17.10.06

Fin de século


O libro do polifacético Luis Antonio de Villena — poeta, narrador, ensaísta, crítico literario, erudito e tradutor— Diccionario esencial del Fin de Siglo (Valdemar, 2001, non é nigunha novidade: este non é un blog de novidades, máis ben todo o contrario) parte dun presuposto que a un filólogo sempre interesado no apaixonante eido da lexicoloxía non podía menos ca atraer. Trátase do coñecido argumento que o lingüísta francés Georges Matoré propuxo en 1953 en La Méthode en Léxicologie de que o léxico dunha civilización é revelador da civilización mesma, de xeito que as palabras, ou máis ben, os neoloxismos e as reacomodacións semánticas (cambios de significado), deveñen mots-témoins (palabras testemuña) ou mots-clés (palabras clave) dun determinado momento social, a lombos das mudanzas —quer radicais e violentas, quer resultado dun evoluír máis pausado— que a tal momento coubo asistir. Dentro desta sistematización tan impecable xorde non obstante a dúbida do segmento cronolóxico concreto ao que apoñer a palabra en cuestión ou a mesma categoría de "primeira división" (palabra clave) ou de "segunda" (palabra testemuña). Alguén, por exemplo, poñerá en dúbida que internet ou informática son palabras clave dos últimos anos do século XX ou iniciais do XXI? Probablemente mapa xenético e clonación? Eutanasia, estado do benestar, aborto, hip-hop, estrés, serían, noutra orde de influencia ou reflexo, palabras testemuña do noso tempo. Fascismo, Volkgemeinschaft, ou —para desgraza da humanidade— Vernichtungslager foron palabras clave dos anos trinta e corenta. Guerra fría foi termo clave na posguerra mundial. Raison, razón, reason do século XVII europeo. Abolicion, abolicionismo, escravitude dos mediados e remates no Estados Unidos decimonónico.
Pero, que facer con verbas tan traídas e levadas dende séculos ou anos como democracia, liberdade, átomo, loita de clases, oligarquía, terceiro mundo…?
Como se ve, malia o arriscado de toda clasificación, especialmente nas disciplinas humanísticas onde a compoñente subxectiva nas apreciacións pode alicerzar un argumento, a idea de Matoré -alén de especulacións prácticas máis ben inútiles como as que vimos de tantear...- revela unha verdade incontestable: sexan clés ou témoins os neoloxismos ou os cambios de significado (velaí navegar, chatear, móbil, dixital…) son reflexo fiel da evolución social, económica e cultural das sociedades.
Se houbo unha época, xa que logo, na que certas palabras, modismos ou locucións adquiriron un valor de alta preponderancia e transposición social e cultural foi ese treito fascinante denominado fin de siècle, a fin de século, unha antonomasia reveladora dunha dialéctica —por veces aceda e mesmo violenta— entre tradición e modernidade, que se ía resolver nos máis revolucionarios cambios e nos anos máis convulsos que a sociedade europea coñecía probablemente dende 1789. Comprende, secomasí, Villena a fin de siècle entre dous fitos cronolóxicos (e tamén necrolóxicos): as mortes de Baudelaire, 1867, e de Darío, 1916. Nesa cincuentena agromaron e floreceron —outras mucharon no gromo—, moitas das personalidades literarias máis interesantes do mundo contemporáneo (e unha das que personal e literariamente máis me atrae: o irrepetible don Pío Baroja). Unha trintena de palabras (de anarquismo a bohemia, de drogas a hiperestesia, de mala vida a hispanidad, de ocultismo, en fin, a spleen) -desenvolvidas co rigor, erudición e amenidade popias do autor-, todas elas palabras claves ou testemuñas dunha época de grandes turbulencias e de insignes transgresores, motores en todo tempo do progreso da humanidade.

No hay comentarios: