2.10.06
Malos tiempos para la ética
O feísmo arquitectónico e a obrigada convivencia coa máis sádica degradación do medio; o cidadán insomne a base do balbordo orixinado polo dereito inapelable á movida e o botellón; as cacas de can por onde queira como minas nun campo; as praias zarrapicadas de plástico e metais; o ollo ciclópeo da vella lavadora que olla para nós dende a cuneta; os somieres pechando as leiras; a televisión do bar que ningúen mira facéndose oir terca por riba da voz dos parroquianos que, á súa vez, semellan sancionar o seus argumentos subindo a voz; o pai que fala con idéntico ton á muller, ao can e ao fillo; us uvas que apodrecen na viña pero pobre de ti se che ven arrincando un acio; as preas rebentadas nas estradas; a chuvia túzara, despiadada que empeza e parece que tiran a chave; a impotencia nacida da imposibilidade de lle botar a culpa da chuvia á Xunta ou a Zapatero; o recurso dirario ás pistas para eludir unha estrada hipersaturada dende hai dez anos (a causa, por certo, da máis brutal especulación urbanística na volta das cidades)… e, na fin do día, un rato de tele, no intento frustrado de ver algo máis ca publicidade. A tele, raíña e señora, constituída como centro neurálxico das aspiracións dos cidadáns, alí onde viven os corpos más atleticos e esbeltos, a mellor calefacción, o champú máxico, a hipoteca definitiva, coches coma relixións, a margarina para o colesterol, os mundos imposibles, os apartamentos de Marina d’Or e as viaxes a Túnez. A tele é un elemento castrante de aculturación e amoralidade, onde ten asento toda grosería, toda loanza á zafiedade, toda consagración do vulgar. Canto más gusto polo banal e canto máis desprezo á cultura máis doado será ollar para outro lado. Mañá será outro día.
Bailad, bailad, malditos.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
2 comentarios:
O de semopre......tes razón , esí estamos......¿pero, cal será o remedio para facer cambiar a xente...?
Quizais,seguirá a faltar moita escuela....,e dicir educación humanística...?
Estimado amigo anónimo:
Hai, do meu punto de vista, moitos factores implicados. Ora, xa que saca Vde. o tema da escola -e o digo como pai de nenos pequenos- creo que o descrédito da familia como entidade grupal básica na educación, en aras dun progresismo trasnoitado, e un conxunto de moi desafortunadas reformas educativas -alicerzadas nunha, na miña opinión, errada visión "lúdica" do proceso educativo e na falta de esforzo- deron nunha ausencia xeralizada de valores, digamos, "troncais" (palabra moi de moda), aos que tal vez se refira Vde. cando fala de "educación humanística": a discreción, o respecto, a intelixencia nas relacións humanas, a disciplina, a solidariedade, o desinterese, a modestia, a comprensión do outro... Logo está, claro, o "rodillo" dos tempos, ao que contribúe de maneira decisiva a caixa tonta: a fama, ou cando menos a popularidade, fácil e rápida; o diñeiro como valor absoluto; o consumo sen control como visado para a felicidade; o anonimato como signo inequívoco de mediocridade; a beleza física e a roupa cara como requisito indispensable para o prestixio social; a posesión de obxectos carísimos como fonte de 'glamour' e artactivo..., e, claro, a lexión de monstruos derivada deste singular catálogo de valores aumenta cada día, xeralízase, muta en novas formas.
Como explicar a anorexia nun planeta onde as tres cuartas partes da pobocación loita coa fame, a enfermidade e a miseria?
Permítame transmitirlle, como corolario do devandito, unha idea (para min básica): a escola FORMA; o que EDUCA é a familia. Asumindo iso, evitarase no futuro que un pai chegue ao Instituto coma un basilisco a queixarse perante o tutor -por caso, o profesor de historia- de que o seu fillo fuma porros... Pense nalgo: de quen a responsabilidade dos episodios de violencia nas aulas, de acoso ao alumno débil, de machismo? Do propio colexio? Creo que non. Velaí a clave.
Obrigado pola visita e o comentario.
Publicar un comentario