Nun país onde, como se pode
comprobar a diario, seguen mandando seitas ideolóxicas e bandeirías, Albert
Boadella cre, con moi bo sentido ao meu xuízo, que o feito de que ao finado
Arturo Fernández non se lle dera ningún premio Goya é probablemente, o mellor
recoñecemento a unha brillantísima carreira como actor, unha carreira ninguneada,
non obstante, por non ter ingresado na gauche
divine, que, coma un crucifico, preside o gremio actoral hispano.
En realidade, e para alén de
razóns, como as expostas, máis ou menos espurias, poucas cousas debe haber que
xeren tanta euforia nos gañadores e desilusión nos perdedores como os premios e
galardóns. Como é posible, razoa o escritor persuadido da valía da súa obra,
que ano tras ano os loureiros da gloria e os euros do cheque deste ou aquel
premio municipal de novela os leve un botarate incapaz de fiar con estilo dúas
liñas? En fin, que o certo é que nin todo o que se premia é bo nin todo o que
fica sen premiar é malo. Pero, aínda así, penso eu que acaso os premios sexan
como os mapas: non substitúen a terra real pero axudan a orientarse. E, por
veces, resulta que esa orientación é a xusta, a que, dende a inquietude do
camiño incerto, conduce ao abeiro dun destino acolledor.
Hai un par de anos, dous tan
inquedos como entusiastas profesores da Facultade de Física propuxeron á
editorial universitaria un proxecto que, de entrada, se presentaba complexo,
longo, traballoso e provisto máis de sombras que de luces: converter a edición
dixital de fotografías nocturnas dun ruso trotamundos, de cuxos dereitos
podiamos dispoñer, nun produto vagamente noso, incorporando algunhas imaxes de
autores do país, afeccionados, como o tal ruso, a deixarse seducir polo
impoñente espectáculo nocturno da cúpula celeste. A conversión e destilaxe
final dun a outro produto foron o que se di unha traballeira.
Substituíndo recursos con
ideas e diñeiro con convicción, editamos en 2018 Na procura da noite. Fotografando o ceo nocturno, unha colección
dixital de 94 imaxes do ceo de Galicia de nove soñadores que, cámara en man,
testemuñan a beleza da noite, unha obra pola que recibimos o premio á mellor
edición dixital e multimedia nos XXII Premios Nacionais de EdiciónUniversitaria. Ben sei que o ollo do amo engorda o cabalo pero, para alén de
superfluas vaidades, déixeme dicirlle que, tras o bravo traballo de tanta
xente, recoñecementos así sentan, falando en prata, como dios.
[Foto do post: Venus en Cabo Vilán, 09,.03.17, © Alba Rodríguez Mosquera]
No hay comentarios:
Publicar un comentario