6.10.06
No limits
Para graduar como anda o patio e ponderar a media de intelixencia crítica do persoal, recomendo vivamente ler os comentarios dos lectores de El Correo Gallego á noticia sobre a farra do alcalde de Ortigueira e Pocholo, unha parella moi representativa deste todo vale ao que nos ten afeitos a caixa boba.
Eu só digo unha cousa. Poñan a un cidadán (mellor aínda unha cidadá) calquera a ver ese video. Tras velo, pregúnteselle a opinión sobre o señor da camisa rosa e sobre cousas que fai e que di neses escasos dez minutos. Só despois se lle dirá que é o máximo responsable da vida civil dun concello de case 8000 habitantes.
O malo de todo isto non é que pase: é grave, certo é, que un tipo con eses valores represente aos cidadáns, que democraticamente o votaron (algo lle verían…: alá eles). Neste sentido, a súa liberdade de actuación como cidadán -literalmente: facer o que lle saia das narices- non é coma a miña ou a de Vde. O seu cargo, a representación cívica dos cidadáns que o teñen elixido, imponlle limitacións obvias, que, se non entende ou asume, é debido a unha pobrísima percepción do alto sentido institucional da súa condición. Porque, ollo, el preséntase ao Pocholo ese e demais circunstantes dicindo: Soy el alcalde de Ortigueira.
O alcohol non o xustifica. Esa actitude chulesca do fulano que tira os cartos é, mírese como se mire, patética e representativa dun tipo antropolóxico moi concreto. Imaxino que no seu despacho de rexedor de Ortigueira terá un retrato de Berlusconi a carón do do Rei.
O realmente alarmante é que a farra deste par de frikis sexa materia dun programa de televisión. E o máis alarmante aínda é que ese programa teña público.
Por certo, a manía esa de acompañarse de gaiteiros... a quen me recorda?
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario