12.10.06

Plan Rosebud



















Esta é unha foto do Gabinete Fotográfico do Cuerpo de Ejército de Galicia —que comandaba o xeneral Antonio Aranda— tomada o 5 de xullo de 1939. Meu pai, Mario -terceiro pola esquerda- ten nesta altura 23 anos. Aí están, entre outros, Jaime Pacheco, da coñecida familia de fotógrafos ourensá, e José Lombardía, se non erro un dos pioneiros da Televisión Española no Paseo da Habana, no Madrid dos 50. Meu pai foi mobilizado con vinte anos, no 37, e perpetuou a través do obxectivo dunha Leica momentos terribles, cotiáns, íntimos, alegres, tráxicos… da fronte de Asturias, León, Aragón e da “liberación” de Valencia. En dous enormes álbumes hoxe repousan máis de seiscentas fotos, memoria e testemuño directo daqueles días, daqueles anos, daquelas vivencias.
En verán contactei coa ourensá María Ruido, creadora e profesora de audiovosual na Facultade de Xornalismo da Universidade Autónoma de Barcelona, e o seu equipo para facer unha cesión deste material gráfico —en soporte dixital— para o Plan Rosebud, un interesante proxecto sobre imaxes, lugares e políticas da memoria. Rosebud encádrase no Proxecto Edición, que sufragan en parte o Centro Galego de Arte Contemporánea, CGAC, a Fundación Luís Seoane e MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo.
Dende a miña actitude crítica sobre os usos e invocacións gobernamentais da memoria, atraeume do proxecto de María a súa dúbida fundamental sobre o propio concepto de memoria histórica ou colectiva, dúbida que de feito é o motor do propio proxecto.

Invocar a Rosebud é convocar os fantasmas, é facer un chamamento á disensión, e á memoria como contradición e como desacordo, sospeitando xa, desde o comezo, do propio concepto e posibilidade dunha “memoria colectiva” nun sentido unívoco, e manifestando, pola mesma apelación sobreentendida no texto fílmico, á fragmentación e á fraxilidade construtiva, sempre conxuntural e cambiante.Apelar a Rosebud, pois, é decidir o punto de partida dunha investigación audiovisual e verbal, que terá nas imaxes da memoria, e por extensión, no estudo do documento e o monumento as súas ferramentas de estudo.
Plan Rosebud quere ser unha investigación sobre as relacións entre os diversos usos da historia e a revisión dos lugares de memoria en relación ás necesidades de lexitimación e reescritura desde o presente na nosa historia recente.


Durante a miña nenez e a dos meus irmáns e curmáns aqueles dous enormes álbumes eran obxectos de culto; a irreflexividade propia dos poucos anos cedía perante o influxo turbador daquelas fotos de mortos, de «paseados», de corpos calcinados dentro dos tanques, de vilas e cidades arrasadas, de prisioneiros rojos, de soldados mouros, de enfermeiras e rapazas da sección femenina, de Francisco Franco —que sabiamos era quen mandaba en España— comendo dunha escudilla metálica en campaña, xunto co seu cuñado Ramón Serrano Suñer, e alí estaba nunha foto feita por papá, de… Cando as miraba, fascinado, de neno non sabía que algún día poñería distancia entre eu e elas, a distancia que impón esa señora tan seria que se chama Historia.
Estas fotos xa non me pertencen. Deixaron hai tempo de ser miñas e da miña familia. Son patrimonio de todos. Deixan fe de cataclismos persoais e infortunios que tamén son patrimonio de todos. Nunca serán abondos os esforzos que fagamos neste país noso, tan dado aos maximalismos maniqueos, para que a historia non se repita. Nin de lonxe.

9 comentarios:

Marcos Valcárcel López dijo...

Magnífica foto (os parecidos familiares son incontestables) e magnífica documentación histórico-fotográfica: que non se perda e que sexa ben custodiada e catalogada. Saúdos.

juan l. blanco valdés dijo...

Obrigado Marcos, coma decote. Por certo, recoñeces ao Pacheco do que falo? Saúdos.

Marcos Valcárcel López dijo...

Non, non sería quen de recoñecer aí ese Pacheco que citas. Por certo, o General Aranda, onde formaron como soldados, foi ata hai pouco unha rúa franquista no barrio da Ponte, en Ourense: agora xa a quitaron (quedan outras). Saúdos.

juan l. blanco valdés dijo...

Grazas de novo, Marcos. Si, iso de "calle General Aranda" sóame tamén de máis sitios. Unha aperta.

Anónimo dijo...

Querido Juan: tardei uns cantos días en ler o teu escrito sobre o album de fotos de teu pai. Tén razón Marcos no asunto do parecido. De neno eu tampouco me cansaba de mirar un feixe de fotos non pequeno dun meu tío. Pero xa nin sei onde estarán. Polo que lembro eran convecionais, pero tamén un documento. Adiante con ese blog. Unha aperta, Anxo.

Anónimo dijo...

Por certo, supoño que Rosebud está relacionado coa bóla de neve de Cidadán Kane, de O. Wells. ¿ou tén outra connotación?

juan l. blanco valdés dijo...

Querido Anxo:

Encantado de que deras comigo e moi obrigado pola visita! Por suposto, trátase do Rosebud de Welles. Se visitas o enlace ao "Plan Rosebud" que inclúe o meu post, entenderás a relación.
Unha aperta.

Anónimo dijo...

rosebud é unha cita á magnífica película de welles, e a súa reflexión sobre a memoria.
a súa vez, welles toma á neve e o lume (esta vez nun orden inverso) dun poema de coleridge "kublai kahn (1797).
moitas gracias juan pola túa xenerosidade con rosebud. só unha aclaración: son profesora no departamento de imaxe da universidade de barcelona (que non se alarme a miña directora de departamento:-)
bikos dende barcelona, maría

juan l. blanco valdés dijo...

María: ata hoxe non vin o teu comentario. Tomo nota da aclaración. Bicos tamén dende terras da Amaía.