31.12.06

Historia dunha mesa (e III). Feliz 2007.

Aforcan a Sadam nunha picota cibernética e multinacional (pero o senador vitalicio Augusto Pincohet morre cristianamente no leito, aclamado por medio país). ETA volve a arruinarlle a vida a alguén. Otegui non pode disimular a súa satisfacción e de novo hai que soportar verlle a jeta nos medios. Non son moi bos auspicios para despedir 365 días marcados por estigmas de apocalipse: lume e auga.
Mañán nace un segmento de futuro que temos bautizado con nome de número, dous mil sete, 2007, don Dous Mil Sete. A ver como se porta! Ten sete, que é bo número (e suma nove que aínda é mellor!).
Coa terceira parte do conto de inverno e mar atlántica que titulei Historia dunha mesa (ler a primeira parte; ler a segunda parte), envío desde os cómaros grisverde da Amaía os meus máis sinceros desexos de benestar e serenidade a quen me lea (e a quen non tamén!). Feliz 2007.

III
Un irmán do meu bisavó materno, a quen eu non coñecín, era na altura da calamidade do Darlene párroco da freguesía de Restrelo, e foino de feito ata a súa morte, case corenta anos despois de ter accedido á parroquia. El foi quen oficiou as exequias (católicas, naturalmente, malia seren protestantes os náufragos) e se encargou, xunto coa Benemérita e o xulgado do partido, das xestións para as correspondentes notificacións ao consulado e embaixada británica. Parte do casco do Darlene aboiou durante algúns días ata que afundiu de todo. O mar estivo botando durante días restos de maderame e infinidade de táboas de palisandro da carga. A xente ía recollendo con reverencia e respecto o que lle conviña. Fora pecado ter deixado aprodecer aquela fermosa e nobre madeira nas areas da praia.
Unha tarde de domingo de remates do mes de xaneiro -meu tío revestíase xa para a misa-, petaron na porta da rectoral de Restrelo. Anuncia, a vella criada do meu parente -herdada xa do seu pai-, fixo pasar á sancristía a dous parroquianos, vellos mariñeiros ben coñecidos do señor cura. Ofrecéronlle as últimas táboas de madeira do barco naufragado. Aseguraban que, mediados xa dous días dende as derradeiras que chegaran a terra, non era posible haber máis. Era -non me cabe a menor dúbida-, unha especie de homenaxe ou, mellor, unha práctica de maxia pagá e escuramente propiciatoria na que se quería mesturar o poder da Igrexa encarnado no cura coa ofrenda extrema das potencias terribles do azar. Por non lles facer o desprezo -ben se sabe como son estas cousas-, o meu tío aceptou con certo escrúpulo o ofrecemento. Durante días ollou con temor e escrúpulo aquelas táboas de madeira achocolatada, lisa, de perfectamente puída superficie, sen se decidir qué demo facer con elas. Ao cabo, a Anuncia foille coa copla a un seu cuñado de nome Nardo, Leonardo Trigo, carpinteiro, e dos bos, quen, despois dun inacabable introito de moitas voltas á pucha na man, faloulle ao señor cura que era boa mágoa ter aquela madeira nobre e preciosa deixarse derramar así sen facer nada con ela. Que el, polo tanto amor que lle tiña ao señor cura, que tan ben se portara sempre coa súa cuñada e a súa muller e con el mesmo, e aínda cos finados de sus padres, se o señor cura o permitira lle ía facer unha mesa aproveitando o palosanto das táboas para as patas, que as patas queren madeira dura e que agradeza o retorneado que levan. E que para os caixóns e mailo taboleiro tiña el un resto de castiñeiro que non había máis que tratar. O meu tío, que xa ía aburrido da canción da mesa, dixo que si e púxose por conforme ao proxecto do Nardo e en menos de tres semanas tiña a mesa no salón da rectoral.
O certo é que o señor cura nunca lle quixo a aquela mesa e nin sequera debeu ter en gran consideración as excelencias da madeira tan gabadas polo carpinteiro. Durante anos, partiu sobre o mesmo taboleiro as obleas co molde para as sagradas formas, de xeito que este estaba inzado de fondas cicatrices en forma de semicírculo. Á morte do meu tío, herdou a mesa o meu avó que, sen lle facer moito caso, a arrumbou nun recanto du xulgado do que foi secretario durante moitos anos. Un irmán de meu pai, médico rural, empregou a mesa na súa consulta semanal dunha vila próxima ata que a meu pai, dado coma min a unha percepción especial da poética das cousas, se lle encaixou que eu había ser o propietario da bendita mesa. Ir á consulta do meu tío a buscala e encargar a súa restauración foi todo unha. Decidín, unha vez restablecida en todo o seu esplendor e beleza, que en ningures como nesta casa atlántica estaría mellor.
Agora está aquí, diante miña, testemuña muda de terribles e antigos acontecementos, e eu, co espírito enchoupado de tempestade, de serán escuro e de invernía, sinto como nunca o engado fascinador da súa madeira.

29.12.06

De cousas pequenas fanse as grandes

Un dos mellores historiadores de Galicia, no limiar a un libro, aínda recente, de historia local afirma que a pesar de que, por regra xeral, as cidades e as vilas teñen un peso demográfico moi inferior ó do mundo rural, os seus efectos transformadores no conxunto da economía, as súas funcións en tanto que centros do poder político e social e tamén o seu papel básico na difusión de modelos culturais son factores que lle outorgan unha importancia cualitativa moi superior á que podería corresponderlles de atender só ós criterios demográficos, o cal, do meu punto de vista, é especialmente certo no caso galego, onde o «espertar urbano» é un fenómeno particularmente serodio. No meu caso, o compromiso coa historia e os estudos locais resulta fundamental, primeiro para seguir alimentando con savia unha raíz sempre forte que me vencella coa terra que me viu nacer, e, segundo porque estimo que a gran historia colectiva provén dunha peneira de filtro moi apertado que só deixa pasar os grandes acontecementos, pero, tal e como o gran fino foi posible grazas ao salvado máis basto, así a gran historia faise de historias máis humildes e anónimas. Parva faciunt magna: é de cousas pequenas do que están feitas as grandes.
Hoxe presentamos na miña vila natal (teño un pé no coche para saír pitando) o volume 9 da revista A Estrada. Miscelánea Histórica e Cultural, que coordino editorialmente, e que dirixe o bo e culto amigo Xosé Andrés Fernández Castro, publicada baixo os auspicios do Museo do Pobo Estradense “Manuel Reimóndez Portela”. Creo que é unha publicación rigorosa, con ese punto de agarimo á patria chica e entusiasmo necesario en toda obra intelectual que se pretenda luminosa e viva, e chamada a converterse nun referente da historia local no país. O tempo dirá (o ano que vén, por certo, cumprimos dez anos). Contacto: museoestrada@aestrada.com.

28.12.06

Le nouveau parfum de Jean-Louis Blanc


En toda cultura, o tempo ten un senso cíclico, de xeito que unha representación gráfica habitual do ano en tempos antigos era unha roda, feito que ten unha obvia, e atávica, relación co eterno retorno das estacións e os traballos e ocupacións aos que nos dedicamos en cada unha delas. Respecto destes, creo cada vez máis que a publicidade televisiva —esa intolerable agresión á paciencia— é menos un espello ca a realidade que nel se reflicte. A ver se me explico. Imaxine que —non queira Deus— o collen a Vde., zarrapéchano nun zulo sen contacto algún co exterior e empregan algún tipo de procedemento psicolóxico para o desorientar no tempo. Pois ben, se tivera Vde. acceso exclusivo á publicidade dunha televisión, deduciría perfectamente xa non a estación, senón mesmo o mes no que se atopaba. Setembro é o mes dos créditos milagrosos, os fascículos e a volta ao cole. Marzo ou abril os de viaxes de ensoño para minivacacións. E así o antroido, o día dos namorados, o día da nai, o día do pai, a xardinería e o Corte Inglés en primavera, e, de xuño en diante, toda a dinamita estival. Polo tanto, e volvendo ao meu argumento inicial, ¿é a vida real a que se reflexa na TV ou é esta a que induce a modificarmos a realidade en función da tendencia de consumo que toque? Por dicir verdade, supoño que se establece unha relación de retroalimentación — de feedback dicimos hoxe para facernos os interesantes— entre a vida real e a TV na que resulta difícil, no amencer do século XXI, distinguir xa o ovo e a galiña.
Nesta rolda de retornos cíclicos, decembro é o mes de, entre outras cousas, cheirar de puta madre. Supoño que toda a tonelaxe perfumística que transportan os anuncios estes días non ten que ver con que cheiremos a bravú ou castrón (que tamén, nalgúns casos), senón coa enorme capacidade suxestiva e mesmo evocativa dos olores. Un autor raro, Patrick Süskind, autor dunha novela rara, Das Parfum, levada recentemente ao cine —por certo, aínda non a vin— quintaesenciou nun personaxe tolo dun século de tolos —o perfumista Jean-Baptiste Grenouille nos revolucionarios remates do dezaoito francés— este mundo máxico e perfectamente indefinible dos olores, que tanto obsesiona ao seu protagonista, de capacidades olfativas descomunais, que o conduce ao asasinato na procura de almacenar o olor de cada persoa.
Porque, en efecto, a que cheira, non sei, o polo asado? E o viño? É Vde. quen de lembrar un olor? Non se ten detido Vde. na rúa ventando un arrecendo que de repente lle trae o recordo dun home, dunha muller querida, dunha aventura, dun amor pasado? Por que pechamos os ollos para capturar en toda a súa esencia un olor? Pode contarse como é unha persoa, describir unha sensación, dar pinceladas acerca dunha paisaxe..., pero, como definir un olor? Pense nos grelos cocidos, por exemplo. Como describiría o seu cheiro?
Hai non moito lin que, cos avances da enxeñaría xenética, o día chegará en que o propio corpo sexa quen de, a través de certas glándulas, producir e segregar organicamente o noso perfume preferido. Dese xeito, eu podería ter unhas glándulas Dolce & Gabanna, Vde. unhas Carolina Herrera, aquel unha glándulas Cacharel, e aqueloutro unhas, máis modestas e nacionais, glándulas Agua Brava ou —de todo hai— Varón Dandy.
En fin, é indubidable que nada existe tan evocador e arrodeado dunha auréola de encanto persoal coma os olores; os perfumistas sábeno e, de cara a converter os seus produtos en agasallos de Noël ou Reis, nas datas nas que andamos de cada dez spots cinco son dalgún cheirón. A estética dos anuncios de colonias e perfumes é algo á parte. Se por definición o mundo da publicidade televisiva é o país de jauja onde todo quisqui é feliz, delgado e guapo, onde os coches son coma relixións e ata o desayuno é un xantar cheo de animación e bo humor (ónde se viu!), os anuncios de perfumes son xa sicalípticos e a rebentar de erotismo, pernas infinitas, músculos imposibles e machismo barato. Para os cabaleiros, a mensaxe subliminal é absolutamente inequívoca: machiño, botándote isto se non follas é por accidente. Para as señoras nada de sexo: amor e, como moito, os prolegómenos do que logo xa se verá. Para rematar a faena, e que a cousa teña charme, é obrigado que a voz en off (feminina se a cousa é para el, masculina se para ela) diga a chorrada nun francés afectadísimo (exemplo: Le nouveu parfum de Jean-Paul Gaultier), por veces unhas cursilerías que dan noxo (exemplo: L’amour est un trésor), ou en inglés. É o que hai.
Imaxina Vde. un anuncio, ben noso e carpetovetónico, no que, sobre as imaxes dun guapo axente de Tráfico solicitando amablemente a unha tía boísima a documentación, a voz de Sancho Gracia anunciara: Tricornio, la fragancia de la nueva benemérita?
Xa o saben: perfumarse ou morrer.

26.12.06

Esto...

O xornal: El País, edición Galicia.
O día: venres, 22 de decembro de 2006.
A columna: "Botella ao mar".
O autor da columna: Suso de Toro.
O artigo da columna: Mentiras, drogas e flamenco.
O texto de conclusión do artigo da columna: "Somos galegos, galegas. E que carallo, que cona, pasa?"
[As comas están no orixinal].

Ao mellor é que me estou facendo maior.

23.12.06

Nadal

O que celebramos estes días é unha sorte de San Xoán de inverno. Explícome: cristianizamos o solsticio de verán, un dos ritos máis ancestrais e paganos da humanidade, adicando o lume a un semideus (é dicir un santo). O Nadal é a cristianización do solsticio de inverno. O de menos, claro, é se o fillo dun carpinteiro arameo —que cunha incrible (e historicamente inexplicable) baraka, por certo, foi quen de rematar con dous mil anos de harmonía relixiosa politeísta (despois mal chamada mitoloxía clásica)— naceu ou non en decembro.
Pero o que en estío resolvemos cunha noite de farra, viño e sardiñas e facer o burro saltando por riba do lume, no inverno tense transformado, por arte ignoto, nunha orxía consumista de case tres semanas de duración. O mellor de todo é que é precisamente co trasfondo desta bacanal de paparotas, gastos mastodónticos en regalos inútiles, esmorgas sen fin e convencións tan absurdas (lencería vermella para San Silvestre) como alleas (agora tamén hai que regalar en Papa Noël, hai que joderse), se quintaesencia a nosa máis prístina humanidade e non só lembramos aos desposuídos do mundo, contribuíndo ao seu benestar con todo o que nos sobra pola casa, senón que facendo profesión de bondade, reconciliación e amor ao próximo desexámonos o mellor para o ano entrante, empuxando á recámara o molesto convencemento —ai! tantas veces reiterado— de que tras o primeiro de xaneiro, agás tal vez unha resaca monstruosa, non hai nada. Nada. Un ano máis.
Pero, en fin, críticas á parte, eu, que son fundamentalmente un optimista e non un augafestas, non quero deixar pasar tan sinaladas datas sen agradecer a todos os lectores deste blog as súas visitas e comentarios, e facerlles chegar os meus mellores desexos para o 2007 que xa vén asomando a cabeciña. Grazas polo agasallo da vosa amizade.

