20.1.09

Attached .jpg? Mmmmmm...

Por veces teño a sensación de que o meu portátil -dende onde, como os heresiarcas medievais, envío cartas aos meus acólitos- é unha illa pequena, moi pequena, e perdida, moi perdida nun insondable océano de auga mesta e turbulenta a onde chegan mensaxes que alguén mete nunha botella dende outro mundo, dende unha dimensión descoñecida. Cada vez que o encendo, o pequeno monitor convértese nunha fiestra máxica pola que pode entrar calquera cousa: citas ou incitacións, estímulos ou provocacións, ledicia ou carraxe, auga ou pedra, negro ou branco, líquidos, sólidos e aerosois.
A última hora do día reviso o mail. Nunha das contas, a piques de botar ao lixo todo o spam, reparo nun adxunto: ludmila.jpg. Ben sei que será difícil xustificar por que sinto o desexo de abrir o arquivo sen que o lector pense o que parece evidente. Aló vostede. O caso é que o abro. Unha real moza de amplo sorriso, sentada nunha cama cun peluche ao lado, mírame dende o monitor. E penso nunha illa pequena, moi pequena, e perdida moi perdida nun insondable océano de auga mesta e turbulenta. O mail que acompaña a foto di:
Hola. A mi queria conocera mucho. Utilizaba nunca el Internet para la comunicacion. Pero he decidido probar este modo. Mucho me incomodo fuerte, pero le he escrito con todo. Me llamo Ludmila. Pienso que debo enviarle la fotografia que podriais verme. Bien? Espero que le gustara mi fotografia, y recibire su respuesta. Quiero conocerle. Probablemente seremos amigos? Espero. Espero realmente en aquello que seremos amigos, conoceremos uno a otro, y cambiar las fotografias. Ahora utilizo estimare los trabajos, y por eso le pido escribir a mi direccion personal: xxxxx. Esperare su respuesta con la impaciencia. Bien?
Con la esperanza Ludmila.

La ostia. Non se estrañen se, dentro duns meses, aparece neste caderno un post titulado Ludmila (con foto, claro) redactado en Praga.

4 comentarios:

Ludmila Medela Tojeiro (Miss Portosín) dijo...

jajajajajajajaja
Caro señor Blanco Valdés: Vde. sempre fala nas cousas que realmente me interesan (e que me fan rir). Ouviu, señor? O texto da súa amiga Ludmila mesmo parece aquelas instrucións traducidas 'á machada' que traían dantes os aparellos electrodomésticos do Xapón.

apicultor dijo...

Coñíiiio, a min tamén me chegou esa mensaxe, pero non o abrín. Foi directamente á papeleira. Será que son un conservador inmune á aventura?

Anónimo dijo...

Mas... isto eunescán! Dalunabuso! Esta Ludimila escreve-lhe a todo o blogomilho ou quê? A mim também me chegou. E falava tam bem, que pensei que realmente só me falava a mim... Merda... seguro que é um engano!

Anónimo dijo...

Eu a única Ludmilla que coñezo é a Kratochvilova e penso que non abriría un .jpg dela. Non. Penso que non. Correr corría a dios, pero non o abriría.