26.1.09

Ar gelted kozh

No primeiro Festival da Música Celta de Ortigueira, unha celebración aínda pequeneira, case familiar, -debeu ser isto contra o ano 80-, lembro un perdulario da Coruña, ben coñecido por min da efervescente movida compostelá, que se adicaba a vender paquetes de Celtas a todo canto estranxeiro vía, asegurando que eran os cigarrillos nacionais de Galicia.
As tonterías e esaxeracións que se teñen escrito sobre o celtismo de Galicia son perfectamente comparables ao disparate do timador herculino e a súa apócrifa mercadoría. Con todo, debo recoñecer que durante algúns anos da mocidade, secundado por amigos que compartían a miña teima, sucumbín ao engado brumoso e septentrional dunha cultura indefinida e máis debedora de concomitancias atlánticas -físicas e ata certo punto folclóricas e de elaboración popular- ca de constatacións arqueohistóricas evidentes. Deste xeito, a celtización de Galicia parecíame perfectamente establecida nos estudos sobre o Neolítico de Bouza Brey ou Cuevillas, malia a prudencia destes autores fronte a esaxeracións precedentes, e alí onde eles dicían Oestrymnios eu lía celtas, onde Saefes eu vía celtas, onde Zoelae ou Supertamarici eu interpretaba celtas. Estrabón, Polibio, Avieno ou Plinio falaban, ao meu modo de ver, de gentillitates célticas, e, nunha sorte de leito de Procusto, acomodaba eu toda canta literatura ao respecto caía nas miñas mans á miña querencia céltica. Algúns factores máis acudían, aínda, en abono do meu celtismo militante: a pegada contemporánea de todo o celta no país era signo indiscutible da asunción popular dun sentimento de pertenza moi fondo; contábamos con editorial Celta, Empresa de Transportes Celta, e, en moitas vilas do país, Zapataría Celta, Drogaría Celta, Libraría, Creacións Celta, Novidades Celta... E se Glasgow fachendeaba do seu Celtic, que dicir do noso prezado team olívico? Por outra banda, eu mesmo, véndome roxo-loiro e nórdico, e membro dunha familia onde esta marca física resultaba preeminente, coqueteaba coa idea dunha ascendencia claramente gaélica. Así, sentíame partícipe dunha cultura atlántica, espiral e bretemosa que nada tiña que ver co elemento mediterráneo, cuadriculado e achicharrado de sol do mundo latino. Botaba o día escoitando a Alan Stivell, os Chieftains, The Pentangle e por aí. En consoancia con tal cosmovisión, fixen moitas parvadas. Subía, acompañado dalgúns elementos afectos á miña prédica, a certo castro próximo á vila e alí, especialmente en noites de lúa chea, tocabamos a gaita (literalmente, non me entendan mal), ofrecendo o noso rito musical a difusos deuses celtas dos que non tiñamos dúbida pois, entre outras machadas, deran nome á cidade de Lugo. Debo dicir que tales transportes eran precedidos, claro, pola inhalación de fumes psicotrópicos indispensables para unha mise en scéne tan abigarrada. Como para que nos pillara a Benemérita! Co paso dos anos, fun abandonando as miñas vaidades célticas e abrazando, en ás do mesmo fume psicotrópico, outros fanatismos.
Con todo, cando escoito unha gaita de noite aínda me ronda o demo meridiano. Esas cousas que quedan para sempre...

6 comentarios:

realwedding dijo...

http://yourrealwedding.blogspot.com/come to my blob so we can meet there!

Cárnicas Ortimio Medela dijo...