21.12.06

Dor de pé, libros raros e modestia

Confinado no leito por causa dunha inflamación nun pé (a saber ónde carallo o andiven metendo), intento á desesperada matar o tempo (qué expresión, por certo, tan tremenda esta de matar o tempo, cando é o tempo o que menos queremos que morra!). Neste obrigado decúbito supino, como Vde. saberá tamén por experiencia, chega un punto no que non hai xa libro, xornal, periódico, revista, fascículo ou folleto que non nos anoxe. A televisión podería ser un recurso pero son, agás breves momentos e exclusivamente pola noite, alérxico a tal electrodoméstico. Na procura obsesiva de algo no que poñer a mente e axude a desbotar no posible a idea da dor que preme a extremidade, é chegada a hora de formular unha estratexia de choque, no meu caso consistente en botar man dalgunha desas rarezas bibliográficas distribuídas anarquicamente polos andeis das estanterías que, na súa propia rareza, extravagancia ou dubidosa convencionalidade, sexa quen de cumprir o obxectivo devandito. Intentando non presionar en exceso o dolorido nocello, nunha sorte de equilibrio que ten un algo, penso, de danza étnica, diríxome á miña biblioteca e paso a vista por un dos andeis que recoñezo depositario de volumes da natureza referida, a maior parte deles ex libris de meu avó, Mario. Vexamos: atopo un Compendio de los sucessos de el reynado de Luis XIV el Grande, Rey de Francia, que con título de fastos ó Diario Histórico, compuso en Idioma Francés el Cèlebre Escriptor El P. Gabriel Daniel… En Sevilla, en la Imprenta de Juan Francisco Blas de Quesada, 1735. Acaso non estea eu para moita épica. O seguinte é Francisco Camba: La revolución de Laíño. Novela, Editorial Pueyo, Arenal, 9 Madrid, 1919. Na portadiña manuscrito do autor: A Roberto Blanco Torres con todo cariño, nesa tonalidade característica da tinta precipitada polo moito tempo. A cuberta a toda cor con magnifica ilustración de Castelao que reproduce un mítin en zona rural. Mal que o collo, despréndense a cuberta e as catro primeiras páxinas. No intento de as recoller, sóltanse seis o sete caderniños interiores. Algún día terei que encadernalo, pero de momento desaníname unha actitude tan hostil e, case con desculpas, reintegro o ruinoso volume á súa ubicación. Comparte espazo co libro que lle segue: The Ideal Catholic Readers. Third Reade. By a Sister of St. Joseph, New York, The MacMillan Company, 1924, unha deliciosa edición con marabillosos gravados de época e a intelixente tipografía escolar dos anglosaxóns (descoñecida, por certo, nos libros españois da mesma época). A portadiña que precede as readers, For the Greater Honor and Glory of God, pelexa co meu agnosticismo militante e faime desistir de atopar en tan, polo demais, piadosas páxinas o tipo de consolo que preciso. A obra que sucede acaba por convencerme de que contraveño na súa totalidade o precepto benedictino que rexía a ordenación das bibliothecae da Orde: Habeat librarius et registrum omnium librorum ordinatum secundum facultates et auctores, reponeatque eos separatim et ordinate cum signaturis per scripturam applicatis. Nada máis lonxe da absoluta anarquía destes andeis meus. De certo que, sustentado o rigor medieval das bibliotecas monacais en principios de ordenación universal de orixe sen dúbida divina, esta anarquía da miña biblioteca faríame xustísimo merecedor da acusación de herexía. Que tempos! Ben. Sigamos. Dicía que a obra que segue ás lecturas católicas americanas é El polo ártico y sus misterios por Adolfo Labrure. Ilustrada con numerosos grabados. La Editorial Española-Americana. Olmo, nº. 4, Madrid. Este é un vello coñecido que me ten producido moitos momentos de solaz, pero non estou hoxe para moitos fríos. Por certo, unha curiosidade deste libro, reflexo do extravío do seu autor, é o retrato que inclúe dun esquimo, que, como o lector curioso pode ver na ilustración que acompaña a este “post”, parécese tanto a un esquimo como o cú dunha vaca a un buzón de correos. Non sei de onde sacaría o «modelo», pero o fulano ten unha pinta de lacazán que bota para atrás e uns pelos de antoloxía.
Tras o glacial e pouco fiable volume de monsieur Labrure, segue unha rea de libros dunha das coleccións máis coidadas, tanto na selección dos títulos como nos aspectos tipográficos e editoriais, da España da época: a "Biblioteca Calleja, segunda serie", do magnífico editor Saturnino Calleja, quen con todo merecemento ten pasado ao repertorio paremiolóxico patrio. Encadernados en tela e estampación a cores tanto dos títulos e autores como da viñeta simbólica da colección, estes libros teñen de característico o uso da fermosísima tipografía Trajan para tapas e portadas. Atopo: Baltasar Castiglione: El cortesano; Ramón Gómez de la Serna: Greguerías selectas; Gaston Leroux: La esposa del sol; Juan de Valdés: Diálogo de la Lengua
Magníficos libros. Magníficas edicións. Magníficos autores. Magnífico don Saturnino. Magnífico herdo da biblioteca do avó. Pero ningún me contenta. Moito miolo para tan pouca cortiza como hoxe sinto. Xa desesperado, farto dos equilibrios aos que me empuxa o medo a contactar co piso co pé dolorido, estou a piques de retornar, derrotado, ao leito cando os meus ollos baten, nun extremo do andel en cuestión, con dous volumes de encadernación moderna que, case de xeito voluptuoso, ofrécenme á vista o vermello e dos seus lombos, realzado se cabe pola grosa estampación dourada das letras e unhas vigorosas nervaduras. Trátase de dous volumes dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, salvados polo avó, non sen riscos, da queima do 36. Son o volume IV, Sant-Iago de Compostela MCMXXXII (Copyright by 1932- Nós- Pubriacións Galegas e Imprenta –Santiago- Hortas, 20) e o volume VI, Sant-Iago de Compostela, MCMXIII-MCMXXXIV, Imprenta Paredes, Sant-Iago, 1933, non hai moito encadernados por man tan esmerada coma amiga. Non podendo atribuílo a ningunha razón concreta, por fin sinto que atopei o que buscaba! Aleatoriamente collo o volume IV. Contén traballos tan dispares como «La lucha antiacrídica por el doctor L. Iglesias», «Blasós de Ourense, II, por Xurxo Lourenzo Fernández», «La emigración a América, por Luisa Cuesta» e «A data da inscripción da Porta das Praterías, por Xesús Carro García». Retornado ao terapéutico decúbito, pérdome, só polo afán de ollear estas páxinas sen obxectivo concreto, na ensoñación á que me conduce a erudición, o compromiso, amor aos seus concidadáns e o rigor, tan xurdio coma desprovisto de fachenda e vaidade, de tantos homes bos que non merecían o cataclismo que se lles viña enriba. Entre os traballos do volume hai dous do benemérito presbítero dezán Ramón Aller Ulloa, fundador do Observatorio Astronómico da universidade compostelá e nome de referencia na astronomía en Galicia: "Programa del Observatorio de Lalín" e "Constantes de un instrumento paraláctico". Hoxe, un sabio da consideración internacional de Aller sería con toda probabilidade un petulante de vaidade ecuménica. É o signo dos tempos. Vivimos reodeados de xenios incomprendidos. Aller era, no persoal, un curiña de Lalín que, ademais, e case pedindo perdón polo seu atrevimento, publicaba, por exemplo, nas Astronomische Nachrichten de Kiel. Meu pai tratou a don Ramón. Del conservo unha foto, ao lado de don Enrique Vidal Abascal, no xantar tras un acto, non sei cal, que tivo lugar na Estrada nos comezos dos anos 60. Desa foto reteño un comentario de meu pai:
-Fíxate en como colle don Ramón o codelo de pan. É a maneira en que o collería un labrador.
Tiña razón.
Un dos artigos de don Ramón, o referido ao observatorio de Lalín, contén treitos que translucen unha fina ironía e un espírito de modestia e humanidade emocionantes. Coas palabras finais rematei por esquecer completamente a inflamación do meu pé:

Un amigo, cuya personalidad científica es destacada, opi­na que no deben pasar inadvertidos en el «Seminario de Estudos Galegos» los trabajos científicos realizados en Galicia. Aunque los míos se perdieran, cierto es que poco habría que lamentar; pero, esto no obstante, también es verdad que en España es­casean los de observaciones astronómicas, y aunque nuestra tierra no pueda gloriarse mucho por este concepto, ni menos ponerse en parangón con lo que se produce en los Observatorios del Ebro, del Tibidabo, de Madrid, de San Fernando…, estas notas darán el consuelo de que, desde Lalín, se mira siquiera al Cielo, cuando son tantas las provincias de España en las que no se sabe si se contempla el Firmamento bajo algún aspecto distinto del poético.

