15.1.14

Semellan boa xente



O outro día alguén postou en FB un pensamento tan chocalleiro como fondo de matices e rico de inferencias: hoxe caeume Internet e botei o día coa familia. Semellan boa xente. O certo é que, para alén de chispeantes hipérboles, a servidume á que as redes sociais someten a un cada vez máis crecido número de seres humanos é algo rechamante e que paga a pena ponderar con certo detemento. Que fascinio engaiolante agocha a máquina para mediatizar ao seu través as nosas relacións cos demais? É Facebook unha sorte de parapeto ou peneira que filtra os elementos ao noso xuízo máis suxestivos de nós mesmos no entanto nos permite subtraer os menos atractivos? Será a xeito de cómodo escaparate ou feira das vaidades onde exhibimos partes de nós que non ousamos compartir tête à tête por timidez, vergoña, anticipación do ridículo…? Dicía Ramón Pérez de Ayala que o ridículo é a diferenza entre o propósito e o logro. Ese é, precisamente, o risco cando un, no mundo real e perante persoas de verdade (e non os seus trasuntos cibernéticos), se desfai de molestas amarrallas morais e convencionalismos ditados pola conciencia das nosas limitacións ou defectos e, baixo o influxo de vaia vostede a saber que (o alcol, a euforia ou a tontuna repentina), perde os papeis, é dicir, maniféstase espido, como o mono de Desmond Morris. Ninguén é feo, antipático, insociable ou aburrido en Facebook, non existe a halitose nin o olor corporal, razón pola cal alguén afirmou que non só é o país máis grande do mundo, senón que é dos poucos sitios onde un é como lle dá a gana ser. A propia expresión mundo real para definir o que facemos cando desligamos o ordenador, a tablet ou o móbil, non deixa de ser inquietante. Porque, que é hoxe máis real ca miles de millóns de seres humanos unidos pola fractura definitiva e total da distancia física? Cando vexo o gústame dun curmán meu que vive en Dubai nun post meu de Facebook ou o comentario dunha vella amiga de Boston a unha foto da mocidade, penso que nunca as nosas vidas foron menos nosas. Non teño, porén, ningunha razón para crer que compartir cun nivel tan alucinante de transparencia e inmediatez os nosos días, tráfagos, angueiras e ledicias sexa malo. Ao cabo, as redes sociais están quintaesenciando o último elo dun mundo global, que comezou hai séculos co trebello dun tal Gutenberg. O malo é que, se marcha a luz, fica un sen amigos.