4.10.06
A vida por diante
A miña sincera felicitación e gratitude para todo o equipo de realización, guionistas e actores da serie da TVG A vida por diante. Magnífica a banda sonora e ambientación musical de Nani García. Sígoa con fidelidade e agárdoa con ilusión (na casa á serie chamámoslle as mariñeiras). Un dos seus méritos, do meu punto de vista, é dar un tratamento universal —ao cabo, os problemas derivados das relacións humanas— dende unha peripecia tan específica como a dunha vila mariñeira galega, e que, por iso, podería ter ficado no enxebrismo pailán ou simplemente estúpido ao que nos ten tan acostumados a galega (e non quero dar nomes porque é indelicado, pero, si, está pensando Vde. no mesmo ca min…). Nese océano de inmundicia que é a televisión, o reto —íntimo pero próximo, cotián pero cheo de suxestións, pode que banal pero sublime na súa banalidade— que lles plantexa a existencia a este grupo de mulleres polo simple feito de teren ficado viúvas o reconcilia a un (ou cando menos me reconcilia a min!) coa vida, con esa experiencia terrible e marabillosa que é vivir, así, tan simple. Conseguir, pois, unha renda expresiva tan alta e plena de matices a partir do minimalismo —consciente— de recursos do que fan gala os realizadores e guionistas é algo extraordinario, para min descoñecido na TVG. A destacar a impecable interpretación de todo o elenco, o deseño de produción, a absoluta verosimilitude na fala.
Hölderlin pedía habitarmos poeticamente a terra. De certo que, sen o saberen, os membros do equipo de realización de A vida por diante están seguindo puntualmente a súa solicitude.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
2 comentarios:
Moitas grazas , de parte de todo equipo de " A vida por diante".
Nos complace que te apasione tanto como a nos.
un abrazo e esperamos non defraudarte.
Carlos s.
Grazas a ti, Carlos, pola visita ao meu local. Saúdos tamén para todo o equipo.
Publicar un comentario