19.12.06

Ritos de lector, lecturas rituais

Aludía o outro día ás miñas manías de lector. E é que as lecturas, como as comidas, os paseos ou as charlas cos amigos, están sometidas a moitos elementos de ritualidade. Entre a inevitable rutina que remata por enchoupar as nosas actividades e os elementos cos que nos gusta arrodealas, acabamos por conceder maior importancia —nunha sorte de transferencia un chisco fetichista— ás circunstancias nas que a actividade se desenvolve ca a actividade mesma. E, claro, —lóxica consecuencia da nosa analxesia vital e o acomodo ao benestar como estado (máis ca ao estado do benestar)—, esiximos das circunstancias que respondan a un ritualidade previsible e, por suposto, agradable. Así, o paseo debe implicar unha tarde tépeda, un bastón axeitado á nosa man, un calzado cómodo e unha paisaxe harmónica. O xantar, un local sen fumes nin olores, un servizo esmerado, unha compañía do noso gusto, un ambiente silencioso e unha excelente calidade no alimento. Desta tan humana debilidade, a propósito, aprovéitase a inmensa oferta de consumo na que vivimos instalados; deste xeito, aínda sen a máis remota idea de esquiar, do que se trata é de adquirirmos un super-equipo en Decathlon para, con toda seguridade, rematar cun esquí cravado no cu; ou de saírmos do establecemento, cheos de ilusión e fachenda, cunha cana telescópica de 2000 euros e unhas botas de 500 cando non somos quen de distinguir unha troita iris dun escalo. Coñecín un individuo que, despois de botar dous meses dándolle voltas á bicicleta que ía mercar, coa conseguinte tabarra para os seus achegados, gastou un pastón entre vehículo e adminículos (maillot, culotte, gorra, velocímetro, luces de posición, antorroubo, cambio Shimano con non sei cantas chilindradas, roupa para a chuvia...) O día que estrenou o velocípedo, despois do primeiro quilómetro parouse botando os bofes, mareado, desfeito; mandoulle un aquarius de penalti pensando repoñerse e... chamou pola muller para que fose co coche a recollelos a el e máis a bici. A pretenciosidade á que poden levar estas actitudes tan frívolas son moi ben coñecidas por todos.
Ben. Isto era unha extrapolación. Ao que ía era ao carácter ritual co que tendemos a envolver case todo o que facemos, o cal pode comprobarse xa nas idades máis temperás. Quen non foi testemuña ou mesmo protagonista do ritual co que os nenos, buscando unha maior excitación e calidade comunicativa, adoitan arrodear o relato de historias de medo? Apagan a luz, baixan persianas, pelexan por situarse preto do adulto-relator…
Todo esixe, pois, dun certo ritual, dunha certa ósmose entre os feitos e as súas circunstancias. Xa vello, Shanti Andía razoaba sobre a oportunidade de que lle fixeran unha estatua na súa vila mariñeira natal, Lúzaro:

A mi, la verdad, la gloria no me entusiasma. La gloria no es para los países lluviosos; tener una estatua a orillas del Mediterráneo, en una ciudad de Andalucía, de Valencia o de Italia, está bien: pero ¿qué voy hacer yo si en premio de este libro me levantan una estatua en Lúzaro? ¿Estar recibiendo constantemente la lluvia en la espalda?

Algo así ocorre, ou cando menos, a min me ocorre coa lectura. Como o monumento pétreo do mariñeiro barojiano, os libros son para segundo qué circunstancias. É moi recomendable, penso eu, facerllo ver así aos nenos que se van formando como lectores, de xeito que identifiquen o libro co marabilloso rito que pode acompañar a súa lectura e non cun exercio noxento e obrigado. O lector impenitente que hai en quen subscribe formouse en boa medida no ritual alimenticio-bibliolóxico que supoñía a merenda (ah, bocatas de queixo con membrillo e onzas de chocolate!) asociada á lectura dos Tintines de Hergé na biblioteca pública municipal da Estrada, vila onde discorreu a miña nenez (hoxe a televisión impide calquera alternativa, o cal, ollo, nin é bo nin é malo: simplemente debuxa —como se di agora— un escenario diferente).
Hai, polo tanto, libros para o verán, lecturas de outono e libros claramente invernais; libros para o día e libros que só deberan ser lidos de noite; hai libros que atopan a súa maior expresividade cando lidos nunha hamaca no medio do campo, oíndo un malvís ou un paporrubio, e outros que casan moi ben co delicioso murmurio dun regato ou co ímpeto sonoro do mar bravo; libros hai crepusculares e libros aurorais; libros de sol e libros de choiva; libros atlánticos e libros mediterráneos; libros redondos, en espiral e cadriculados; libros grises por moita cor que leven e libros cheos de cor impresos a unha tinta.
Algúns breves exemplos e ilustracións. Que pode ofrecer o terrible Afundimento da casa de Usher de Poe a quen o lea nunha tarde de agosto sobre unha toalla loitando coa pringue do bronceador e a permanente molestia da area? Ler Terra brava de Fole co balbordo dunha cidade de fondo é arriscarse a non entendelo por completo. Falei antes de Shanti Andía. A novela de Baroja debe lerse exclusivamente oíndo o mar lonxano, a ser posible de noite.
Sobre Fole, direi que nunca pasa un inverno sen que volva á súa Terra brava, e os cumes magníficos do Incio e Lóuzara. Deixo a relectura dun dos seus contos, «En cada vida o seu misterio», para noites especialmente treboentas e medoñeiras. Sobre o meu queridísimo Baroja, reservo as inquietudes do seu vello lobo de mar —un certo trasunto de moitas lembranzas de infancia do autor— para o meu mes estival en Laxe, terra e mar da Costa da Morte. No ano do seu cincuentenario fixen unha relectura ritual sobre a edición orixinal de Merlín e familia, «rematada de imprentar nos talleres de Faro de Vigo o día 25 de agosto de 1955». Non tería para min sentido, en ano tan sinalado, facela sobre unha edición moderna e impersoal. Esa transferencia fetichista da que falaba antes está presente en moitas das miñas manías de lector. Como lector galego, e polo tanto atlántico, sitúo en escenarios concretos moitos dos treitos do Señor dos aneis tolkieniano. Acaso a Vde. lle ocorra o mesmo. A percepción onírica, surrealista e chocarreira das andanzas pantasmais do cunqueiriano monsieur Charles Anne Guenolè Mathieu de Crozon, o sochantre e mestre bombardino de Pontivy, adquire para min todo o seu esplendor a condición de palpar e cheirar ese horrible papel que Galaxia empregaba nas súas, hoxe marabillosas, edicións orixinais.
Sobre a ritualidade da literatura, e a relación íntima entre esta e o contexto físico no que se desenvolve —quer como creación, quer como recepción—, lembrarei sempre as palabras que Basilio Losada, hai disto xa ben anos, pronunciou na presentación dun libro sobre a literatura de tradición oral publicado na nosa "Biblioteca de Divulgación, Serie Galicia". Dicía Losada —e cun argumento tan fermoso remato— que en Galicia a literatura de tradición oral morreu o día que entrou nas casas a bombilla e, con ela, a luz artificial.
De cantas cousas esquecidas, fantásticas na súa naturalidade e xenio primitivo, nos priva o progreso! Aínda cos seus incovenientes ¿non segue disfrutando Vde. cando marcha a luz de noite?

17.12.06

O meu mapa do blog


Voltaire -xunto con Schopenhauer, Oscar Wilde, G. K. Chesterton e, en España, Ortega y Gasset, probablemente un dos máis prolíficos proveedores de frases lapidarias da cultura occidental- deixounos unha sentenza que asumo ata o punto de tela impresa en sitio ben visible no meu lugar habitual de traballo: a force de s’occuper des choses urgentes, on oublie les essentielles. Aplico, ou intento aplicar, este principio a moitas circunstancias e retos trascendentes da vida, con resultados variables, supoño que coma Vde. Pero non é esta a razón pola que traio hoxe a colación ao vello Voltaire. Non. Se lembro a súa sentenza, tan verdadeira, é como principio xeral baixo o que observar a maior parte dos blogues (ou blogs, ou blos, ou bitácoras, -algunha vez teremos que poñernos de acordo), ou cando menos unha moi boa parte dos que se editan en Galicia (remito ao listado dos "2000 principales" de blogaliza.org): entre agit-prop nacionalista e idiomático, mitomanía literario-editorial de fondo e de mostrador, you-tube e política do momento vaise máis da metade deles. Ollo: isto non é unha crítica (quen son eu, arte e parte, para criticar nada?); é apenas unha percepción, percepción que, ao meu modo de ver, acena cara a algo acaso máis fondo. Teño para min que, suxeitos coma vivimos, á permanente ditadura de estímulos externos, á intervención obsesiva sobre as circunstancias da nosa existencia ao efecto de as modificar no noso beneficio, amoldamos a nosa individualidade, coma nunha sorte de leito de Procusto, ao que entendemos se agarda dela, no canto de preguntarnos sobre moitas das características de nós mesmos e da nosa relación cos demais (unha hesitación a este respecto, xa que vai de citas lapidarias: l’enfer —por que non le ciel?— sont les autres). Chámame a atención o pudor que latexa na maior parte dos blogues a asumir, se non é con disfarces e esquizofrenias estéticas, a propia personalidade. Un comentarista anónimo destes Fragmentos chegou a criticarme o uso do meu nome real no que el entendía un intento de autopromoción persoal (promoción de qué, pregunto eu), alegando que a, digamos, filosofía blog naceu como expresión por excelencia do anonimato, punto de vista co que eu obviamente non concordo. Vexo estas páxinas máis ben como un desafogo, o diario dun "curioso impertinente", a crónica dos meus días, xornadas e angueiras, alén da realidade inmediata—máis ben aburrida e reiterada ata a saciedade nos medios— da política (municipal, comunal, nacional ou internacional), da conquista dun dominio .gz, do tremendo problema socio-semántico-político da expresión nazón de Breogán ou das últimas novidades, presentacións e premios literarios (de volume, por certo, inabarcable). Persoalmente, atopo máis motivos de estímulo creativo e reflexión nun paseo polas rúas da cidade, meditando sobre as miñas manías de lector ou charlando cos meus amigos sobre o perceptible embarazo de dona Letizia ca na volátil realidade que reflicten os xornais sobre as andanzas da conselleira de Cultura e a súa cidade, o tripartito catalán ou o peñazo da memoria histórica. Non sei, polo tanto, ata que punto a maior parte dos blogues, ou cando menos os de máis éxito —medido, con criterios de Technorati, sobre a base da súa referencia noutros blogues— son un mero remedo dos xornais impresos e follas volandeiras diversas do mundo real (entendendo por tal o que se desenvolve fóra dos ordenadores).
Non podo deixar de recoñecer sentir un punto de envexa (sa) cando comprobo a magnífica resposta en comentarios que teñen moitos destes blogues en comparación ao meu. Mirando en perspectiva entendo que, alén de posts concretos máis apegados ao devir da actualidade, a xeneralidade dos asuntos que se tratan neste local non incitan precisamente a comentario ningún, o cal, supoño, non terá que ver con que se lea ou non. Marcos Valcárcel, sempre mesurado e benevolente, usaba a este respecto, e para o meu consolo, a metáfora da tertulia de café: non moitos intereveñen pero todos escoitan. Non o sei. Tampouco me preocupa moito. En calquera caso, disque os compromisos que máis atan son os que un adquire consigo mesmo.
En fin. Na blogosfera, coma na vida real, ten que haber de todo: blogs consagrados á fama e o oropel e outros destinados a faunas máis escuras: blogs que falen de Suso de Toro e outros que lembren a Manolo Mirás, Mirman’s. A un grandísimo aforrador e tacaño famoso de quen teño noticia afeáronlle ser tan tanazas, e el, en prístina demostración da máis sensata retranca, argumentou:
-Pro coño, cada un disfruta á súa maneira! Hai quen disfruta jastando e hai quen disfruta aforrando.
Certo. O caso é ter saúde.

14.12.06

Ter a historia na casa

Pasoume cando lle adicaron o Día das Letras Galegas en 1999 a Roberto Blanco Torres, irmán de meu avó: esa sensación de «desprendemento» ao proxectar na esfera do público a figura de quen é patrimonio de todos, despois de tela acubillado por anos, entre 1936 e 1999, —moitos deles non vividos por min— no ámbito máis estritamente familiar. Tío Roberto pasou, así, a ser Roberto Blanco Torres, o cidadán Roberto Blanco Torres, símbolo e paradigma, memoria e historia.
O outro día, lendo a Historia da Guerra Civil de Juan Eslava Galán, da que xa teño comentado algo nestas páxinas, reparei especialmente nun treito que de contado me lembrou unha foto do fondo fotográfico da Guerra Civil de meu pai, do que tamén teño contado xa neste local. A lectura foi estímulo abondo para ir buscar a foto. O breve espazo físico que me separaba do álbum onde sei que esta tiña que estar antollóuseme un reflexo paradoxal do enorme lapso temporal (69 anos) que separaba ese instante do instante en que meu pai fixo a foto. Sentín un pouco de vertixe. E pensei: ostia, teño a historia na casa. O fragmento devandito di:

Serrano Suñer, el diputado derechista [pola CEDA en 1933] emerge ahora en Salamanca, a la sombra de su cuñado, que ha dejado de ser Franquito para convertirse en el Generalísimo.
También han ocurrido cambios en la vida de Serrano. Los rojos han asesinado a sus dos hermanos y a él lo internaron en la cárcel Modelo. Logró que lo enviaran a un hospital, de don­de se evadió [en febreiro de 1937] vestido de mujer, con tacones y peluca. Después se embarcó para Francia y desde allí ha regresado a la España nacional. Carmen Polo, la esposa del Caudillo, recibe con los brazos abiertos a su hermana Zita y a su cuñado y los instala en el mismo palacio episcopal donde ella reside.
Serrano no olvida a sus dos hermanos asesinados por los rojos. «La terrible soledad y el choque emocional que me pro­dujo el asesinato de mis hermanos me dejaba incapacitado para las ambiciones y alegrías normales de la existencia. Esto, que venía a decidir mucho más profundamente mi entrega, la entera dedicación de mi salud y de mi vida presente y futu­ra a la causa por la que ellos habían muerto, venía también a mutilar en mí casi todas las posibilidades de interés per­sonal.»
Serrano no ha cumplido todavía los treinta y cinco años. Dionisio Ridruejo lo recuerda «dramáticamente envejecido, con un sempiterno terno negro que acentuaba su delgadez, su cabello blanco y la palidez de su rostro».
El día de su llegada a Salamanca, Serrano se encuentra en la escalera del palacio episcopal con el cardenal primado Isidro Gomá, gordo, colorado y vestido de seda. El prelado que más bendice y justifica a los nacionales abraza al cuñado del Gene­ralísimo.
-¡Dios ha querido traerlo aquí! -exclama-. La guerra mar­cha bien, querido Serrano, pero no todo ha de ser guerra y sólo guerra. Hay que saber «para qué» se guerrea, y eso es misión de la política.
Serrano Suñer encuentra en Salamanca un «estado campamental», un cuartel mal asentado sobre la España nacional. Franco necesita una administración y un gobierno menos pro­visionales y su cuñado se dedica a proporcionarle sus amplios conocimientos jurídicos, su inteligencia y su capacidad de tra­bajo. Se propone «ayudar a establecer efectivamente la jefatu­ra política de Franco, salvar y realizar el pensamiento político de José Antonio y contribuir a encuadrar el Movimiento Na­cional en un régimen jurídico, esto es, instituir el Estado de Derecho».
Nada menos


Na foto, Ramón Serrano Suñer é o terceiro, mirando cara a abaixo, á esquerda de Franco. Ao fondo, ollando para o obxectivo —significativamente lonxe do seu irmán e con expresión incómoda— Ramón Franco, que pasou de masón e dinamitero anarquista a xefe da base áerea nacional de Baleares.
A foto é un xantar de campaña. Foi tomada no alto de Butrón, Fronte de Asturias, en outubro de 1937.
Nota: pode Vde. agrandar a foto e vela con detalle facendo clic sobre ela.

12.12.06

Os nosos clásicos

De casualidade atopo nun blog (ollo á estética da imaxe que reproduce, porque non ten desperdicio) a referencia a un personaxe que debera reclamar inmediata atención dos antropólogos culturais deste país, no canto de dedicárense ás parvadas ás que se adican. O suxeito do que falo ten que ser un especime, ao que eu chego, único. Trátase dun músico natural polo visto de terras da Amaía (fai referencia á freguesía de Ameixenda, concello de Ames), de orixe labrega (arreo fai mención desta condición), autodidacta de varios instrumentos (nomeadamente o órgano eléctrico, o acordeón e máis a guitarra), emigrante nos 60 en Sudamérica (Brasil, Uruguai, Arxentina), que chegou a actuar na sala Wagram de París, e que deixou unha discrografía tan rica (para as posibilidades da época) coma hoxe absolutamente esquecida. Respondía (ou responde pois non sei se vive, o que é moi posible de atender a razóns estritamente cronolóxicas) por Manolo Mirás, ou, ao gusto dos acrónimos con "xenitivo saxón" tan da época, Mirman’s. Hai pouco, un magnífico amigo de meu, Manolo Diéguez, agasalloume cun exemplar de dous dos singles de tan senlleiro músico (que atopou en E-Bay!!: if exists, is in the Internet sen dúbida), os dous con depósito legal do 64, e presentados baixo o selo homónimo do músico, é dicir Mirman’s (mesmo Discos Mirman’s), que conteñen composicións (cito literalmente) como as seguintes: Amor y quiniela (moderato); Calypso en Sacromonte (flamenco ye-ye); Como la enredadera (slow); The Geisha (fox oriental)… O texto promocional dun dos discos ten ese delicioso sabor da época. Di: DISCOS MIRMAN´S. Se complace en presentar en exclusiva a MANOLO MIRÁS con su voz, su conjunto, sus composiciones y su Órgano eléctrico. Este instrumento de múltiples recursos, se impone cada día más y más, tan así, que es indispensable hoy día y casi lo exijen todos los púbicos.
Pero é que o noso músico, como esteta de apetitos variados, tiña ademais inclinacións literarias. Legou á posteridade un libro de memorias digno dos mellores anais do surrealismo patrio, que na miña época de estudante universitario me ten proporcionado, a min e ao cenáculo filolóxico-literario-alcólico-porrístico no que por entón discorría a miña existencia, moitas horas de lecer. Intitúlase tan raro volume Memorias controversivas de un músico trotamundos, e figuran na súa cuberta, ademais do nom de plume Manuel Mirás López (Mirman`s), unha porción de subtítulos: Efemérides insólito-realistas. The Musician,s Memory and Controversy (Memoro casus meus).
Nestas cesións -mantidas en todo o libro- ao idioma da pérfida Albión e á lingua de Cicerón adivíñanse, por unha banda, a intención clara do autor por manifestar un cosmopolitismo que o facía coñecedor das máis modernas tendencias musicais (obviamente relacionadas coa órbita anglosaxona), e, por outra, intúese unha formación seminarística moi propia, para a época, en rapaces de orixe rural.
As «memorias» de Mirman`s, son mais ca tal, un anecdotario da súa mocidade na parroquia (en galego), do seu periplo iberoamericano e gálico (no que conviven os máis macarrónicos portugués, italiano e francés) e da súa volta á Terra, con incorporación, por certo, á banda municipal compostelá da época. Pero o máis peculiar da estética literaria do autor que hoxe ocupa o noso espazo é o curioso, híbrido, , surrealista, irrepetible e permanentemente hilarante idiolecto do que fai gala. A mestura dunha puntuación aleatoria, unha sintaxe iconoclasta e un léxico no que se combinan a máis macarrónica poliglosia e unha derivación morfolóxica sui generis coa marcada tendencia ao uso dun vocabulario técnico e culto pero descontextualizado, ou contextualizado polo autor ad hoc, son os ingredientes dunha beberaxe literaria da que non teño noticia nas nosas letras. Para mostra algún botón (é o capítulo no que fala do retorno á Terra):

Terra d’Ouro

Antes, después, ahora y siempre; (antea, postea, nunc et semper) hubo, hay y habrá hombres céle­bres, que sus nombres engrandecen nuestra patria chica. Lamentablemente, hay otros que por sus cataplasmáticas características, resulta difícil o casi im­posible darles su adecuado calificativo.
Estos cuando dicen o intentan decir algo, toman por base, ultrajar el nombre de nuestros inmortales. Rosalía, Valle-Inclán, Curros Enríquez, etc. Emplean el sistema como un descarado "modus vivendí", y por tanto recae su temática rutinaria, en auténticos aparentes espíritus miserables.
Mi firme opinión, es; que los gallegos héroes, li­teratos y siguientes: debemos procurar imitarlos (si podemos), en caso contrario, dejarlos yacer "in pax Domini", porque tenemos que admitir que ellos nos legaron el ejemplo.
Si así es, entonces: ¿por qué toman sus nombres en vano, estos hipócritas idiotizados, analfabetos par­ciales, "church's mouses" (ratas de iglesia), y "sicarius o interfectoris culturae"?
Quamobrem? ¡Domine Deo Nostro!
Why? My Got!
Pourquoi? Mon Dieu!
Perché? Oh Dio Nostro!
Cuando expansionan el "sempiterno" locutorio por sus cotidianos "tabernáculos vinícolas", haciendo alarde de "millonarios miserables" (miserabilis po-íens pecuniae); al escucharlos vociferar, se hacen acreedores de una ensimismática presuntuosa; pero con muy opacas perspectivas.
Sin embargo los insignes "vivos et mortuos", no poseyeron ni poseen vanidad. Solo sencillez. En cam­bio los "vivillos" o de cara ampliada, son insoporta­bles, pelmáticos y pelotilleros.


Alégrome moito do meu reecontro con Mirman´s, grazas ao agasallo do meu querido amigo Manolo. Terei fondo gusto en fornecer datos sobre o libro a quen mos solicite. Sempre é precisa a volta aos clásicos. No que a min toca -por seguir cos clásicos- non podo deixar pasar moito tempo sen visualizar o vídeo, tan popularizado na rede, de José Tojeiro, de Cedeira, falando das súas putas e a droja nel cola-cao.
Lembro neste punto uns versos que de neno me aprendeu o finado de meu pai:

En la China un mandarín
tenía en el sobaco un peluquín
y en Vigo un tal Angulo
tocaba el clarinete con el culo.
Moraleja: para los desatinos
no hay como los gallegos y los chinos.

10.12.06

Ser español (en cursivas)


Partamos dunha base: eu creo que existe un ser español, entendendo por ser non tanto a individuación dunha natureza ontolóxica canto esta natureza en si mesma. É dicir, unha maneira de ser española, por riba de idiomas, paisaxes, gastronomías e folclores específicos (que, dito sexa en nota no pé, non son máis ca accidentia dunha substantia común, e isto non é de hoxe: as cantigas d’amigo, por exemplo, non eran máis ca a manifestación noroccidental dunha lírica amorosa tradicional común a toda a Península). Dous argumentos ao respecto:

a) é obvio que teño moito máis en común cun home ou muller non galego/a da miña xeración e da miña bagaxe sociocultural ca cun galego dun entorno diferente. É así que o feito de compartirmos experiencias, coñecementos e percepcións como Hazañas bélicas, El Capitán Trueno, Pepe Gotera y Otilio e o TBO, as clases de F.E.N., os campamentos da OJE, o bubble gum, Esperanza Roy en sostén, Del rosa al amarillo ou as novelas de Martín Vigil únenme cun tipo de, non sei, Alcantarilla, provincia de Murcia, de xeito infinitamente máis indisoluble ca cun labrador do Caurel o mero feito de sermos galegos. Isto, polo demais, é o que explica o propio feito xeracional (por moi convencional que se queira), que, sen irmos máis lonxe, aglutinou en 1898 e 1927 arredor dun mesmo corpo de ideas e experiencias a narradores, ensaístas, dramaturgos e poetas das máis variadas orixes hispánicas. O demais é gana de amolar.
b) eu non teño patria. A miña patria son os meus zapatos. Non quero dicir que non lle queira ao meu país pero iso de converter ese afecto en ideoloxía e credo político é unha memez (como mínimo) e un perigo terrible (como máximo: á historia me remito). Este nacionalismo biolóxico, tan pelmazo e reiterativo, que eleva a catecismo un feito aleatorio (nacín aquí como puiden ter nacido en Uzbequistán) é como esas concentracións moteiras que tanto se prodigan: o único que une a toda aquela xente (médicos e conserxes, delincuentes e tipos decentes, gordos e fracos, ricos e pobres, de dereitas e de esquerdas, vexetarianos e devotos do churrasco con chimichurri, vellos e mozos, abstemios e curdelas empedernidos) é teren unha moto. Por que había de ser o feito de ser galego unha garantía de nada? En fin. Que lle pregunten a un tal Francisco Franco, de Ferrol…

Polo tanto, si creo que existe un ser español, con cousas boas e malas, algunhas moi boas, outras moi malas. Gila, o humorista que, ao meu xuízo, máis fonda e intelixentemente penetrou no espírito profundo deste ser español, contaba aquilo do tipo que se paraba nun semáforo en vermello. Ao pouco, outro coche se lle pon en paralelo. O primeiro tipo mira ao outro, vira a cella e chasca a lingua, coa expresión do perdoavidas que pensa: non che parto a cara porque estou de boas que se non… Os tipos non se coñecen de nada, non intercambiaron unha palabra…. O xogo de pensamentos implicítos na escena poderían ser do estilo non vaias a pensar que o teu coche corre máis ca o meu; ou que es máis atractivo; ou que tes máis cartos. Lembro outro chiste moi ad hoc. O fulano que lle di a outro:
-Joder, que coche bonito, tío, xa che custaría.
E o outro picado lle resposta:
-E logo, pedinche a ti os cartos, ou?
O gag do gran Gila, e este chascarrillo último, ilustran moi ben algo que creo caracteriza bastante a ese ser español: a desconfianza sistemática do outro, o posicionamento previo necesariamente despectivo para o outro, o odio ao éxito alleo como reflexo en negativo da propia mediocridade, a satisfacción perante o fracaso dos demais pola mesma razón, a envexa militante. Lendo estes días unha historia da Guerra Civil, da que falaba hai pouco, sinto latexar permanentemente estes sentimentos por baixo da maior parte das iniquidades que entón se cometeron.
Lutero, que rachando coa Igrexa de Roma sentaba as bases da preponderancia socio-económica anglosaxona no mundo, reinterpretou o pecado capital da envexa como un estímulo positivo para a mellora e superación dos atrancos profesionais de cara a sermos iguais, ou mellores, ca aqueles a quen envexamos. Para o catolicismo é simpelemente un pecado capital, porque o bo e santo é aceptar a propia mediocridade e asumir con resignación a xerarquía que nos fai sentir inferiores, aceptación, asunción e sentimento que nos farán en definitiva merecedores do ceo (lémbrese aquilo de poñer a outra meixela…).
Revisando os meses pasados unha tradución de A ética protestante e o espírito do capitalismo (ollo ao título: a reflexión á que convida é riquísima), de Max Weber, —que imos tirar do prelo de xeito inminente na nosa colección "Clásicos do Pensamento Universal"—, atopo moitos argumentos e claves que axudan a comprender por qué estamos onde estamos (e os países da órbita anglosaxona están onde están). Claves? Dúas (e eu non son historiador), unha máis remota ( a Contrarreforma), outra máis veciña (a Guerra Civil).
En parlerons.

7.12.06

Historia dunha mesa (e II)


2ª parte do relato iniciado o pasado día 28 de novembro.

II
Polo que eu sei (e acaso non sexa este o momento de aburrir especificando as miñas fontes), a véspera do Nadal de 1888 zarpou do porto de Macapá, no noroeste do Brasil, o mercante inglés Darlene con destino Southampton vía Lisboa. Amais dunha pequena pasaxe -algúns europeos afincados no Brasil que voltaban ao vello continente-, o buque cargaba unha enorme cantidade de madeira en táboas procedente das selvas interiores do país. Era o seu capitán un tal Heatherford, mariño máis ca experimentado na travesía do Atlántico e que levaba ao mando do Darlene unha chea de anos. Home recto e amigo de facer as cousas ben, Heatherford -cando menos iso se afirmou despois-, tivera xa unha serie de problemas e diferencias coa consignataria por mor de fallos e neglixencias nas estibas da carga e excesos no peso obviamente conducentes a un maior beneficio no menor número posible de viaxes. Desta, polo visto, el en persoa tiña supervisado o acomodo da madeira no ventre do buque e todo fora conforme o seu gusto. Pero, como se adoita dicir, cando o día está de pulgas non vale cambiar a camisa. Aos oito días da partida, e despois de ter afrontado unha mar grosa invariablemente violenta, na altura dos 13º N e 32ºE, a uns 450 km ao surleste de Cabo Verde, o barco houbo de arrostrar unha espantosa galerna con violentísimos refachos de babor que case o botan a pique. Só o sangue frío do capitán e un profundo coñecemento do seu oficio evitaron unha segura catástrofe. Aportaron ao cabo en Lisboa e, tralas reparacións de rigor, seguiron viaxe cara ao Norte. Na tarde do 15 de xaneiro de 1889 o buque cruzaba as augas que arestora teño á vista. É inexplicable que un mariño tan experto e frío como Heatherford se chegara tanto á costa, pero o certo é que andaba a non máis de cincocentos metros da que por aquí chaman Area do Nove, a escasos novecentos metros ao sur da punta Balea. No medio dunha fortísima borraxeira de vendaval, con mar moi grosa e olas de catro e cinco metros e xa totalmente escurecido, malia non teren dado aínda as seis da tarde, Heatherford debeu decidir aproximarse máis á terra emproando cara ao surleste por un punto traicioneiro chamado Cons da Codia. Cando se decatou do errado da súa manobra, era xa demasiado tarde. A quilla do Darlene bateu violentamente cos baixos que racharon lonxitudinalmente o casco coma se fora de palla. Na aldea de Restrelo, no lugar propio dese nome fronte por fronte dos Cons da Codia, oíron o estrondo do buque ao se fender e os berros dos infelices que eran pasto daquelas augas temibles. Dende o día seguinte, o se calmar un así a borraxeira, as xentes da volta, de Trascastro, de Ameán, de Fremil…, ían recollendo os corpos que o mar, xa cobrado o seu tributo, devolvía á terra. Pó ao pó. Nunha touza, onde remata a praia, alí mesmo na Area do Nove, foron soterrados non menos de corenta corpos, homes de mediana idade na súa maioría, anque había tamén catro ou cinco mulleres e algún rillote de trece ou catorce anos. Os restos dalgúns foron tempo despois repatriados a Inglaterra anque disque había tamén holandeses e algún alemán. O corpo de Sullivan Heatherford aínda está alí, no lugar de preferencia -un cómaro dende o que se divisa toda a extensión da mar inmensa, que aquelas xentes mariñeiras que deron terra aos corpos sabían que o capitán debía ter. Unha placa de metal escuro foi colocada non hai moito no centenario do suceso, nun acto sinxelo que, curiosamente, tivo moi pouca repercusión nos medios de comunicación e ao que asisitiron incluso descendentes dalgúns daqueles desventurados. Di : Sullivan Heatherford (1826-1889), Captain of shipwrecked Darlene. Ese sublime laconismo británico.
(Continuará)

5.12.06

Confianza


Asistir ao progresivo descubrimento dos valores do mundo a través dos ollos dos nenos é unha das experiencias máis sensacionais, e reveladoras, que a paternidade (ou a maternidade, claro) depara. Tampouco se crea que, convertida a miña casa nunha sorte de laboratorio vital, ando arreo cunha lupa tras os meus cativos agobiándoos a ver que é o que descobren cada día. Pero, de cando en vez, o reflexo involuntario da importancia que conceden, ao seu xeito infantil, a aqueles valores que ao cabo nos definen como persoas, non deixan de ser íntimas, pero tal vez sublimes, leccións de humanidade.
Hai tempo o pequeno Juanpe (8 anos) estreábase neste local escribindo acerca da autoestima. Neste caso fixo un conto ad hoc para este blog que vai, creo, da confianza que precisamos depositar nos demais. O conto titúlase Julia, la abeja miedosa. Di así:

Había una vez una abejita que tenía miedo a volar. La pobre Julia sólo se atrevía a ir a ras desuelo. Un día, Meli una amiga de Julia, se ofreció a volar debajo de ella, como sifuera una colchoneta. ¡No tengas miedo, Julia! Yo te sujeto si te caes. Entonces Julia confió en Meli y empezó a volar. Al final, Julia descubrió ce solo tenía una erida en la ala pero lla se le había curado. FIN.

A ilustración é do autor.

4.12.06

Sobre estéticas tipográficas


Preparamos estes días en Publicacións da universidade unha edición moi especial. Unha desas edicións que fai que o editor se formule a necesidade dun labor que vaia para alén da mecánica formal do seu traballo cotián. Porque, sen prexuízo algún nin mingua do valor estético e do esmero específico que todo traballo editorial comporta —o editor que estableza categorías nos libros que fai está perdido— non hai dúbida de que o coñecemento máis ou menos profundo do oficio implica unha inevitable rutina, unha, como antes dicía, mecánica formal, que normalmente desdebuxa os alicerces do labor editorial, id est, os fundamentos tipográficos, estéticos, funcionais e comunicativos que rexen a transformación dun orixinal un libro. É así, polo tanto, que o editor non recorre, por nos os precisar, a criterios teóricos nin, por suposto, a inspiracións alleas, moito menos se estas asentan en produtos de hai case cen anos. Pois ben, no caso que comento impúxose definir criterios teóricos de partida, aproveitar inspiracións alleas e, moito máis, por proviren estas de hai case cen anos. As razóns? Podía dar dúas que dalgunha maneira están contidas no argumento co que iniciei este post (tratarse dunha edición moi especial): a) nihil novum sub sole, é dicir, todo está inventado e o que facemos é, apenas, unha permanente reinterpretación de solucións a problemas aos que alguén xa se enfrontou antes ca nós; b) a calidade das inspiracións alleas é por veces de tal calado que impón un respecto solemne, case reverencial.
Descorramos o velo. Falamos de editar ao autor, que, en opinión do mellor especialista en tipografía e literatura en España (do que xa falamos neste local), por vez primeira e frente a sus amigos de generación, hace patente con su nueva tipografía que la renovación que se proponía llevar a cabo en la literatura española era inseparable del modo en que se presentase. Este autor é, como a ilustración deixa claro, don Ramón del Valle-Inclán, quen, co intento devandito, fai bo o propósito declarado do outro gran renovador da tipografía e a estética editorial na literatura española, Juan Ramón Jiménez: en edición diferente, los libros dicen cosa distinta, declaración que debera ser programática do oficio de editor.
Será, ao cabo, o modernismo (e só co tempo un empeza a entender o profundísimo sentido e xustiza desta etiqueta) o movemento no que se destila a revolución na tipografia literaria española.
A edición da que falo, e para a que temos partido dos modelos estéticos combinados por don Ramón e os seus ilustradores e impresores, é unha reprodución facsimilar do manuscrito orixinal dun breve relato (36 páxinas) titulado Mi bisabuelo, en edición que foi promovida pola directora da Biblioteca da Cátedra Valle-Inclán da universidade compostelá, e gran amiga, Margarita Santos Zas. De feito a edición inaugura a serie de publicacións da Cátedra.
Hoxe reuninme co deseñador, Manolo Martínez, de Signum Deseño, en Compostela, ao obxecto de cambiarmos impresións sobre o plan de maquetación e traspasarlle os materiais para a mesma. Manolo concordou comigo en que, á vista da estética tipográfica valle-inclaniana, pouco podiamos facer senón reinterpretar. Sírvase o curioso lector observar a páxina que reproduce a ilustración (e especialmente o ano de edición). Pois ben: cabe algo máis moderno?
Somos ananos a lombos de xigantes. Agardemos que o resultado sexa do gusto de don Ramón, aló onde o seu espirito more. Xa contarei.

2.12.06

Postal de inverno















Madre herba
recolle silandeira as tebras.
Chora padre vento
nas cancelas.
Prata e aceituna, a tarde.

A penumbra fecha portas,
trae avisos da neve,
prepara a casa para o sono.
Hai no fume monocorde dos carozos
segredos que só o fogar coñece.

Neva,
e nalgures, certa,
late a sístole da noite.

Nota: sírvase frío. Pode acompañarse de Rainsong (Fortune's Lullaby) de George Winston.