A globalización, a dixitalización da comunicación, a
Internet, os centros comerciais e as guillotinas para o pan do Mercadona
trouxeron consigo irremediables mudanzas neste cambio de milenio que a vostede
e a min (con diferenzas de idade, supoño) nos tocou vivir, un tour de siècle tan intenso como, ao meu
modo de ver, apaixonante. Referíame eu nesta mesma columna hai unhas semanas ao
artigo no que un colega editor profetiza a fin das librarías tradicionais para
2030. Cantas cousas, ai, ademais das librarías haberán de rematar nos vindeiros
anos engulidas polo frenesí comunicativo, a evanescencia e curto prazo das
nosas experiencias e as ofertas do Decatlón! Quen esquiaba antes en Galicia?
Catro monas (con perdón). Agora chega decembro e semella que se non aproveitas
a ponte da Constitución para pillar un forfait en Astún es un piernas que
perdeu o tren da vida moderna. Hai que esquiar, facer puenting, comer sushi, consumir,
ir rápido a algures, comprar viño carísimo, reservar no restaurante máis exclusivo,
cociñar cousas raras con nomes aínda máis raros para os amigos, ver Netflix no
móbil, escribir vinte e-mails ao día, respostar trinta, enviar cincuenta ou
sesenta guasaps, enlazar algo, o que sexa (unha foto, un vídeo, unha noticia, a
nova do noso cumpreanos…) en Facebook e agardar unha morea de likes… e
compensalo todo cunha horiña de ioga ou dúas de mazada no pádel. Ah, que vida tan
marabillosa, tan sa, tan ben compensada!
Pero, horror, hai imaxes que veñén
turbar a arcadia hiperteconolóxica que habitamos. Quen pode tolerar que o
celular amose as iconas de batería baixa, non hai cobertura ou o redondeliño de
puntos grises xiratorios mentres se carga unha aplicación? Non, non! Fóra da vista! Onde
hai un cargador, por favor? Xa hai que ser gilipollas para non ter posto o
móbil a cargar!! Que non hai cobertura? É posible que non haxa cobertura? Se
estou agardando un guasap do veterinario do meu gato!! Non podo esperar! Maldita
app, cando vas cargar, que non teño todo o día!!
En fin, qué panorama. Hai semanas que non toco diñeiro
efectivo (papel ou metal moeda) máis que para pagar o café de primeira hora na
cafetería universitaria. En nada, o diñeiro, tal e como o coñecemos ata agora,
desaparecerá engulido polo súa virtualidade nun rectángulo de plástico. Hai uns días, na impartición
dun curso na sala de ordenadores dunha facultade pedín a alguén un folio: por sorte,
unha rapaza, de entre vinte persoas, tiña un no maletín. Quen e para qué
escribe hoxe ninguén a man? Cousas que perdemos no lume inevitable do tempo e a
evolución. E a política? Ai, tempos dourados do bipartidismo que, a diferenza
das escuras anduriñas, non volverán!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario