25.5.19

Liderar Santiago


Con esta vaina do cambio climático e a sequidade reinante, don Federico poeta e mártir íao ter difícil agora para atopar a súa musa na choiva compostelá, e a camelia branca do célebre poema, máis que brilar entebrecida ao sol, habíase achicharrar a 28 graos centígrados, porque últimamente Galicia semella máis Galifornia ca un país atlántico dos de toda a vida. Pero é o certo que, ao igual ca ao vate granadino, Compostela impresiona, con choiva ou sen ela, e non deixa indiferente a ninguén. 
Foi Lugín que dixo que a Compostela chega un chorando e marcha chorando? Cantos tópicos non se terán forxado ao lume dunha cidade milenaria, pétrea, máxica, aberta, mítica, simbólica…? Cantas lendas, vellas e novas, de campo e urbanas, non se terán tecido ao redor da aldea máis grande de Galicia? Clavouno, creo eu, outro insigne literato, ferrolán e universal, cando falou de Compostela y su ángel.
Santiago non é unha urbe normal, que tamén, en moitos aspectos, pero a miña alma de poeta e un amor apaixonado á cidade (daquela aínda bastante paleta) que me acolleu con dezasete anos, condúceme a considerala dende os seus aspectos máis líricos e subxectivos: a Compostela hai que entendela, e non é doado. 
Ben sei que as infraestruturas viarias; a ordenación urbanísitica; o pulo á industria; a estructuración e mobilidade entre a capital e a súa, xa considerable, metrópole; a regulación do turismo; a estación intermodal ou a depuradora da Silvouta son problemas reais, prosaicos problemas que, eses ou semellantes, ten calquera cidade. O que outras cidades non teñen é unha dimensión simbólica, acumulada sen pausa pola alquimia do tempo e a transcendencia espiritual, entre este mundo e outros, de ser meta dun camiño físico, si, pero fundamentalmente anímico e sensitivo.  E entender, e asumir, esa dimensión é o primeiro paso para liderar dende Raxoi unha cidade tan especial. Lembro un eslogan do Xacobeo 1993, para algúns un algo esaxerado, Compostela: no corazón do mundo, un fermoso pensamento que o alcalde, de entón, fixo seu, proporcionando á cidade, ao meu xuízo, unha puxanza, dende entón descoñecida.
Non resulta fácil estar á altura dunha cidade tan rica de matices, tan esixente, tan especial, unha améndoa que, intramuros, traza o meridiano espiritual de Galicia. Acaso para liderar Santiago haxa que ter alma de poeta. Pero son moi malos tempos para a lírica.

No hay comentarios: