18.1.09

Sentidiño

Como reacción ao pensamento único e a presión abafante do politicamente correcto, teño a sospeita de que, nun país onde os opinadores menudean coma as noces nunha nogueira (e para mostra este botón), os de maior éxito e influencia son os que se limitan a falar por boca do sentido común, concepto que na nosa lingua galega acariñamos co especial amor que merecen os diminutivos afectivos: sentidiño. Ben coñezo que, contra este argumento, pode argüírse que a propia noción de sentido común é relativa, subxectiva e por demais afiliada á propia imago mundi de segundo quen. Eu manteño, porén, que ao sentido común pásalle como á sílaba en Lingüística: é moi difícil de definir pero todo o mundo a recoñece, e mesmo un cativiño silabea unha palabra con toda facilidade. Detrás de cada un dos grandes, nobres e perennes logros da humanidade, todo ao longo da historia, andivo sempre o sentido común, revestido as máis das veces de apelativo á elemental necesidade: a roda, o libro, a democracia ou o teléfono son o resultado final de evolucións rexidas polo sentido común. Precisamente por iso, o sentido común resíntese, vive acurralado, é vítima diaria dos maiores atropelos cando, como ocorre nos tempos que andamos, as cousas non se formulan en termos de por que senón en termos de por que non. O día chegará en que un gicho vaia ao xulgado solicitando matrimonio civil cunha galiña e o xuíz, ante o risco de saír nos papeis por ter conculcado ignotos e imprevisibles dereitos, conceda no casorio.
Fronte ao aluvión dun discurso inspirado no que asesores de toda laia cren que toca dicir, pasa por veces que o especialista, inspirado polo rigor dos datos e os coñecementos técnicos, non pode seguir sufrindo que se digan tantas memeces e, movido polo resorte do sentido común, salta á palestra pública. Bo é. Un amigo fíxoo recentemente en dúas ocasións (unha e dúas), respecto do consumo de auga, e agasalloume coas súas reflexións que eu quero hoxe compartir cos asiduos desta bitácora. Este amigo incítame a fundar o PSC (Partido do Sentido Común). Haberá que pensalo.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Non me diga, amigo Juan Luis, que se pasou ao bando de Anxo Quintana. Pois el utiliza con moita frecuencia o de "sentidiño".

(Agardo, naturalmente, unha resposta enxeñosa)

juan l. blanco valdés dijo...

Aí o ten, amigo Api! Ata Quintana é quen de recoñecelo!
(Non sei se a resposta lle parece suficientemente enxeñosa).