6.1.09

Godot

Pasou o Nadal e o aninovo, marcharon os Reis, comezou a conta atrás doutros trescentos sesenta e cinco días ata a vindeira orxía anual do consumismo. Retomaremos os nosos labores, voltaremos ás angueiras acostumadas, a pelexarnos con algo ou alguén... Disque un estudo demostrou que sete de cada dez persoas que se propoñen algo para o ano que entra non o conseguen. Os clásicos do xénero son deixar de fumar, aprender inglés e comezar dunha puta vez no ximnasio en serio, a ver se baixamos o bandullo ou as cartucheiras, segundo toque.
Don Jorgito el Inglés, personaxe moi querido por min do que xa falei algunha vez, describía aquel seu coñecido Benedicto Mol, suízo pescudador de tesouros, dicindo que miraba aos demais coa expresión ansiosa de quen agarda permanentemente noticias. Algo así, creo, pásanos en liñas xerais a todos. Igual ca o helvético non atopou tesouro algún despois de adicar toda a vida a tal afán, está na nosa natureza pretendermos enganar unha insatisfacción crónica a base de pequenas metas, que, por regra común, van postergándose sine die... Esperamos por Godot, esperamos por Godot, e, fartos de esperar por Godot, convencémonos finalmente de que Godot non vai vir, de que, máis seguro, Godot nin existe.
Polo visto, conforme o apuntado en días pasados nos comentarios ao post sobre o blogomillo galego, isto de escribir para as paredes -ou no mellor dos casos catro gatos (con perdón da metáfora para quen me lea)- no monitor dun ordenador é un rollo de cuarentóns e pasado de moda. Cumprindo eu con creces, e aínda superando con xenerosidade, tal condición cronolóxica, podería contarse, polo tanto, entre os meus designios do ano novo deixar de perder o tempo e de dispendiar neuronas en tan inútil exercicio e, para colmo, demodé. Pero como non son amigo de modas, nin se me da un ardite que veña ou non Godot (hai tempo xa que deixei de agardar por el), creo que en 2009 seguirei dando de comer a esta escuálida criatura, que vaga náufraga, ignota e pálida coma un espectro polo proceloso océano dos bits. Do ximnasio, os petillos e o inglés, xa falaremos.

7 comentarios:

Ángel Ruiz dijo...

Gracias por recomendar mi blog: ha sido una sorpresa agradable.
Y sí, puede parecer que escribir un blog sea algo pasado de moda, pero yo me divierto con el mío y veo que tú lo pasas bien con el tuyo. Y se nota que tienes algo (y aun algos) que decir

juan l. blanco valdés dijo...

De nada, Ángel. Un placer. Gracias por la visita y enhorabuena por el blog.

ARUME DOS PIÑEIROS dijo...

Para as paredes si e sen fucking lamentation, ollo. Que nos quiten lo bailao, don Juan. Que para os máis novos está o Tuenti e o Facebook para afirmar solemnemente non só que che gustan os sugus senón que formas con outros 3.567 unha rede social (juajua) siareira dos sugus: que é o mesmo pero non. E quen di Sugus di o Capital (non: Das Kapital, que teñen don de linguas, con perdón) de Marx ou a penúltima de Aute, o colmo da novidade. Claro que son máis novos e teñen todo o tempo por diante para siarear ao revés.

Anónimo dijo...

Aquí estaremos (supoño).

Ana Bande dijo...

A min con que me lea Arume, que le de todo, é ben certo, e algunha anónima que anda por aí xa me vale para poñer toda a carne neste asador...xa o dixen, gústame este medio porque é o trabello máis educado que teñen fabricado eses listos do siliconvaley...non irrumpe na túa vida sen chamar, entra quen quere e aínda por encima todos poden retrucar sen sequera identificarse...e si aínda subsisten no máis líquido e inestables dos mundos, é precisamente porque hai cuarentonxs que lles dan de comer...mmmm....eu estaba a piques de pechar o pendello pero esquecino cando atopei que estaba anticuadísima.

Anónimo dijo...

Vaaaaaaaale, vaaaaaaaaaale... Qué podería facer eu para borrar o de cuarentones/as? Escribo estas liñas de xeonllos e con bágoas nos ollos arrepentido.
Por favor, Juan, sálveme!

juan l. blanco valdés dijo...

Por favor, meu home, non hai nada de que salvalo; seque vostede esas bágoas tan inncesarias! O de cuarentóns, estou convencido de que o dixo vostede sen ánimo de ofender; pero é que, cando menos a min, non me ofende tal condición: iso é o quen son, e a moita honra. Gocei a tope da miña mocidade, era era dos primeiros en chegar e dos últimos en arrancar a todos os saraos; quero decir que non boto en falta ter vivido intensamente, e agora, co paso do tempo, vexo o mundo co, como dicilo?, plácido cinismo de quen botou a sonda na mamarrachada humana e non tocou fondo. É vostede unha delicia de contertulio, e ten ese pisquiño de mosca cojonera que, nun exercicio de autocompracencia como é moitas veces a permanente palla dun blog, resulta especialmente imprescindible.
Apertas a metros cúbicos.