30.1.09

Gris

Toda sociedade gregaria precisa quen a dirixa. As ovellas agradecen, no fondo, e necesitan, o malhumor dos cans que as levan ao redil. Os lobos fan caso ao xefe da manada. Os músicos dunha orquestra, malia que poidan ser auténticos virtuosos, miran con ansia o seu director para que Haydn soe como ten que soar. No paso do Ancien Regime ao Estado de Dereito, o liderado imposto a herdanza ou a sangre e lume foi subsitutído por un liderado xurdido da vontade popular. Xurdido da vontade popular, pero liderado a fin de contas. Eu non vexo hoxe en Galicia liderado. O que xurdiu da vontade popular é unha parella que, creo, a maior parte do pobo galego mira con indiferenza, escepticismo e aburrimento —dende logo sen o máis mínimo entusiasmo— porque no fondo non representan un auténtico liderado: todos sabemos que, hoxe en política, todo é gris e hai que rasar por abaixo, moi por abaixo, e conformarnos co que hai, sobre a fundada sospeita de que non debe haber nada moito mellor.
O outro día, vin na televisión a Fraga, Fraja, don Manuel Fraga Iribarne, respostar á pregunta dunha xornalista sobre se no seu tempo de mandamento político había espionaxe. Dixo, con esa prosodia súa tan característica:
-En mi tiempos, cuando alguien intentaba espiar yo le cascaba.
A iso me refiro. Antes de botárseme enriba con derivas ideolóxicas, saudades incomprensibles e demais, lea vostede outra vez o post. Ou varias, se é preciso.

16 comentarios:

apicultor dijo...

Coido quen ten unha visión demasiado estereotipada do paso do Ancien Regime ao Estado de Dereito, amigo Juan Luis.

Juan L. Blanco Valdés dijo...

O seu contraargumento, Api, está coxo. Estereotipada en que sentido? Un estereotipo é unha categoría excesivamente estereotipada se non se especifica.

apicultor dijo...

É que xa o puxen así para "provocar" resposta.

No sentido de que historicamente non houbo, na maioría dos casos, un simple paso do Antigo Réxime a un Estado de Dereito baseado na "vontade popular". Isto é, non houbo un camiño liñal e directo á democracia. Porque, no medio do camiño e durante moitas décadas (gran parte do século XIX), o que prevaleceron foron réximes liberais non democráticos baseados na limitación ou trampeamento desa vontade popular: sufraxio censatario, clientelismo, transformismo, limitacións constitucionais de dereitos, etc. E non só en España, senón en toda Europa e mesmo América. Logo, para máis inri, houbo estados de excepcións e ditaduras que supuxeron mesmo a desaparición dos réximes liberais. A democracia tardaría en chegar ou en asentarse, agás contados casos.

Juan L. Blanco Valdés dijo...

Obrigado, Api, pola precisa especificación. Á parte de non gozar do beneficio da súa erudición, é preciso recoñecer -eu mesmo teño esa sensación moitas veces- que o desexo de, digamos, contundencia expresiva obriga a ser excesivamente panorámico, a tentar facer recaer a atención máis nos resultados ca nos procesos. En efecto, o camiño na emerxencia e establecemento dos reximes democráticos foi, como vostede apunta, un camiño moito menos liñal que o que a miña apreciación recollía.
É vostede un luxo de contertulio. Un pouco tocapelotas (como debe ser), pero un luxo. Saúdos sabatinos.

apicultor dijo...

Xa sabe que era, simplemente, por polemizar, non por outra cousa. O que é un luxo é poder ler un blog como seu: hai moita intelixencia, sabedoría e boa escritura, concentradas en cada parágrafo.

Saúdos.

Waleska Dorrego Medela (Miss Dumbría) dijo...

E que aquí pasamos directamente do colchón recheo de follo de millo ao de látex Lo Monaco, sen a etapa intermedia do colchón de la e/ou o de resortes.
Saúdos a don Juan e máis a don Api

juan l. blanco valdés dijo...

Salve, oh fermosa Waleska! Teñen bo gusto en Dumbría, by Jove.

Anónimo dijo...

Tema interesantisimo este das crises, das transformacións das realidades históricas.
Tal como aquí expón apicultor, case nunca (ou nunca, directamente) son lineais, rápidas, ou directas, e van normalmente de diante cara atrás e volta a empezar. Pero vou tocar eu un pouco as pelotas.
Nese "a democracia tardaría en chegar ou en asentarse, agás contados casos" pódese adiviñar que o apicultor cre chegados os tempos, é dicir, que nos ve na pretendida meta, que xa rematamos ese camiño torto de saída do Antigo Réxime e que chegamos á pretendida democracia. Pode ser, ao mellor non hai nada máis aló, pero tamén pode que non. Nunha vella película de Woody Allen, sendo o protagonista sospeitoso de inclinacións comunistas, preguntábanlle que réxime político prefería, ao que Allen respostaba: "a democracia, por suposto, inda que o sistema americano tampouco está tan mal".

juan l. blanco valdés dijo...

O personaxe perseguido por MacCarthy da peli de Woody e a súa retranca lémbranme aquilo que dixo Franco a un seu ministro:
-Haga como yo: no se meta en política.
Non vou mediar porque a pelota (tocada) está no tellado de Api.

apicultor dijo...

Non teño dotes proféticas, polo que non sei que deparará o futuro, anónimo disque tocapelotas.

Hai que distinguir, en todo caso, os diversos planos que conflúen no termo democracia, e non mesturalos, que é o que se adoita a facer creando confusión.

Eu parto dunha "definición mínima" de democracia. Despois podemos contrastar a democracia real cunha democracia ideal, pero sen mesturar nunca os planos. E iso daría moito para falar.

Paso pelota...

Anónimo dijo...

"Hai que distinguir, en todo caso, os diversos planos que conflúen no termo democracia".
Miña madriña! Qué nivel, Maribel! Eu aí seguro que non dou chegado! Só quería dicir que na historia non hai meta, todo é camiño (e de paso aproveitar para deixar un chiste e provocar un sorriso).

apicultor dijo...

Lecturas básicas: Giovanni Sartori, Norberto Bobbio, David Held, Robert Dahl.

juan l. blanco valdés dijo...

Coño, Api! Básicas? Cales serán as especializadas?

juan l. blanco valdés dijo...

Item máis: o que me estraña é que ninguén se metera comigo por meter a Fraja en danza. Así dá xenio.

Anónimo dijo...

Básicas, amigo Juan, básicas.
Canta razón tiña Franco! É mellor non meterse en política!

apicultor dijo...

Home, son, como moito, un par de libros por autor (2 por Sartori, 1 por Bobbio, 1 por Held, 2 por Dahl). Un tanto grosos algúns, pero tamén os hai delgadiños.