Linda expresión, don Juan: 'fumes psicotrópicos'. En Lobeira, máis prosaicos, chámanlles 'cigarros modernos'.
Ouviu: Vde. é gaélico acabado. Os celtas víñanlle do Caúcaso, das abas do monte Elbruz, e éranlle pequeneiros e reneghridos!!! jajajajajajaja
Ouviu, don Juan: Un rapaz de Sioux-City (EUA) sábado á noite, nunha discoteca calquera de Idaho, leva pantalóns vaqueiros, bebe cervexa alemá e monta nun touro mecánico para impresionar unha moza de Cheyenne City. Un outro rapaz noutra discoteca calquera, de Ourense por exemplo, leva tamén Levis, bebe tamén cervexa alemá e monta noutro touro igualito... Para impresionar unha outra moza de Lobeira.
Evidentemente, un é galego, o outro de Idaho. Fan parte da mesma cultura??? Velaí a cuestión. Pois creo que o mesmo pasaba cos celtas, que andaban a fuxir dalgunha cousa e viñeron detrás das súas vaquiñas ata onda nós ('kelt': pastor de vacas), ou ben, os de aquí que eran maioría, mortiños de frío, fame, escorbuto e aborrecemento, foron apañando o xeito, formas, modos e maneiras dos caucásicos aqueles das vacas.
Uffffffffffffffffffffffff
Voulle dar un paseo, don Juan...

cãosemdono dijo...

Recoméndolles vivamente a lectura da obra de Cavalli-Sforza, xenetista que leva caseque 60 anos a estudar os distintos rastros xenéticos das diversas ondas de homo sapiens que, dende que a nosa especie saíra de Africa, foron deixando a súa pegada por onde pasaron ou se estableceron. Despois diso, o seguir a remoer sobre o vello e cansino debate da celticidade hálles parecer tan interesante ou actual como por exemplo a frenoloxía ou o lombrosianismo.

Anónimo dijo...

Segundo avanzan os estudos xéneticos, cada vez está máis claro que a cultura viaxa moito máis rápido e fondo que a xente que a produce. Ou sexa, que parecer pareceremos de Idaho, pero non o somos. Ou si? Din nun anuncio dun raticida que se cheira, corre e roe coma un rato, é un rato.

Keith Medela Moon dijo...

Don Juan: Desculpará Vde. que participe máis outra vez. E que este último comentario paréceme mesmo acaído para o que se está a falar.
Señor Anónim@ 12:48 AM: Tanto o rapaz de Idaho como o rapaz de Lobeira compartillan modos culturais, iso é evidente. E acaba de se me ocorrer que tamén ambos descenden, con seguridade, de pobos xermánicos, suevos para o lobeirao, anglo-saxóns cando menos, para o de Idaho. E antes da 'chegada' dos 'celtas' a Lobeira e á aldea dos devanceiros do mozo de Idaho, había un sustrato común, caso de seren os antepasados do norteamericano da parte atlántica de Europa, do 'extremo occidente' que fala Ferrín. Ou sexa, que tanto un como o outro non só compartillan universo cultural, senón, neste caso, o que agora chaman memoria xenética. O tema é simultanemamente sinxelo e complicado,
Os que moraban en Lobeira mil anos antes de Cristo 'terían sucumbido' culturalmente ás modas que argüidamente viñan de Halstatt ou La Tene, por ser a súa civilización máis atrasada que a daqueles... É dicir, que os de Lobeira se foron tornando 'celtas', da mesma maneira que agora os de Lobeira tamén nos imos tornando de 'Sioux City'. O que habería que coñecer son os movementos previos a tal 'invasión', porque mesmo poderían chegar ambos pobos a compartillar o mesmo sangue, tal e como aconteceu, dígase o que se queira, cando Decius Iunnius Brutus atravesou o Lethes/Limia, encontrándose cun persoal indoeuropeo 'celta'. E Brutus era, evidentemente, tamén, non só indoeuropeo, senón 'celta'.
Iso si, máis 'modernito'.

P.D.: Un día tomamos un viño e comentamos isto. Esta ben?

Anónimo dijo...

Joder, por suposto que estaría ben.
Sustrato xenético. Evidentemente todos compartimos o mesmo, todos saímos de África hai 200000 anos. O demais son oleadas distintas ou en distinto tempo. A que chegou a Idaho foi das últimas e chegou desde o Este, como todas.
De todas formas a xenética distingue distintos grupos con certa precisión e o que di é que a cultura viaxa más lonxe e fondo que o sangue.