17.12.06

O meu mapa do blog


Voltaire -xunto con Schopenhauer, Oscar Wilde, G. K. Chesterton e, en España, Ortega y Gasset, probablemente un dos máis prolíficos proveedores de frases lapidarias da cultura occidental- deixounos unha sentenza que asumo ata o punto de tela impresa en sitio ben visible no meu lugar habitual de traballo: a force de s’occuper des choses urgentes, on oublie les essentielles. Aplico, ou intento aplicar, este principio a moitas circunstancias e retos trascendentes da vida, con resultados variables, supoño que coma Vde. Pero non é esta a razón pola que traio hoxe a colación ao vello Voltaire. Non. Se lembro a súa sentenza, tan verdadeira, é como principio xeral baixo o que observar a maior parte dos blogues (ou blogs, ou blos, ou bitácoras, -algunha vez teremos que poñernos de acordo), ou cando menos unha moi boa parte dos que se editan en Galicia (remito ao listado dos "2000 principales" de blogaliza.org): entre agit-prop nacionalista e idiomático, mitomanía literario-editorial de fondo e de mostrador, you-tube e política do momento vaise máis da metade deles. Ollo: isto non é unha crítica (quen son eu, arte e parte, para criticar nada?); é apenas unha percepción, percepción que, ao meu modo de ver, acena cara a algo acaso máis fondo. Teño para min que, suxeitos coma vivimos, á permanente ditadura de estímulos externos, á intervención obsesiva sobre as circunstancias da nosa existencia ao efecto de as modificar no noso beneficio, amoldamos a nosa individualidade, coma nunha sorte de leito de Procusto, ao que entendemos se agarda dela, no canto de preguntarnos sobre moitas das características de nós mesmos e da nosa relación cos demais (unha hesitación a este respecto, xa que vai de citas lapidarias: l’enfer —por que non le ciel?— sont les autres). Chámame a atención o pudor que latexa na maior parte dos blogues a asumir, se non é con disfarces e esquizofrenias estéticas, a propia personalidade. Un comentarista anónimo destes Fragmentos chegou a criticarme o uso do meu nome real no que el entendía un intento de autopromoción persoal (promoción de qué, pregunto eu), alegando que a, digamos, filosofía blog naceu como expresión por excelencia do anonimato, punto de vista co que eu obviamente non concordo. Vexo estas páxinas máis ben como un desafogo, o diario dun "curioso impertinente", a crónica dos meus días, xornadas e angueiras, alén da realidade inmediata—máis ben aburrida e reiterada ata a saciedade nos medios— da política (municipal, comunal, nacional ou internacional), da conquista dun dominio .gz, do tremendo problema socio-semántico-político da expresión nazón de Breogán ou das últimas novidades, presentacións e premios literarios (de volume, por certo, inabarcable). Persoalmente, atopo máis motivos de estímulo creativo e reflexión nun paseo polas rúas da cidade, meditando sobre as miñas manías de lector ou charlando cos meus amigos sobre o perceptible embarazo de dona Letizia ca na volátil realidade que reflicten os xornais sobre as andanzas da conselleira de Cultura e a súa cidade, o tripartito catalán ou o peñazo da memoria histórica. Non sei, polo tanto, ata que punto a maior parte dos blogues, ou cando menos os de máis éxito —medido, con criterios de Technorati, sobre a base da súa referencia noutros blogues— son un mero remedo dos xornais impresos e follas volandeiras diversas do mundo real (entendendo por tal o que se desenvolve fóra dos ordenadores).
Non podo deixar de recoñecer sentir un punto de envexa (sa) cando comprobo a magnífica resposta en comentarios que teñen moitos destes blogues en comparación ao meu. Mirando en perspectiva entendo que, alén de posts concretos máis apegados ao devir da actualidade, a xeneralidade dos asuntos que se tratan neste local non incitan precisamente a comentario ningún, o cal, supoño, non terá que ver con que se lea ou non. Marcos Valcárcel, sempre mesurado e benevolente, usaba a este respecto, e para o meu consolo, a metáfora da tertulia de café: non moitos intereveñen pero todos escoitan. Non o sei. Tampouco me preocupa moito. En calquera caso, disque os compromisos que máis atan son os que un adquire consigo mesmo.
En fin. Na blogosfera, coma na vida real, ten que haber de todo: blogs consagrados á fama e o oropel e outros destinados a faunas máis escuras: blogs que falen de Suso de Toro e outros que lembren a Manolo Mirás, Mirman’s. A un grandísimo aforrador e tacaño famoso de quen teño noticia afeáronlle ser tan tanazas, e el, en prístina demostración da máis sensata retranca, argumentou:
-Pro coño, cada un disfruta á súa maneira! Hai quen disfruta jastando e hai quen disfruta aforrando.
Certo. O caso é ter saúde.

4 comentarios:

Marcos Valcárcel López dijo...

O mundo dos blogues é así de caprichoso. Pero, existan máis ou menos comentarios, hai sempre lectores do outro lado: e creo que tampouco é cuestión de cantidade (nin de competencia nin de actualidade estricta, como falabamos esoutro día en Brétemas). Pero que che conste que aí están os lectores: eu, cando menos, todos os días. E grazas pola cita. Unha aperta.

juan l. blanco valdés dijo...

Amigo Marcos:

De novo, unha vez máis (agardo que non a última!), agradecido á túa visita e punto de vista. Máis que caprichosa (que tamén), a blogosfera é fiel testemuño do noso tempo, das súas veleidades, miserias e grandezas, é dicir, variada e en permanente expansión. No meu "post", só intentaba reflectir por onde creo que van os tiros a día de hoxe. Veremos o que penso cando o lea dentro de catro ou cinco anos (se alá chegamos!). Unha aperta.

Anónimo dijo...

Acabo de entrar no teu blog: e prometo facelo con asiduidade. Que saibas que es lido e en breve comentado. Unha aperta.

juan l. blanco valdés dijo...

Querida/o arume:

Moi recoñecido pola túa visita, promesa e comentario. Unha aperta.