4.8.19

Ironías do tempo


Ollo o meu can. Dorme tranquilo nunha sombra da terraza, despois dunha intensa mañán de praia. Ignoro por que pero esta tarde de verán (un verán un chisco cimarrón, todo hai que dicilo) ponme filosófico. Acaso sexa por contraste da pandemia festeira que se instala no país coa chegada de agosto e a esixencia incontestable de atopar a felicidade difrazándonos de viquingos ou piratas e comendo e bebendo ata non podermos co corpo. O caso é que, mirando o meu can, que ignora (bendita ignorancia) que un día morrerá, penso que, de entre os inventos humanos, o tempo é o máis humano de todos, o cal pode resumirse nunha constatación, á que, de facerlle máis caso, mellor nos iría: o pasado e o futuro non existen pois sempre é presente. Daí que xogar coas ficcións do tempo sexa, para alén de extremadamente suxestivo, extremadamente inquietante. Cando en 2019 leo nun vello tratado de astronomía editado nos anos vinte do pasado século que a vindeira aparición do cometa Halley sería en 1986, as liñas do tempo esváense situando as miñas lembranzas e vivencias de cando tiña 26 anos como o futuro dun libro escrito 66 anos antes nun presente de 33 anos despois. Ou sexa, un lío padre. 
Como imaxinarían nos felices 20 o mundo de 1986? Como imaxinabamos nos oitenta o ano 2019? Á primeira pregunta non teño resposta. Para responder a segunda, o xenio de Ridley Scott facturou en 1982 un filme que, para alén dos estreitos límites que impoñen as etiquetas (neste caso  ‘ciencia ficción’), se converteu nunha icona audiovisual do século XX ademais de nunha reflexión, de incomparbale lucidez, sobre a condición humana e os límites da tecnoloxía. Tal vez non sexa un exercicio superfluo comparar o 2019 de Blade Runner imaxinado hai 37 anos e o 2019 de 37 anos despois. Os Ánxeles (de California, non de Brión) segue sendo unha cidade luminosa, non unha megalópole escura e permanentemente atoldada de mouros nubeiros e chuvia túzara; menos para os inmigrantes que xogan a vida nunha patera, as colonias do mundo exterior son aínda máis unha fantasía que unha realidade; as corporacións como Tyrell non fabrican replicantes senón telefónos celulares e redes sociais; e Nexus 6, que contemplou naves en chamas máis alá de Orión e raios C brillar na Porta de Tannhäuser, é un ser humano, que, como o pellejudo que interpretaba, tamén tiña data de caducidade. O actor neerlandés Rutger Hauer, que encarnaba o replicante Roy Batty, faleceu hai uns días. No mesmo ano que, hai 37, o director do filme imaxinou que morrería o seu personaxe. Ironías do tempo.

1 comentario:

paideleo dijo...

Moi logrado este texto sobre o invento humano do tempo.
Como será o mundo no ano 2046 ?.