16.4.16
Internet rex
Damos por absolutamente indiscutible a omnipotencia de Internet. Confiamos as nosas comunicacións máis persoais e os lances da nosa vida íntima a unha empresa, da que ignoramos todo, chamada WhatsApp Inc. con sede en Silicon Valley, alegre e inconscientemente confiados de que alguén vela pola nosa privacidade. Arquivamos milleiros de fotografias, vídeos e documentos de texto persoais e mesmo profesionais nun directorio dos nosos dispositivos chamado Dropbox, a nube, un milagro tecnolóxico que, a cambio de nada, sen asinar nada, sen custo algún, nos soluciona a vida, e preguntámonos como é posible que un servizo tan extraordinario sexa gratuíto. Dropbox é un país de 101 millóns de habitantes, de todas as razas, de todas as linguas, de todas as crenzas. Hai quen chega á conclusión de que tanta facilidade non é máis ca un xeito de domesticación e control global das nosas existencias, porque retrógrados e desconfiados hainos en todas partes e a sombra do Big Brother orweliano é moi alongada. Persoalmente, cando, por un acaso, se me ocorre a terrible idea de que un día o meu dropbox desapareza, pregúntome a quen demo lle podería reclamar nada, pois na nube non hai contratos nin garantías. Nin seguridade. En xuño de 2011, e durante catro horas, comprobouse que calquera conta de Dropbox era accesible. Un consello: mire ben o que garda na nube, non sexa que o que vostede cre un inofensivo cúmulo sexa un nimbo treboento que lle chova enriba.
Todos, inmigrantes e nativos dixitais, temos sucumbido ao poder de Internet, o Leitmotiv, o símbolo da modernidade. Hai quen alerta do efecto demoníaco das redes sociales e hai quen afirma que Internet é unha adicción. Podo testemuñar que hai unhas semanas a SIM do meu celular avariouse e, durante dous días feriados nos que non puiden reparalo, descubrín unha liberdade e un aire novo que xa tiña esquecidos.
Brent Underwood, consultor de márketing editorial da firma Brass Check, decidiu hai unhas semanas xogarlla a Amazon, o deus todopoderoso da edición moderna. Subiu un libro titulado Putting my Foot down (‘Pisando forte’), cunha foto do pé do autor na cuberta e… dúas páxinas máis. El mesmo mercou tres exemplares e en cinco minutos a plataforma xa o tiña elevado á categoría exclusiva de best-seller (aquí explica como o fixo). Todo fume. Fume e degradación.
Acaso o labor intelectual honesto e paciente estea reñido con tanto bluf tecnolóxico e, paradoxalmente, deamos máis importancia a este ca a aquel. Acaso esteamos dando por sentadas demasiadas cousas.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario