26.10.06

Vello. Antigo

A actividade urbanísitica e de intervención paisaxística deste paisiño noso encádrase nomeadamente -á parte de nun mal gusto militante- na ausencia de lindes semánticas entre vello e antigo. Sen embargo son cousas ben distintas. Vello é simplemente ‘con moitos anos’. Antigo é ‘con moitos anos e cunha nobreza ou dignidade proporcionada por estes’. Esta ausencia marca unha diferencia fundamental entre a nosa terra e, por exemplo –por falar de algo que coñezo e moi semellante a Galicia en moitas cousas–, Bretaña, a vella e céltica Armórica, outro verde fisterra onde enterran os cables dos tendidos nas praias para que non se vexan ou limitan a potencia dos farois nas magnificamente conservadas zonas vellas dos pequenos portos tradicionais do país para que, de noite, o conxunto dea unha impresión máis real de antiguidade. Agora dádevos unha volta por Malpica, Muxía ou Camariñas. Intúo que este non é o camiño, non pode ser un bo camiño seguirmos indefinidamente sen diferenciar vello de antigo. Teño, por veces, a sensación de sermos un pobo sen verdadeiro espírito, coma figuras con pés de barro ou xuncos que abanean ao sopro do vento que lles veña. Poñerei un exemplo do que sinto, sen entrar en valoracións pragmáticas, e moito menos morais: non deixa de sorprenderme a facilidade coa que un país onde a necrofilia das ceremonias funerarias tiña xa unha raigame antropolóxica ten cedido, practicamente sen transición, á asepsia dos tanatorios.

Ó cabo, pode ser que ande eu errado e que non sexa tan malo construír o futuro sen o máis minímo respecto polo noso pasado colectivo; pero teño para min que un futuro así é un meniño que de adulto vai ser gris, feo, indiferenciado, aburrido e sen matices.

Nota: o día que teña verdadeiras razóns para ser optimista vai mandar carallo.

No hay comentarios: