolos de cabo tirados acó e acolá, un par de nasas habilitadas como lámpadas de sobremesa ou un vello temón dun vapor que me regalou un irlandés perdulario e borracho. De entre o conxunto de obxectos que alcanza a vista-¡maxia dos obxectos que os fai vivos, tan próximos!-, salienta de modo preeminente a miña mesa, a onde de súpeto dirixo a mirada. Suspendo neste punto toda outra reflexión e reparo nela.
É indiscutiblemente unha fermosa mesa que destila antigüidade, pero magnificamente restaurada. O taboleiro é de gutapercha verde encadrada en anchos marcos de madeira. Nas patas, elegantemente retorneadas e de madeira sensiblemente máis escura, vese outra man; parece que foran dispostas unha vez rematado o seu corpo principal. En efecto, a parte superior é de castiñeiro, de bo castiñeiro do país, duro e nobre coma o granito; pero as patas son de madeira moi escura, case negra, palisandro de Brasil nin máis nin menos.
Porque esta mesa ten historia, unha historia íntima, misteriosa, cativadoramente relacionada coa mar, con esta mar fervente e traidora que contemplan os meus ollos.
(Continuará).

23.11.06

Bambú

A Manolo García Diéguez, que me regalou a idea deste conto
O que máis me chamaba a atención do mestre eran os dedos medio e índice da súa man dereita absolutamente amarelos. Non quero dicir tirando a amarelo, non. Eran amarelos de vez, como os limóns ou o zafrán. Eu ben sabía que tan fermosa cor de dedos era por os teren sempre sometidos ó fume dos petillos aqueles de picadura que o mestre chupaba un detrás doutro. Por veces, os petillos cambiaban de domicilio e ían parar á unha boca de dentes máis negros que amarelos, anque algo de amarelo tiñan tamén. Entón o mestre falaba con cara de malvado, regañando a boca e chiscando o ollo do lado de onde lle viña o fume.
Cada vez que comezaba o noso anual periplo pedagóxico, nos primeiros días de setembro cando o intolerable frío do inverno era aínda unha ameaza remota, o mestre nos encarecía as belezas patrias, entre elas o delta do Ebro, que, non obstante el non o coñecer persoalmente, lle fora moi gabado dun seu curmán, panadeiro en Tortosa. Tamén lle saía o bo humor –o que era máis ben malo, pois de costume representaba a calma antes do trebón– cando nos falaba das afamadas rías gallegas, que, estas si, visitara máis dunha vez, especialmente as Baixas. Contaba o mestre –requintada a voz, no bico dos pés por ser baixiño– que cando Dios Nuestro Señor fixera o mundo, canso como ía de tanto choio, cos dedos da man esquerda apoiouse na terra de Galicia, aínda non ben callada por andar o mundo en obras, e sen querer saíronlle as rías gallegas, que por seren directa, anque polo visto involuntaria, creación do Señor, ficaron tan pintadas. Entón o mestre para nos ilustrar sobre o sublime acontecemento, imitando o movemento divino, espalmaba a man esquerda no mapa da península Ibérica, un mapa vello que nos cantos ía xa cuarteado e que en letra grande decalaraba Península Ibérica, e logo xa máis pequena Con las posesiones españolas africanas. Alí ía a man do mestre e, ubicándoa nas rías, triunfal, virábase cara a nós e ficaba así inmóbil un pisquiño para podermos os seus pupilos admirar a estupenda obra do Facedor. Eu, incapaz de compartir o entusiasmo do mestre, ollaba pampo aqueles dedos amarelos e grosos como percebes preguntándome se Dios Nuestro Señor tería tamén o vicio de fumar caldo.

Avanzaba a estación e sentiamos veciña e inexorable a invernía. Nas tardiñas, mestas, lenturentas, de tempo espeso, do mes de Santos había que acender a luz, mesquiña e cajada de moscas a bombilla. Cando repasabamos a táboa de mutiplicar ou liamos o Floresta, galgaba por riba do besbesello –era gustoso o mestre do silencio–, o renchir dos carros e os berros para poñer ó rego as vacas e, tamén por veces, lonxanos, misteriosos, os oubeos do lobo, aló na serra.
Por entón, o anecdotario do mestre deviña erudito e botábase de políglota, traducindo nomes ó inglés ou francés. Ano tras ano eran as mesmas palabras. Mesa, silla, galo, galiña, casa, árbore, mestre e catro cousas máis. Eu tiña as miñas dúbidas de que os ingleses ou franceses para diciren galiña ou casa tiveran que poñer a mesma cara ridícula que poñía o mestre. Ós que tiñan apelidos traducibles llelos traducía, e o mesmo o nome. Por caso, un José Castaño lle preguntaba como lle dirían os ingleses e o mestre facéndose o interesante lle contestaba Joseph Brown e despois de o pronunciar servíase poñelo por letra no encerado e quedabamos todos parvos mirando aquel impronunciable envurullo. E o mesmo pasaba, non sei, co Carlos Iglesias ou o Luis Campos. Había na escola un Carracedo que por ser esmirriado e pouca cousa, e tamén porque lle acomodaba ó nome, lle diciamos Carracho. Pois vai o Carracho e espétalle ó mestre que cómo se di Carracedo en inglés e cando o mestre, reprimindo a risa como puido, informou ó Carracho non ter equivalencia na lingua de Albión, este petou cos cotelos un lixeiro golpe no pupitre, sentouse e, contendo como puido o choro, mirounos a todos ca expresión de humillación e inconsolable tristura que só se ve no rostro dun neno. Eu sentino de corazón polo Carracho e pensei que tamén era bo capricho do carallo dos ingleses non teren palabra para Carracedo. Misterios de Babel.
O mestre era, aínda coas súas arrautadas, un infeliz, un miña xoia. Estivera casado pero enviuvara novo e sen fillos e vivía cunha velliña que disque xa a tiña de muchacha cando lle vivía a muller. Tiña un pronto de mil demonios pero eu, e os máis dos rapaces da escola, queriámoslle ben pois era afable connosco en tempos nos que os nenos pareciamos para todo o mundo unha borralla molesta e indigna de consideración. As lapelas da camisa renegridas e as puntas dobradas, a humilde gravata, o chaleque coa súa cadeíña de ouro do reloxio. Este reloxio se fose vivo atendería por roscopatén, que é como o mestre lle chamaba.
-Demonio, as cinco. Isto atrasa: hai que darlle corda ó roscopatén.
Moito tempo despois, xa home feito –sería contra o 58 ou 59–, nunha vella reloxería de Zürich vin nun escaparate un enorme carillón antigo que ostentaba na carátula ben clariña a marca “Roskoff” e debaixo en letra máis pequena “Patent” e, cun sorriso de saudade, de infinita saudade, expliqueime o nome do reló, lembrei o mestre, o cheiro dos plumieres e o frío sobrenatural daquela escola. Había quen de nós que lle sacaba gracia a un lamparón amarelo de mexo seco que o mestre lucía alí onde lle tocaba no pantalón a punta do instrumento, e é de destacar que o mestre cargaba para a esquerda. Pero eu non lle vía a gracia. A min dábame mágoa a súa pobreza.
Un día de outono estaba escolando o bo do home, explicándonos os vasos comunicantes, e entraron dous guardiaciviles e un fulano flaco con fixador no pelo, e con moito aspaviento pegan no meu mestre e o levaron. Atrás viña o cura don Severino que dixo que non pasaba nada, que o mestre tiña que cumprir uns trámites (e maldito se ningún de nós sabía qué era un trámite, pero non cheiraba nada ben) e botou o resto da mañá falando de Jesús e o pueblo de Insrael, así dicía con n, engolando moito o de Insrael. Para o día seguinte e o outro non houbo escola e ó terceiro día chegou o mestre, pálido, canso, coxeando da perna esquerda e con pouca gana de falar nin de nada. A moitos mangallóns que había na escola metéronos de militares pois disque había guerra. Eu que era dos máis pequechos quedei aló co mestre. Xa metidos no inverno, un serán escuro do mes Nadal o mestre, por nos entreter, anque sen moito entusiasmo, voltou á súa teima das grandezas patrias. Mentres liaba un petillo daqueles seus, arrancouse a falar de Alcoy e a gran industria de papel desa vila. Que se Alcoy tumba, que se Alcoy dálle, que Alcoy prerriba e Alcoy prebaixo. Que saen de Alcoy–claro, agora non, dicía, por estar en zona de guerra-, convois cargados de papel de primeira calidade para todo o mundo.
-Sen ir máis lonxe, ¿ónde credes que está feito este librillo de papel de fumar?
Levaba o mestre sempre o seu librillo de papel “Bambú”.
-A ver, ¿ónde cres ti que estará feito este librillo de papel de fumar?, dirixiulle a pregunta a un Penabade que era o tipo máis burro que na vida vin. Só lle faltaba unha mosca posta de fijo dándolle voltas arredor do melón. O Penabade saiu do seu parnaso particular de pan con queixo e chourizos, e, angustiada a expresión de quen intúe inminente e inevitable o ridículo, mirou para o mestre, mirou de esguello para nós, mirou para o librillo e dixo:
-En Bambú.

Un día de frío ingrato de xaneiro, o mestre apareceu morto, con outros dous, á beira dun camiño. Polo visto, a penas se lles coñecía porque tralos mataren fundíronos na goldra que logo coa xeada endureceu. Sacáranlle o roscopatén e maila cadeíña de ouro. ¡Cánto chorei por el!
Moitos, moitos anos teñen pasado. O tempo é unha brétema mesta que esvae os perfís desta congostra revirada e fodida que é a vida. Feito un cáncamo, canso e desenganado dos homes, eu sinto agora a vida do meu mestre como unha melodía alegre e triste á vez, unha música que dá gana de chorar oíla pero que é bonita e clara como a auga dun regatiño pola mañá dun día de sol.

16.11.06

Fotos en branco e negro


Despois dos sete anos ía polos veráns a un campamento (bautizado co nome dun insigne fascista vilagarciano) da OJE (Organización Juvenil Española) de Franco; alí nos daban café con leite en pratos de duralex e un doce de membrillo dunha cor misteriosamente verde. Nos aprendían fascismo a base de "consignas" (de tipo civil; poño por caso: Soy un eslabón en la cadena) e de "máximas" (de carácter relixioso) na máis cordial entente daquel invento tan cutre, mesquiño e aburrido que era o nacionalcatolicismo. Cos anos un vaise enterando de certas cousas, feblezas polo demais perfectamente disculpables entre homes, que era ao que se ía: o capellán e mailo intendente (un tipo siniestro do que todo o mundo sabía que facía auténticos destrozos coas contas e os estadillos do aprovisionamento) chegaron ás mans para dirimiren os favores sexuais dunha das cociñeiras, de nome Visita; aínda había outra culinaria pola que rifaban o resto dos mandos.
Hai xa uns anos, nunha cea oficial de certa institución educativa coincidín, mexando nos aseos do restaurán, cun individuo que foi varios veráns xefe daquel campamento. Unha vez estaba eu –con oito anos todo o máis–, sentado tomando un polo de laranxa e facendo guardia nunha das entradas do campamento e pasou este tipo –era enorme, imponente, de pelo xa entón branco e bigote negro–, e eu, pobre de min, non me movín porque non era sabedor do costume castrense que tal circunstancia esixía. Xirouse como un raio e berrando, tronando, díxome:
-¡¡¡Flecha, el saludo de la OJE!!!
Eu fiquei mudo, sentín empequenecerme, o polo caiume ó chan e mentres erguía o brazo no saúdo fascista os ollos se me arrasaron de bágoas. Ao que marchou, e mentres miraba o polo derreterse, sentín unha humidade quente e vergoñante na entreperna. Anos despois, alí estaba o tipo (era delegado provincial nun dos gobernos de Fraga, de non sei que cousa, algo relacionado cos deportes, creo) mexando, feito un cáncamo e dixen para o meu chaleque que un canalla vello é igual de noxento ca un canalla novo. A punto estiven de lle faltar, mentándolle a próstata. Porque un é un pasteleiro, que se non...
Un esquece, cambia; vánselle botando enriba anos, feitos, xentes, ambientes distintos, experiencias que vai un abismo dunhas a outras, maxia do tempo, o son familiar do carillón que nos leva en ás de Pedro Chosco a outros anos, á infancia, á sopa en pratos de plástico na mesa cos curmáns e un deles birolliño, todos baixo o manto tutelar da aboa, a grande mamma, á que lle encargaban sillóns de vimbio a medida do enorme que era...
No inverno viñan as frieiras no bordo das orellas, malia os gamberros de lá azul e gris de mamá; o leite en pó no grupo escolar José Antonio era ao recreo, da man agarimosa e cálida de Hortensia, o pelo gris revolto, unha expresión como de home, de home franco, grande era Hortensia, e forte; facía o xantar dos nenos pobres que ían ao grupo. O arrecendo que, nacendo na cociña, invadía todo o recinto do edificio no recreo convidaba a ficar alí, cos nenos pobres e compartir aquela comidiña feita coa graza e o agarimo de Hortensia. E eu sentía envexa, unha disculpable e infantil envexa, de non ser pobre e poder comer alí, e pensar qué o que fala esta xente pobre que non se lles entende, que na casa falabamos outra cousa.
A un que lle chamaban Alvarito moito o castigaban. Era este Alvarito mouro, os pelos crechos, a expresión doída de quen se sabe na marxe. Tiña revistas porcas que lle traía un tío que andaba de albañil en Francia e nolas ensinaba e eu sentíame morrer vendo aqueles peluxes e líquidos. Tamén dicían do Alvarito que unha vez lle chupou das tetas a unha cadela, unha perrilla parida que era de un que tiña un almacén de cementos, e disque lle bebera o leite e todo.
Unha mañá de inverno, vin algo que xamais esquecerei, tal foi a impresión que me produciu. A noite anterior houbera un temporal de tres pares de estalos, cun vento de furacán e un bullón de chuvia arreo. Alguén chegou ao recreo coa nova de que, preto do grupo escolar, caíra un poste de alta tensión. En minutos o carajo do Alvarito apañouse para cazar un gato, un pobre micho da rúa, miserento e abandonado. Eu, por certo, pregunteime pola estraña habelencia destes fillos da vida para mesteres que, coma cazar un gato en cinco minutos, a min levaríame todo o día. Pois ben, unha vez pertrechado do infeliz felino, dixo a quen quixo oílo que o seguira. E eu, vítima da morbosa e irresistible sedución de imaxinar o que non quería imaxinar que ía pasar, peguei atrás súa. Un anaco despois divisamos o poste derrubado polo vento. O pobre animal non chegou a tocar os cables tirados na terra. No aire, como a medio metro destes, coas patas tesas do terror, ceibou un maullido horroroso —que aínda resoa e resoará por sempre na artesa das lembranzas— e caeu carbonizado ao chan. Todos admiraban a Alvarito. Creo que chegou a director de banco nunha capital de provincia.
Tempo. O río de Heráclito. Fotos en branco e negro.

22.10.06

Abderramán









Prieto era gordo, langrán, con expresión obtusa e o movemento corporal dun paquidermo. Prieto, o pobre, cheiraba sempre a suor e frito e a roupa quedáballe invariablemente pequena. A gabardina parecía unha chaqueta e os pantalóns unhas bermudas. Como era tan grande, sorteabámolo para telo diante nos exames e así poder copiar con maior seguridade.
En clase Prieto sempre estaba coa testa —que a tiña cabezona, de pelo negro e crecho— apoiada na man, con cara de aburrimento infinito e de non ir nada con el. Prieto tiña unha máis ben escasa relación co mundo exterior. Eu sempre o imaxinaba perdido nun parnaso particular de queixo e chourizos. Só lle faltaba unha mosca de punto fixo dándolle voltas arredor do melón para completar o cadro. Como ao don Celidonio de Risco, tamén a Prieto se lle escacharan o cabezón habíanlle atopar un unto en vez de sesos. Prieto tiña apenas un único interese: o Marca que adquiría e lía puntualmente. Prieto fixo o bacharelato comigo.

A señorita Aguilar dábanos historia. Era numeraria do Opus Dei, tiña o pelo moi curto, parecía un home, vestía coma unha monxa, nunca ría e sempre interrogaba cun hum? despois de cada frase. Un día eu estaba facendo dedo para a miña vila e a señorita Aguilar pasou, viume e non me parou. Días despois, no instituto, díxome que os seus votos lle impedían levar homes no coche. Eu pensei: eu non son un home, son un neno, pero non dixen nada.
Un día en clase da señorita Aguilar tocaban os árabes. Abderramán pra riba, os almorábides pra abaixo, que se tumba con Al-Andalus, que se dálle coa Alhambra. Tras a explicación, e para nos ilustrar debidamente, a señorita Aguilar apagou as luces da aula e puxo as correspondentes filminas con imaxes da arte árabe no proxector. Unha das filminas amosaba o coñecido interior da mesquita de Córdoba. A señorita Aguilar pronunciou as palabras A ver, Prieto, e a este confuso estímulo respondeu a maltreita psique do interpelado, obrigándose a saír do paraíso de empanada de raxo no que probablemente se atopaba. Coa cinética dunha morsa púxose dificultosamente en pé.
-A ver, Prieto, ¿puedes decirme cuál es el monumento que se ve en la filmina?
Tanto, claro está, podía Prieto dicir cal era o monumento que se vía na filmina coma eu tocar unha polca cun bombardino. Pero o piadoso compañeiro que tiña atrás, provisto do libro e abeirado na penumbra reinante, con esa solidariedade propia de quen comparte a máis crasa ignorancia, soproulle sottovoce:
-La Mezquita.
-La Mezquita, respondeu cansadamente Prieto.
-Muy bien, Prieto, y ¿en qué ciudad que fue capital del emirato se encuentra la Mezquita?
De novo, oh virtude da amizade!, o apuntador arriscouse:
-En Córdoba.
-En Córdoba, volveu responder Prieto, co ton de quen está rogando que a tortura remate canto antes.
-Fenomenal, Prieto, fenomenal. Y dime ahora, ¿a que estilo arquitectónico pertenece La Mezquita?
Demasiado para Prieto. Suspirou profundamente cun bufido paquidérmico. Pero de novo, o salvador apostou por Prieto:
-Estilo árabe.
-Al estilo árabe, recuperouse un chisco Prieto.
-Magnífico. Y ¿en qué te basas para tu afirmación?
Augh! Aquí non cabía apuntación posible. Prieto ficou só ante o perigo. O apuntador repregou velas, moveuse incómodo no asento, sabendo que moitas miradas estaban pendentes dunha axuda xa imposible para o reo de tan severo interrogatorio.
Prieto volveu a bufar. Balanceouse lixeiramente dunha perna a outra e, tras un tempo prudencial, xa convencido de que non cabía agardar axuda externa algunha, de propria minerva sentenciou:
-Me baso en Abderramán.
Foi a única vez en todo o bacharelato que vin rir á señorita Aguilar.

3.10.06

Juanita


Unha vez, nun carretón de feira, andaría eu polos sete anos, vin a vaca Juanita. O carretón era todo de madeira, de cor azul, con rodas tamén de madeira pero de cor marela, e tiraba del un cabalo, vello, comesto das moscas, que piafaba seguido.
A vaca Juanita era un animal famoso que se exhibía polas vilas os días de feira. A razón da súa fama era unha horrible deformidade que lle nacía do lombo: unha especie de bolsa rugosa coma o fol dunha gaita da que saían tres patas, incompletas e de tamaños diferentes pero perfectamente recoñecibles, que dependuraban dun xeito grotesco a un lado do animal. Polo demais, Juanita era unha vaca de raza rubia como todas as vacas, coa expresión de indiferenza, resignación e mansedume característica das vacas.
Era mércores, día de feira. Un curmán meu e eu latamos clase —iamos ao Grupo Escolar ‘José Antonio’— para ver a vaca Juanita. No carretón cheiraba a corte: mexo, palla seca e bosta. O tipo que nos cobrou a entrada era un labrador fraco, de pucha sucia e gastada e cara de mala hostia. Eu pregunteime por que estaría de mala leche xa que tiña bastante sorte de que lle nacera unha vaca como a pobre Juanita que lle proporcionaba bos reutos sen dar pancada. O tipo estaba alí, fumando, impaciente e picado, cunha pinta de langrán que botaba patrás, chiscando o ollo do lado de onde lle viña o fume, mentres o público de Juanita —latóns coma min maiormente— ollabamos para o animal morbosamente engaiolados por aquela deformidade tan fabulosa como inxeplicable. Nun momento algún dos nenos preguntoulle ao tipo se a Juanita lle anoxaba ou lle molestaba o peso das tres patas. O fulano aquel, cuspiu no chan do carretón, e respostoulle:
-Si ho, o mesmo que che pesa a ti o carallo!
España. Ano 67. Era unha sociedade brutal. Parece mentira o que cambiou todo. E non hai tanto. Ou si?