14.10.06

Unha lección de ¿humanidade?


Felicito ao Concello de Oleiros, con quen colabora a Fundación Caixa Galicia, pola iniciativa na creación do Foro Internacional de Fotorreportaxe e Sociedade Reve!a, este ano adicado a Territorios en Conflito. A idea, ademais, de bater literalmente nas conciencias da xente que pasea as súas —probablemente— pequenas miserias ou grandezas paréceme, non sei se boa ou mala, pero de certo proveitosa. Refírome á exposición de máis de 300 fotos que estes días Reve!a 2006, baixo o título devandito Territorios en Conflito, exhibe no paseo central da alameda compostelá, toda unha proba de que botar a sonda na vesania e na brutalidade humana é arriscarse a non tocar fondo. Toda unha proba, por outra banda, de que podemos seguir agochándonos pero a realidade é, coma un mal sono, túzara, indomesticable.
Iraq, Haití, Chechenia, Sudán, Congo… O de sempre. Aí están, en fotos paneladas de extraordinaria calidade, as consecuencias da intolerancia, dos nacionalismos a ultranza, da aculturación, da incomprensión e a xenreira ao «outro», da forza como perenne substitutivo da razón, da avaricia compulsiva dun capitalismo feroz… Unha oportuna catarse para urbanitas, ou, dito doutro modo, unha brillante maneira de joderte el paseo. Ben. Paréceme ben. Vin a exposición coa miña familia. Para os nenos toda unha lección de humanidade, no máis puro (e paradoxal) sentido.
Lembreime tras o visionado destes dramáticos documentos do Ano da Memoria. Tras setenta anos, e vendo a magnitude planetaria de tanto horror contemporáneo, non será que nos miramos demasiado o embigo?

A foto é de Galicia Hoxe. Unha das metálicas Marías flanquea a imaxe dunha muller iraquí.

No hay comentarios: