Hai libros que impactan e outros que deixan indeferente. De entre os primeiros, os hai que impresionan pola súa grandeza e proxección universal. Cantas veces, en ocasión de revisar as traducións destinadas á nosa colección de Clásicos do Pensamento Universal, non terei admirado a monumentalidade intelectual da obra de Platón, Maquiavelo, Newton ou Darwin, xurdios alicerces do saber e a ciencia actuais! Pero, como nada humano me resulta alleo, admiro tamén aqueles libros que emocionan pola súa tépeda insignificancia, pola súa honestidade fogareña, libros inspirados nos máis nobres pulos que poden alentar a obra humana: o desexo de coñecer e de dar a coñecer, pero non agardando compensar os esforzos da súa redacción con honras e ouropeis senón coa conciencia clara dunha existencia anónima e case catacumbática.
En 1923, un paisano meu, exalcalde agrarista, adoecido de amor polo terruño que o viu nacer, deu ás prensas compostelás da nunca ben ponderada "Tipografía de El Eco Franciscano" o orixinal dunha dignísima obra, pioneira no seu xénero, se por tal imos entender un traballo monograficamente consagrado non a unha gran urbe senón a unha vila modesta, cabeza dun concello por completo rural: La Estrada, por Pedro Varela Castro. No limiar o autor recoñece: sin pretensiones ridículas y sólo con el afán de aportar un grano de arena a la obra histórica, geográfica y estadística que en los tiempos modernos es de necesidad en todo pueblo, por modesto que éste sea, recogí cuantos datos pude, hasta obtener un conjunto tan heterogéneo que resulta difícil bautizarlo acertadamente. "La Estrada" le llamaremos aunque no sea con la propiedad deseable.
Unha requintada prosa de pendolista, non exenta de veleidades literarias, a inxenua modestia do autor e o seu honrado e simpático diletantismo incorporan este libro aos meus favoritos. Metido a filólogo etimoloxista, as hipoteses que ofrece dalgúns topónimos menores do país téñennos proporcionado a min e mais a un prezado coleguilla que talvez me estea lendo moitas horas de lecer e agrado, pero non un lecer malévolo nin moito menos cruel, senón entrañable e respectuoso co seu desinteresado labor. Algunhas pérolas.
De Amarelle, aldeíña da fermosa freguesía de Arca, ribeireña do Umia , aventura:
Cuéntase que el fundador de Amarelle procedía, como es natural, de otro punto y que después de la fundación tuvo pérdidas sensibles de familiares y ganados; desesperado, retornó al lugar de su procedencia, en donde empezaron a a consolarle, convenciéndole de que debía volver a Amarelle y lo acompañaron; al llegar, viendo que tenía las cosechas lozanas, le dijeron: hai que amalo por bonito e productivo; y el fundador contestó: Amareino si no me ocurren máis desgracias en el. De Amareino vino Amareille y de Amareille Amarelle.
De Nodar, na mesma parroquia de Arca, di: llegaron al lugar unos extranjeros pidiendo posada; los habitantes no los entendían ni aquéllos a éstos y por consiguiente la petición no era entendida; por fin uno de los forasteros dijo: aquí no dar, y de ahí el nombre que lleva el lugar.
Do lugar de Adoufe, en San Miguel de Castro, supón que allí hubo un escribano que "dou fe".
Os imaxinativos excesos toponímicos de don Pedro á parte, gústame crer que a revista de historia e cultura local que coordino na Estrada recolle, na era da perfección e a aséptica hiperteconoloxía, o testemuño dunha semente -humilde pero sublime- botada á terra cando o mundo era en branco e negro e cheiraba a roupa vella e tinta china.
3 comentarios:
Si señor. Grande obra, cóllase por onde se colla, e grande autor este PVC.
A punto de me meter na cama, bótolle a gadoupa ao meu exemplar, porque esta noite o sono hame chegar lendo como o Pico Sagro "surge a nuestra vista como magestuosa atalaya natural" e que se un por casualidade necesita ¡¡explosivos!! "los despachan D. Domingo Paseiro y D. Manuel Constenla".
Manolo querido: ben sabía que non ías ser quen de resistir a incitación. Lembras?: en sombrererías tenemos la de Pío y la de Saturnino. Era outro mundo. Apertas e saudades.
"Cuéntase que el fundador de Amarelle procedía, como es natural, de otro punto". Como non podía ser doutro xeito, por suposto, inda que eu escoitei a un profesor da súa universidade (era brincadeira) máis ou menos textualmente: "Hai quen di que Colón era italiano, outros que español, e inda hai quen sostén que nacera en Venezuela"
Publicar un comentario