30.10.06
Nas marxes do quiosco
Un coñecido universitario e intelectual dixo hai anos que a edición universitaria -entendendo por tal a que se fai nas universidades- vivía unha existencia catacumbática. Eu teño reflexionado sobre este particular e concluído, en liñas xerais, que, malia todos os esforzos de modernización, profesionalización, racionalidade e mellora na distribución das editoriais universitarias españolas nos últimos anos, hai un espazo natural para a edición universitaria que non ten, nin pode ter, intersección coa actividade da edición comercial, que persegue, ao cabo -e con independencia do fin cultural que indubidablemente ten- un ánimo de lucro. Ora, ese espazo natural non ten por que ser unha turris eburnea sen comunicación algunha co exterior nin moito menos unha catacumba, como máis radicalmente quería o meu devandito pensador. Combinar, polo tanto, a prestación dun servizo de alto contido científico, asegurando a súa transmisión entre emisores e receptores moi especializados, cunha produción e comunicación cultural de índole máis divulgativa, e para destinatarios non tan restrinxidos debe ser- de feito vén sendo- a dirección correcta para a edición universitaria. Así é que na Universidade de Santiago, a carón de coleccións de alto nivel científico, edítanse outras como a Biblioteca de Divulgación, Serie Galicia, revistas de creación poética como Dorna, ou series de traducións a galego de grandes Clásicos do Pensamento Universal, que procuran -e cumpren- un labor de difusión e animación cultural moi recoñecido e varias veces, mesmo, galardonado.
Esta breve reflexión quere servir de introito á reportaxe que o portal da cultura galega publica sobre as revistas académicas e científico-técnicas que se editan no país baixo o significativo, e moi atinado, título de Nas marxes do quiosco. É moi de agradecer a intención de divulgar un labor, anónimo, complexo, moitas veces ingrato, pero que non obstante representa un contributo socio-cultural imprescindible.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
2 comentarios:
Por desgraza, querido amigo, creo que fóra dos ámbitos universitarios moitas destas iniciativas son moi pouco coñecidas. Por exemplo, esa magnífica Biblioteca de Divulgación, da que teño falado moitas veces, recensionando os seus libros... Pero case non se ven comentarios na prensa deses títulos e de moitos outros... Por que?
Amigo Marcos,
Canta razón tes! Verbo da nosa pouca presenza nos medios de prensa hai que ter en conta varios factores:
-a repercusión mediática dunha editorial universitaria é escasa. Fóra actos de presentación pública de libros, non destinamos fondos a promoción. Hai editoriais comerciais que gastan case máis en actividades de promoción (presentacións, cócteles, tertulias, sinatura de exemplares, entrevistas en prensa, tv...) ca na propia edición do libro.
-pola contra, si temos presenza en medios especializados (recensións e reseñas en revistas).
-o noso fondo (investigación, ciencia, técnica...) é por natureza menos "mediático" -se así podemos dicilo- ca a creación literaria ou ensaística.
-perante unha produción editorial tan mastodóntica coma a deste país (lembremos: máis de 70000 títulos en 2005), os grandes medios de comunicación cultural (en especial os "culturais" da prensa escrita) -ti sábelo mellor ca min- han de escolmar ao máximo o que recollen.
Con todo, e con estes considerandos, creo termos unha presenza razoable na prensa, cando editamos algo de trascendencia socio-cultural (alén das lindes do científico-técnico estrito), como é o caso, en efecto, dalgúns títulos da "Biblioteca de Divulgación". Por certo, o próximo (para dentro de moi pouco), un libro sobre a figura e a época do bispo de Chaves Hidacio, ambos os dous -figura e época- altamente intersantes malia bastante descoñecidos.
Saúdos cordiais dende Terras da Amaía.
Publicar un comentario