8.1.09

En misa e repicando

Isto onde vivimos é unha monarquía, cun rei, príncipes, infantas, duques, corte, privados, palacios e demais, tal que nun conto de Andersen. E unha monarquía é, de seu, algo que en moitos dos seus aspectos se concilia mal coa modernidade e a evolución dos tempos. De feito, o seu propio alicerce representa unha noción de poder político fronte á que reaccionaron violentamente os revolucionarios de 1789: o seu carácter hereditario, na marxe de calquera decisión consensuada pola vontade popular. Logo virán todas as consideracións, matices, puntualizacións, extrapolacións e milongas que vostedes queiran. Pero o que veño de dicir é así, pe por pe: gústenos ou non don Felipe VI, teremos que apouchar con el os anos que dure.
Así as cousas, a monarquía é unha institución que, ou se acepta ou non, pero o que non cabe son medias tintas; tal e como admirablemente consigna a paremia, non se pode estar en misa e repicando: Si, acepto a monarquía pero vou adaptala ao meu gusto, a ver se a modernizamos un pouco, que boa falta lle fai. Coa monarquía pasa como con outras institucións esencialmente reaccionarias: ou se toma o pack completo ou non, pero non se pode ir polo camiño do medio. É como se eu quero bautizar un fillo pero negocio co crego as condicións: que non lle se bote auga ao cativo pola cabeza; que non haxa mencións á Virxe María…
Non serei eu quen discuta—varón a fin de contas— que a señora ministra de Defensa asistira monísima á Pascua Militar que convoca a Casa Real. Pero, coa que está caendo en Oriente Medio ou Afganistán, que todo o que, durante semanas, se substancie nos medios da responsable civil das nosas Forzas Armadas sexa un trapito, di moito, e na miña opinión moi pobre, non só da intelixencia, discreción e sentido institucional da dama en si senón da nosa intelixencia colectiva como país. Por seguir tirando da sentenza popular, coller o rábano polas follas. Calcao. Así nos vai.

2 comentarios:

anareis dijo...

Estou fazendo uma campanha de doacões para montar uma minibiblioteca comunitaria na minha comunidade carente aqui no Rio de Janeiro,preciso da ajuda de todos.Doacões no Banco do Brasil agencia 3082-1 conta 9.799-3 Que DEUS abencoe todos nos.Meu e-mail asilvareis10@gmail.com

Anónimo dijo...

Pois si. Qué quere que lle diga. Unha monarquía. O que non sei é se temos que cargar con ela porque si ou porque non nos dá a gana de solucionar o asunto.
Non sei se viu vostede dúas novas de hai pouco. Unha delas foi un referendo que fixeron nunha vila de Castela, coido, para ver de suspender unha desas festas tan tradicionais e populares onde se martiriza a un touro. Gañaron os de suspendela por ampla maioría.
A outra era da Caixa de Aforros de Navarra, que decidiu permitir aos seus clientes (a xente que ten alí os seus aforros) decidir en qué se gastaban os beneficios da referida caixa. Pois ben. Onde antes os xerifaltes do banco gastaban o 45% en fastos, digamos, culturais(concertos, exposicións, conferencias, arquitecturas varias, etc..., como calquera outra caixa ou fundación que se precie), a xente dixo que, dos seus cartos, a fastos, nada. Todo a obras de carácter realmente social (sanidade, ensino, axudas ao terceiro e cuarto mundo...).
Quero dicir (qué paliza estou metendo) que moitas veces os políticos actúan pensando en termos de non perder votos, e están convencidos de que romper determinadas inercias (monarquía, igrexia) levaría a unha sangría deles. Se pensaran en termos de gañalos, e fixeran un referendo, levarían unha gran sorpresa. Seguro.