23.10.06
O diluvio
O lume, as cinzas, as chuvias torrenciais, o arrastre catastrófico das cinzas pola auga das chuvias torrenciais… Non parece un castigo bíblico? Cando Yahvé pensou cómo punir durisimamente a blasfema vaidade do seu pobo pensou en facer chover corenta días e corenta noites e anegalo todo. Neste sufrido recanto do planeta, pode chover máis, moito máis. Pero aquí non é Yahvé o responsable de desmontes perigosísimos, das inundacións en baixos, garaxes, sotos, de humidades e goteiras en pisos novos, de fendas impresentables nas paredes aos tres meses de adquirido o inmoble. Aquí o deus castigador chámase especulación urbanística. Cee é a vila emblemática do desenvolvemento na Costa da Morte. Emblemática de qué desenvolvemento? Grúas, ladrillos. Eis o resultado.
Eu (e moita máis xente) non nos merecemos un país así. Eu (e moita máis xente) non nos merecemos esta caste de políticos, absolutamente indiferentes ao que debera ser unha vocación de servizo público (que inxenuidade!). En fin. Isto vai rebentar. O día que a este país chegue un salvador populista falando de rexeneración moral, lembrando o gasto público que xera este mastodonte das autonomías (gobernos, parlamentos, administracións, televisións, policías...), e metendo no cesto dos ladróns, corruptos e especuladores a todos os políticos e alcaldes, témola organizada. Eu témolle aos mesías.
Foto: Cee. El Correo Gallego. Ao chapapote poñíanlle as chalanas.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario