19.5.14

Unha esperanza truncada



Luis Morillo Uña viu a luz en Berlanga, provincia de Badaxoz, a pouco de nacer o século, en 1901, fillo de Manuel Morillo Tena, profesor de instrución primaria, natural de Castuera, tamén en terra pacense, e María Uña Muñoz, de profesión os seus labores, natural de Maguilla, da mesma provincia. Estudou Medicina na Universidade Central de Madrid, onde foi dilecto pupilo do ilustre obstetra e xinecólogo Manuel Varela Radío, galego de Compostela. En 1923, cursando aínda o cuarto ano dos seus estudos, Morillo é nomeado, tras oposición, alumno interno da Cátedra de Obstetricia e Xinecoloxía da Universidade de Madrid, que rexía Varela Radío, con una remuneración anual de 1000 pesetas. Froito da dedicación e dunha máis ca evidente brillantez profesional, con 34 anos, Morillo gaña por oposición, non exenta de polémica, a cátedra de Obstetricia e Xinecoloxía en Santiago e en xuño de 1936, cando xa a sombra ominosa do cataclismo comezaba a escurecer os días primeiros do verán, é elixido Decano da Facultade de Medicina, facultade esgrevia e dura de augafortes de Fonseca e o Hospital, deixou dito Otero Pedrayo. Tras o golpe, don Luís é destituído do decanato e, ao pouco, tamén separado da súa cátedra. Fundido moralmente e vítima dun insoportable clima de vae victis, consciente de que, probablemente, só era cuestión de tempo, Morillo quítase a vida en 4 de xaneiro de 1937, deixando viúva, Dª. Ana Mª Navacerrada Pardo, que aínda houbo de vivir, en 1939, o proceso de depuración política do seu home, no que constitúe, sen dúbida, unha prístina mostra da xenerosidade e altura moral dos sublevados.
As historias persoais son como o ceo. Visto en panorama, o ceo apenas ofrece estímulo a unha observación máis polo miúdo. Só, cando unha nube en concreto, tal vez polo capricho da súa forma, acaso polos contrastes da súa cor, reclama a nosa atención e afondamos no detalle da súa anatomía, descubrimos un pormenor que engaiola, as arestas e perfís que, nunha mirada desatenta, non eramos quen de percibir.
Cando oín por vez primeira a historia de Luis Morillo, e a intención que algunhas persoas vencelladas coa Facultade de Medicina tiñan de restituír a súa memoria académica, científica e civil a través dun libro, a editar pola Universidade, deixei de ver o ceo, torvo e hostil, que atoldou España entre 1936 e 1975, e concentreime nunha lívida nube. Hai, á parte do cerebro, outra paraxe da nosa anatomía que sabe moito de editar libros: o corazón. Hai páxinas que son unha obriga moral. Emocións que van para alén do papel, a tinta, os deseños e as técnicas. Libros militantes, rexos e duros como un trallazo, dorosos pero tépedos como a luz da esperanza. E da memoria.

No hay comentarios: