Eu sen enterarme e, o que son as cousas, teño dous zetas na
casa. Non, non se trata dun novo modelo de coche coreano, nin de
electrodomésticos de última xeración, dispositivos dixitais ou dalgunha extravagante
raza canina. O zeta é, segundo o criterio dunha consultora moi preocupada por
definir os hábitos de consumo da poboación, un ser humano occidental (home ou
muller resulta indiferente) nacido entre 1994 e 2010, e que, mire vostede que
os hai orixinais, forman a xeración que segue á xeración X e a Y. Chegados a
este punto, penso eu, por certo, que, para bautizar a próxima, vaise ter que
tirar do comezo do abecedario ou, como nas matrículas de antes, mesturar as letras, de xeito que, ao mellor, os
nacidos entre 2075 e 2100 resulta que son é a xeración CF, vaia usté a saber.
Os zetas son nativos dixitais pois para eles a Internet está
tan indisolublemente unida ao seu ecosistema como para min o estaban o colacao,
as pipas La Pilarica ou as pelis de Maciste. Mesmo a min, na miña condición de
miserable inmigrante dixital, cústame xa lembrar que un día non moi afastado o
mundo carecía de e-mail, google e guasap (e iso que o meu periplo pedagóxico
iniciouse en tenra idade cunha pizarra e un pizarrillo nos parvulitos de certo
establecemento denominado Grupo Escolar José Antonio).
Aos zetas, que veñen a ser case o 26% da poboación mundial
actual, colleunos a crise, tras anos de sobreabundancia e derroche, e a crúa constatación de que
tamén papá e mamá tiñan que apretar o cinto; colleunos o cambio climático, un
terrorismo de escala internacional alentado por un fanatismo medieval, un paro
recalcitrante que non semella escampar e, no caso español, a inquietante
sospeita de que fóra do seu país as cousas andan mellor para atoparen algunha
posibilidade de futuro. Os zetas son autosuficientes, creativos e cuestionan
permanentemente unha escala de valores que eles non estableceron.
Atribúen a G. K. Chesterton, ese inesgotable pozo de
frases célebres, o intelixente pensamento de que cando un non ten nada mellor
que facer escribe as súas memorias. Tal
vez cando chegue a ese punto, siga eu o consello do escritor británico, e me
dedique a encher de paparruchas dous centos de folios contando o que foi a miña
vida, non digo que non. Cando menos, de tal xeito, os dous zetas que teño na
casa poderán comprobar como nunca hai nada baixo o sol e , ao cabo, a súa vida
non se distingue tanto da vida do seu pai, porque a rolda da existencia é
cíclica e o propio de cada época é crer que os tempos son chegados e a fin do
mundo está á volta da esquina.
No hay comentarios:
Publicar un comentario