13.1.09

Reivindicación do kitsch

A evolución tecnolóxica, que, dende o vaso campaniforme ata o blu-ray, non coñece solución de continuidade, tivo por veces efectos devastadores sobre a humanidade coetánea. A invención da imprenta de tipos móbiles, se supuxo no seu momento un avance tecnolóxico definitivo, non foi máis ca o resultado da evolución de tecnoloxías anteriores e, ademais -e o que é máis importante- era de seu unha tecnoloxía, nada máis ca unha aséptica e neutra técnica. Pero, claro, unha cousa é a tecnoloxía e outras as súas consecuencias, unha cousa é a fisión atómica e outra Little Boy. O invento de Gutenberg socavou os alicerces de Occidente e nada foi dende entón igual na historia do mundo. Despois de Hiroshima tampouco.
Con todo, na historia das repercusións sociais das tecnoloxías hai, coma no fútbol, moitas categorías: da primeira á liga de modestos (hoxe chámase, creo, terceira autonómica). Eu, que sinto un agarimo especial polas cousas ínfimas e das que ninguén semella percatarse, quixera referirme hoxe a unha destas repercusións, que milita na liga de modestos. Trátase das consecuencias inevitables que sobre certos iconos visuais moi habituais e mesmo familiares tivo a definitiva imposición dos estreitísimos monitores TFT para as televisións.
Durante moito tempo, o protagonismo que a televisión tiña no mobiliario doméstico conducía á colocación de diversos ornatos na súa parte superior, que non facían senón sancionar o recoñecemento colectivo da absoluta preeminencia do electrodoméstico sobre todos os seus conxéneres da casa: de andaluzas en faralaes cunha ventosa adhesiva por baixo a tapetes sintéticos ou de ganchillo, a imaxinación popular desenvolveu un amplo abano de posibilidades ornamentais que, dende a súa xénese abertamente hortera, chegaron a refinar o senso máis prístino do adxectivo kitsch. Persoalmente, boto en falta con infinita melancolía as opcións cinexético-taxidérmicas, tan nosas: ginetas e raposos disecados, principalmente, pero tamén águias, lagarteiros, curuxas… que, nos variopintos establecementos rururbanos do país, recibían ao visitante, cos seus ollos cristalinos, dende o seu maxestuoso cómaro enriba da tele, onde, coas botellas de jerés quina, Soberano e Calisay das estanterías, ían acumulando nobreza e roña co paso dos anos.
O ornato familiar da tele chegou a callar moi fondo na imaxinaría patria. A un punto que había no meu pueblo, borrachón de mal viño e gallito de pelexa, o porteiro da discoteca, única que entón había, negoulle unha noite a entrada á boîte, porque o tipo levaba moita borrasca encima (sic). Podía ser que o elemento reaccionara, como era nel habitual, con violencia, ostias e improperios de toda caste. Pero, cousa curiosa, daquela reaxiu coa maior serenidade e retranca, e dirixíndose ao porteiro, que era de talla en extremo exigua, espetoulle:
-Ti se non cajaras nin mexaras eras bo para poñer encima do televisor.

13 comentarios:

Anónimo dijo...

Impresionante. Xa o engado para o meu caletre. E non penso dicir de onde o quitei. O plaxio é o plaxio.

juan l. blanco valdés dijo...

Engada, engada. E non se preocupe polo plaxio. Faltaría máis.

ARUME DOS PIÑEIROS dijo...

O kitsch non deixa de ser ese arte familiar e sentimental que, por imperativos necios do que sancionamos como bó gusto ao longo de anos de lecturas serias, rexeitamos un tempo e logo recobramos para compensar a nosa mala conciencia.
Ou sexa: un conto o seu desternillante. Non esquezamos aquel can de ganchillo, co seu top e parte de abaixo, sobre botella de fundador: mítico.

juan l. blanco valdés dijo...

Ou os cans metidos nunha cesta que meneaban a cabeza nas bandeixas traseiras dos coches. Fastuoso, I say.

Ángel Ruiz dijo...

Está muy bien visto lo de la centralidad de la tele y su importancia y que 'se la vistiera' con adornos.
Y muy buena la frase del macarra.

Anónimo dijo...

Pois houbo na miña casa durante moito tempo unha botella forrada en plan collage con fotos de futbolistas do mundial do 74 (espacio especial reservado para Cruyff) que daba gusto vela! E non é por dar envexa, pero na casa da miña tía había outra forrada con vitolas de puros, e unha igrexa feita con pinzas da roupa, amén daquel pelegrino, con bastón e todo, feito todiño con cunchiñas, que tiña como ollos unhas boliñas nacaradas. Insuperable, coido.
E que saiba que hai moi poucos anos, unha amiga miña púxolle un tapete ao PC, para que non lle entrara moito pó polas regandixas. Foi a mesma que un día lle limpou e colocou a caixa de ferramentas ao seu mozo. Pódese imaxinar alguén unha caixa de ferramentas limpa e colocada? Pois foi así (o de limpar e colocar a caixa de ferramentas é no sentido literal, non figurado).

arume dos piñeiros dijo...

Amigo anónimo: esa botella fixena eu. E diso quito que vostede é algo menos que anónimo.

arume dos piñeiros dijo...

Pretecenolóxicas, séptimo EXB.

Anónimo dijo...

Xa dicía eu que me soaba o can de ganchillo! Non me dirá agora que tiña as orellas e as patas feitas con pompóns de lá!

Anónimo dijo...

E pénseo ben (pero ben ben): non sería en octavo? Se foi en octavo entón vostede ten que ser...
E sabe vostede unha cousa: eu cando lle lembro a xente que nós fixemos pretecnolóxicas, ninguén se lembra. O outro día un amigo dicía que el fixera "hogar". Eu lembro perfectamente aquel boletín de notas onde poñía:

Pretecnológicas...........Bien

Ortimio Medela (ausente en Holanda) dijo...

Podo facer unha pequena achega?
8 de setembro de 1995. Servidor e máis un amigo están convidados á festa de Cexo (Verea, na raia d'Ourense). Solemne hora da cea, as patas dos cabritos apuntando cara ao cénit. Breve e conciso repaso, vista panorámica 360º ao salón da casa, en canto o irmán do anfitrión conta como abandonou a obra, alá en Francia, veu para aquí, virou louco e cobra paga alta, actualizada todos os anos polo xaneiro.
Ben... Si. Alá no fondo do salón algo que parece unha "Última Cea", desas de latón... Servidor levántase, e... Si. É unha 'última cea', mais ben orixinal. Realmente orixinal. Fabulosamente orixinal. Posnuclearmente orixinal. A figura que argüidamente tería de ser noso señor Xesucristo ten o rostro substituído polo de Cruyff. Os apóstolos son os xogadores do Barça. Un rótulo vermello molibdeno reza: Centenari Barça, ou algo así. Tamén incorpora o esperpéntico conxunto un reloxo que, madia leva, non furrula porque hai que lle mudar a pila...

Anónimo dijo...

Hostia, Medela. Gañas pola man. Vou buscar no meu caletre, inda que sospeito que non atopo algo como o de Cristo. A ver. Xa lle direi.

Giancarlo Medela Ponti dijo...

Permanecin en shock cinco ou seis días; sospeito que foi un dos acontecementos fulcrais na miña vida.
Outro foi cando escoitei dous operarios da construción, á espera dunha carga de masa, no décimo andar dun predio en esqueleto, alá por volta de 1988 en Calafell, a cantar ambos os dous aquela de 'Los Calis':
Heroínaaaaaaaaaaaaa
tirano vestío de ángeeeeeeeeeel
Heroínaaaaaaaaaaaaaaaa
....
Más chutes no!!
ni cucharas impregnás en heroína
no más jóvenes llorando noche y día
etc etc etc.
Outros dous operarios, a pé de obra, xa entrados en anos, comentaban:
'Bweno carallo. El cobrábache paga alta por ser cego dun ollo, ou seica me fodes...' /sic/

E aínda se fala da globalización como se tivesen descuberto a cuadratura do círculo...

Saúdos freaks e globais.