2.1.09

Sección inclasificables

O ollo sempre atento e incisivo de Arume dos Piñeiros recolle un artigo publicado orixinalmente no suplemento de cultura do Xornal de Galicia baixo o título de "A forza do blogomillo", suxestivo título que permite intuír a liña de opinión do articulista: o mesto tecido blogueiro en lingua galega constitúe hoxe unha forza. En efecto, sobre o número de blogs que hoxe existen no país -5548 (¡!!) rexistrados en Blogaliza- non cabe dúbida de que se trata dunha forza comunicativa, de desenvolvemento paralelo aos medios de comunicación convencionais, malia de existencia maiormente catacumbática para o gran público, consumidor de xornais impresos. E ese é, non sei se dicir un risco ou simplemente un factor característico da blogosfera: conformar un tipo de lector especializado en blogs que, á súa vez, é propietario dun; un fenómeno que un fiel tertuliano destes Fragmentos definía escatolóxica pero acertadisima e parasinteticamente como (perdón) chupapollismo blogueiro (algo, por certo, do que escapo, pois apenas leo blogs, xa que considero a maior parte deles absolutamente soporíferos).
Os datos de que fornece o artigo inspíranme un par de reflexións. Cre o autor que no alento primixenio dos blogs, considerados xenericamente, hai unha pulsión expresiva, que algúns tildan de hipertrofia do eu e os máis de onanismo verbal, pero tamén a dun certo recoñecemento social e, por qué negalo, o ambicioso prurito de crear opinión ou de apurar debates de alcance social. Sobre o impresionante censo devandito (case cincomil seiscentas bitácoras) semellan indiscutibles tales hipertrofia expresiva e onanismo verbal. Outra cousa é ter algo que dicir. Pero, en calquera caso, opino que a propia facilidade tecnolóxica na construción e comodidade na alimentación dos blogs son claves no seu éxito. Como ocorre sempre que a tecnoloxía se pon ao servizo das ideas, pode darse o caso de que aquela suplante estas, e, claro está, tarde ou cedo, onde hai moita virguería técnica e pouco miolo ao cabo descúbrese o calote. De momento, inmersos como estamos na eclosión do fenómeno, as propias nubes non nos deixan ver o ceo. Intúo que, co tempo e consonte vaia arrefriando o entusiasmo que toda novidade inspira, vai ir producíndose unha estilización piramidal deste inxente número de bitácoras, debuxándose pola base unha enorme cantidade de bitácoras abandonadas ou semiabandonadas, e no cumio unhas poucas que se configurarán coma referencias en cada campo (política, cultura, crítica literaria, tecnoloxía, música, etc.), algo que, creo, de feito xa está acontecendo pouco e pouco.
De por parte, Fragmentos da Galaxia, este indefenso receptáculo de paparruchas, aparece catalogado entre os blogs de índole cultural, de par de Capítulo 0, de Manuel Gago, e Lándoa, do meu benquerido amigo Arturo Casas, que hoxe conforman lugares de visita obrigada, valoración esta última que agradezo, cómo non, pero que estimo -de verdade que non por falsa modestia- desproporcionada aos pobres méritos destas páxinas. Considerar que este blog é de visita obrigada éncheme dun pundonor que se concilia ben coa miña propia percepción: obrigada para quen? Para alguén tan rariño como o propio maître do local? Co gallo dun libro de poemas que publiquei hai uns anos –xa ven que un lle dá a todo- un crítico benevolente me consideraba un poeta inclasificable. Ningún xuízo podía contentarme máis pois creo que me define que nin pintado. E a esta casa tamén. Inclasificable.

13 comentarios:

Anónimo dijo...

Bos días.
Non hai 5 mil e pico blogues funcionando en Galicia nin de coña. Seino perfectamente. Aí en Blogaliza recollen tódolos feitos desde que o Homo Sapiens saíu de África (incluso hainos moi ben clasificados por technorati que levan pechados meses e incluso anos).
O fenómeno blogueiro é limitadísimo, como ben vostede intúe, inda que moitos, metidos a fondo nel, pensen que o seu alcance é brutal (pásalles algo así como a Josemi López-Sieiro, que a forza de tratar con marqueses, cre que non hai vida máis aló do feito de ir cear á sempre elegante casa de Chochi Jiménez de Rada e Arnau, por exemplo).
Inda que calculemos que hai 3000 blogues funcionando a cotío (que nin de coña), e tendo en conta que son lidos, como vostede ben di, por eses mesmos 3000, temos que convir á forza que calquera que saia no Luar da TVG, por exemplo, multiplica inmediatamente por 300 o "impacto social" que podería acadar na rede (no caso de que cada blogue fora lido por cada un dos 3000 blogueiros, cousa que é imposible: 300 xa son unha burrada). E sen irmos á tele, un artigo na Voz, ou mesmo no Xornal, ten moitísima máis resoancia e público que na rede. Por iso, como apunta intelixentemente o autor do artigo, moitos están nesto dos blogues buscando un "recoñecemento social", o que supoño quere dicir, algo que os impulse a eses medios tradicionais. Porque o que si é posible é que inda que poucos, os blogueiros sexan escollidos: editores coma vostede, vicerreitores, periodistas, poetas, secretarios xerais..., en fin, xente que está na pomada. Como Josemi, vamos.

josemi dos piñeiros dijo...

Eu non sei se o artiguista (será así?) ten razón: eu sei que o seu é de vista obrigada.

candelas colodron chispón dijo...

Xente que está na vaselina, máis ben.

ARUME DOS PIÑEIROS dijo...

Eu creo que somos pouquísimos, pero máis ca lectores do Xornal d Galicia, seguro.

Anónimo dijo...

E menos subencionados meu.

Anónimo dijo...

Home, o Xornal non é el pais, pero inda así seguro que máis de 200 ou 300 persoas (subvencionadas ou non) ben que o lerán. Cantos posts en Galicia teñen eses lectores?

Ana Bande dijo...

Mal tirada a súa conclusión, anónimo. O bló non é comparábel a un xornal, a menos que o bló sexa o dun colectivo dun bo fato de colaboradores ou o xornal sexa producto dun só "artiguista". E hai que contar con blós que sí teñen un número de visitas diarias por riba das 300. As uvas forexampel. Que o mundo dos blós non se pode menosprezar é moi claro só se nos decatamos da rapidez coa que os medios tradicionais se incorporaron ás redes sociais. Hoxe non hai xornal ou tv que non teñan a súa propia rede, vg. os blos de El País. Tampouco concordo co de que os que temos blós sexamos os de sempre. Esa é a riqueza, precisamente, que podemos atopar outras voces, voces individuais e que nos transmiten puntos de vista persoais e auténticos. Todo depende de onde nos mergullemos. E tamén hai que puntualizar un pouco o tema da moda. Pero se hoxo o que ten un bló xa é un carcamal. Pero se hoxe os blogueiros somos uns demodés

Anónimo dijo...

Por suposto, Srta. Bande, que un blogue non é comparable a un xornal. Onde vai parar!
As Uvas non é o más lido de Galicia, inda lle hai media ducia deles con máis éxito, pero vostede probablemente nunca os visitou, porque como di o noso anfitrión, vostede, como o resto dos blogueiros, só len uns cantos deles, xeralmente os daqueles que len o seu, e así ata o infinito (e máis aló). Non é unha crítica: o 99% dos blogues son un auténtico coñazo.
Non se trata de menosprezar o blogomillo, pero tampouco de sobrevaloralo. Non sei se me explico. Dame a impresión de que os blogueiros cren (como Josemi, repito) que o mundo empeza e acaba onde empeza e acaba o seu propio. E non. Non. De ningún xeito. Se en Galicia hai, como digo, uns 3000 blogues funcionando (que non creo), imaxine canta xente non o ten (incluidos vicerreitores, poetas, periodistas e secretarios xerais). Cando se di que o que non ten un blogue (ou non os le) non está ou non é, si que se está a menosprezar á meirande (á meirandísima, se se me permite) parte da xente, que nin está nin se lles agarda.
En canto a que os medios tradicionais están metidos neste mundo é algo lóxico: saben perfectamente que moi probablemente o 90% dos que len e manteñen os blogues len, ven e escoitan eses medios tradicionais, o que incide no que o artiguista di e eu comparto: que o que lles gustaría aos blogueiros sería formar parte deses medios.
En canto ao de estar de moda estou de acordo con vostede. Esto é un negocio de cuarentones e cuarentonas e ten pouco futuro.

juan l. blanco valdés dijo...

Amigo anónimo:

Lea, sen ten un vagar, o meu comentario ao post seguinte. Parcialmente, contesta o seu.
Apertas.

Ana Bande dijo...

Prezado anónimo,
Eu é que lle son unha rariña pero gosto de ir por libre e non penso que os autores de blós sexamos aspirantes a nada, e menos a escribir noutros medios, o que non quita que se nos peta e nos chamas colaboremos co que acepta as nosas opiniós libres, non confío tampouco na posibilidade de saber o que pensan os outros, por eso desconfío cando outros se amosan seguros do que penso eu, ¿como pode ser esto? co difícil que é coñecérmonos a nós mesmos e resulta que ven un descoñecido e che di o que pensas e queres facer e sabe por onde vas, o que gostas visitar...non, non pode ser...¿de onde ven a súa seguridade de saber o que eu visito?...non, non visito só os blós que me len a min...adoito, pola contra tomar camiños revirados ata dar con voces que falan outras linguas e malia seren totalmente descoñecidas, ás veces trato de captar olladas, mensaxes, acenos...e ata lles escribo comentarios na miña lingua que ás veces respostan...e sí que concordo co esaxerado desa expresión de que o que non está nos blós non existe, penso que foi simplemente un guiño do artiguista para chamar a atención deste fascinante mundo.Boas noites e boa sorte, que seica que veñen os reis...

Anónimo dijo...

Perdón a tódolos que puiden ofender. Expresei a miña opinión cunha vehemencia que vostedes non merecen e que eu, na miña condición de anónimo, non me podo permitir.
Só quería dicir que esto dos blogues non é máis ca un entretemento ao que sen dúbida non hai que menosprezar, pero tampouco sobrevalorar. Que cando estás no medio do bosque as árbores á miudo non deixan ver que o remate do mesmo está tan só a uns pasos e que tal bosque non era máis ca un parque.

Ana Bande dijo...

Prezado anónimo,
Eu non me sentín ofendida por vostede en ningún momento, ao contrario, estoulle agradecida por seguir este pequeno debate. Este medio, é certo, é moi limitado, faltan unha chea de elementos imprescindibles en todo acto de comunicación, os máis valiosos, precisamente, olladas, xestos, expresións...e eso fai que as mensaxes, ás veces, se reciban moi deformadas. Unha aperta!

Anónimo dijo...

Gracias, Ana. Moi amable, pero non. Ten que admitir que derrapei un cacho. Non imos dicir que me pasara un pueblo, pero derrapar derrapei. Hai que medirse máis. Debería dicir aquelo de: "non volverá pasar", pero non. Volverá, volverá. En fin.