18.11.08

Retiralo da circulación

A expresión retiralo da circulación aplicada polo pater patriae D. Francisco Rodríguez ao cidadán que en Galicia quintaesencia a cerna dos valores democráticos máis puros, o noso ombdusman, fíxome lembrar un chiste. É o do neno que chega á casa do cole e, amoscado, dille á nai:
-Jo, ma, a profe díxome que teño alma de gángster.
A nai tranquilízao:
-Bueno, non teñas coidado que xa mañán falo eu coa profe.
E o neno matiza:
-Vale, pero que pareza un accidente.

16.11.08

Tónicos da vontade

Teño para min que a dúbida existencial debe ser de enorme prevalencia na blogosfera, ao punto probable de constituír unha pandemia. Aínda que non teño datos fiables ao respecto (e seguro que existen), o número de blogs que se abandonan, sucumbindo os seus propietarios ao efecto letal da patoloxía devandita, debe ser moi, moi superior ao de blogs que sobreviven. Ao igual que os nazis falaban de darwinismo social, podiamos nós troquelar o concepto de darwinismo blogosférico. Non entendan que me inclúo implicitamente nese grupo, pero semella que só sobreviven -ou, de momento, sobrevivimos- os máis fortes, aqueles que gradúan o interese que espertan no número de seareiros que son quen de estimular (o que, mutatis mutandis, don Santiago Ramón y Cajal chamaba, en fermosísima e afortunada expresión, los tónicos de la voluntad). Entendo que sobre o convencemento de que nadie, día tras día, o le a un, pois claro, un remata por caer vítima da dúbida existencial e manda todo ao carallo. Eu mesmo teño sufrido algunha crise e reflexionado sobre o particular.
O amigo Lándoa -venturosamente reposto dun lixeiro e recente acceso- pregunta, moi atinadamente, de quen é un blog? Déixenme preguntar: unha vez inaugurado este local e mantido durante vai para catro anos, xerado algo así coma un público fiel (por pequeno que sexa), e estimulados centos de comentarios e intercambios de puntos de vista, ¿ata que punto é só meu o dereito de botarlle o peche? Sería eu tan malsín e felón de privalos da extraordinaria calidade destas páxinas, de furtarlles a sublime lucidez das miñas reflexións, o agasallo inestimable de tan excelsa prosa?
As preguntas do millón de dólares. A fin de contas, un blog non é máis ca un diario de a bordo, unha transposición da vida real, na que a dúbida existencial vén activada por defecto. Para que escribir, para que vivir? Para quen escribir? Compensa? É unha adición? Pois, mira, dáme que si, que debe ser adictivo, pois, coma os paraísos artificiais, é posible que non produzan moita satisfacción -en troques, mesmo por veces algo moi próximo ao fastío- pero non somos quen de deixalos despois de probalos. É como disque lle pasa ao tigre, que unha vez que come nun cristián, logo non quere doutra carne. Debe ser pola finura da vianda humana, tan regalada.
En fin, que hai xente para todo. Pero resúltame meridianamente claro que no deserto de estupidez e frivolidade no que decorre a vida pública que nos arrodea (esa é, cando menos, a miña percepción), se a tecnoloxía nos ofrece a posibilidade de sinalar no mapa oases de reflexión serea, desapaixonados relanzos de pensamento alleos a toda obriga de responder ante ningunha liña editorial nin de opinión, non serei eu quen, mentres poida, desperdicie a oportunidade. A ver ata cando hai folgos.

14.11.08

Animalitos

O que segue é o texto da convocatoria que dende o Consello da Xuventude de Galicia se fai para o I Certame de relatos curtos «Amigos para sempre». Ad pedem litterae:
Con este concurso desexamos contribuír á transmisión entre a mocidade de valores de respecto ao medio ambiente e aos animais. Coñecedores da falta de concienciación que existe neste eido en moitos ámbitos da nosa sociedade, e da importancia que ten a educación na configuración dos valores e no cambio de actitudes, formulamos como un dos nosos obxectivos crear espazos nos que teña lugar o pensamento e o debate sobre a nosa relación cos animais non humanos.
Esta última especificación ingresa directamente, con posto sobranceiro e nomeado, nos anais da estulticia patria. É urxente recuperarmos a sensatez na vida pública.
Polo demais, a cousa dá para un interesante xogo de extrapolacións, especialmente sobre o trato que, de costume, se lles depara aos animais domésticos non produtivos no noso medio rural (sen dúbida, unha razón máis para exacerbar o orgullo polo país e facerme aínda máis nacionalista). Con todo, tampouco hai que esaxerar. Sei de xente que garda unha extraordinaria relación cos animais non humanos e é magoa que non participe no certame "Amigos para sempre" contando a súa particular experiencia.
Por exemplo, a daquel que vai cun amigo paseando polo monte e, atopando un enorme carballo, detense e comenta:
-Home, que lembranzas tan acojonantes me trae este carballo. No pé deste carballo tiven eu a miña primeira relación sexual. E coa nai dela presente!
O outro, asombrado, exclama:
-A nai dela presente! E non dicía nada?
-Si, dicía: Beeeeeeee! Beeeeeee!

12.11.08

R.I.P.


No se recibe duelo.
Gracias.

11.11.08

Omnia vanitas

Cando fun sabedor da existencia dun libro que facilita falar de libros que nunca se leron, veume a cabeza, así coma un arrauto, esa cousa un pouco enlouquecedora de poñer un espello diante doutro: ler un libro para aforrarse ler cen. Ou non ler trescentos e ler un para representar que se leron cen. Ocórreseme, en primeiro lugar e sen ter visto diante tan insólita obra que, se a edición prolifera moito e o libro chega a facerse moi coñecido, os editores podemos ir pensando en botar o peche, porque de certo que o autor estará ao quite do que se vaia editando e pague a pena ser incluído na súa antoloxía para darlle o libro en cuestión en pílula ao lector e aforrarlle a este a molestia de lelo. E isto lévame ao segundo corolario: é indubidable que o tal libro contén (como aquela obra tan polémica de Harold Bloom) un compoñente indudidable de canonización; é dicir, o autor dará receitas para falar dos libros dos que se fala moito, ou sexa, dos que paga a pena falar.
Pois nada hai disto. O libro do que falo non é un manual de autoaxuda para lectores vagos pero vaidosos a quen lles pode máis a petulancia ca a nugalla, senón unha reflexión sobre a lectura partindo do feito claro e incontestable de de que todos finximos algunha vez ter lido un libro que non coñecemos máis ca de oídas, e iso con sorte. Dende esta ficción, o autor establece «o feito de que toda lectura (ou non-lectura, ou lectura imperfecta) conteña unha dimensión creativa e en que, en todo libro, o lector poña sempre algo da súa parte». Un libro que reclama inmediata atención. Xa lles contarei.
Son dignas, polo demais, de reflexión esas xeralidades e comentarios «todo terreno» dos que botamos man cando falamos de algo que non coñecemos pero o descoñecemento do cal intuímos será interpretado polo noso interlocutor coma unha ofensa de humillante ignorancia. Lembra vostede cando foi a última vez?

9.11.08

Juanes, Valdeses

A combinación do meu nome co meu segundo apelido deu pé, como xa sinalei nestas páxinas, a un choteo relacionado con certo produtor de café de tierra caliente que popularizou un spot da caixa tonta. Tampouco son alleo á coña ―esta de corte máis erudito― que evoca a homonimia parcial do meu nome co daquel humanista, valente, moderno e profundamente europeo, que foi Juan de Valdés. Nunha estada por motivos laborais na fermosa cidade de Cuenca, e con motivo de aloxarme nun pequeño hotel no corazón do casco antigo, imaxinaba, en hora nouturnal e facilitado pola escasa iluminación, o meu dobre tocaio haldeando pola ruela arriba, tal vez na compaña do seu irmán Alfonso, tratando das últimas novas que sobre os progresos de Lutero lles enviaba un grande amigo dende a lonxana Rotterdam, en terra de Flandres.
Cando impartía titorías de Historia da Lingua Española na UNED referíame a Juan de Valdés, con ironía pero tamén con agarimo, coma mi pariente e ao herdo familiar da afección filolóxica, non sen provocar desconfiado estupor nos meus alumnos.
Nalgunha outra ocasión falaba eu aquí do escasísimo inventario de libros aos que lles recoñecemos unha influencia indiscutible na perfilación das nosas inclinacións, no meu caso filolóxicas e bibliofílicas. O número de veces que teño usado, lido, consultado ou simplemente folleado por gusto o Diálogo de la lengua de mi pariente humanista é, alén de proba obvia de estar incluído no selecto inventario devandito, manifestación do valor inmanente de certos textos non só no que atinxe á riqueza, rigor e oportunidade dos seus contidos, senón aínda ao testemuño perenne dun xeito de reflexión intelectual -e mesmo, mutatis mutandis, científica- de honestidade, coherencia, altura de miras e laxitude de criterio que, catrocentos anos despois de escritos, seguen emocionando. Honestidade, coherencia, altura de miras e laxitude de criterio que, por certo, empurraron aos Valdés a viviren lonxe do seu país, baixo a permanente e odiosa suspicacia da Inquisición.
Atopo na biblioteca do avó unha deliciosa edición do Diálogo. Trátase dun volume en oitavo e tapa dura, con belísima estampación art déco en ouro na cuberta, exemplar característico da colección literaria da nunca ben ponderada Editorial Saturnino Calleja, S.A., Casa fundada el año 1876. No prólogo, o polifacético erudito José Moreno Villa salienta unha apreciación de Valdés que dá a medida da súa estatura intelectual, podendo sevir, ademais, de oportunísimo espello en que mirarse todo xénero de patriotas, patrioteros e nacionalistas: Que sea de mi tierra o no, esto importa poco pues, cuanto a mí, aquel es de mi tierra cuyas virtudes y suficiencia me contentan, si bien sea nacido y criado en Polonia.
Nós, os Valdés, é que somos así.

7.11.08

Primum vivere, deinde... amare

El hombre por dos cosas se mueve; la primera
por el sustentamiento, que la segunda era
por haber juntamiento con hembra placentera

deixou escrito o mundano e desconcertante alcipreste medieval que cantou o buen amor. En efecto, como a la fuerza ahorcan, e malia que tiran máis dúas… —hoxe vai a cousa de paremioloxía—, o primeiro é o primeiro: primum vivere, que dicía o outro. Soben as hipotecas, soben os trabucos, sobre Fenosa, sobe o combustible, o carro da compra; non hai carto que chegue e a incerteza máis agoniante apodérase dos empresarios, industriais e comerciantes. Como nas máis apocalípticas crises de tempos pasados —nihil novum, na fin de contas—, videntes, ocultistas, adiviñadores e zahorís de toda laia aprovéitanse e fan o agosto.
O título daquel disco de El último de la fila vén que nin "pintiparado" para os duros tempos que vivimos: Cuando la pobreza entra por la puerta, el amor salta por la ventana. Resistan, resistan que xa virán tempos mellores (vamos, digo eu).
Lembran o final de La colmena de CJC?: ¡Dios nos coja confesados!

5.11.08

A vida de Emilio

Este fleto reflicte.
No licuador do período de mandato.
A entrevista se desenvelvou no clima de hospital tradicionalidade.
Actos falidos, lapsus linguae ou erros derivados do escaso uso dunha lingua? Hai pouco alguén da RAG dicía que prefire que os políticos falen mal galego a que non o falen. Vale. Hai a quen lle pode máis o sectarismo que o amor pola súa lingua. Este fleto reflicte o resultado da charlotada sociolingüística da nosa Galicia/Galiza.

4.11.08

Unha mani


O lema baixo o que a CIGA convoca unha mani para o día 13 A crise que a pague o capital— ten un sabor estrañamente anacrónico, de instigación clandestina e subterránea, coma un anarquista fardado de negro paseando a fumigante bomba polos sumidoiros da cidade. En tempos en que todos vivimos tan reconciliados cun consumismo compracente e, ata agora cando menos, de capital saneado, revestir a este de novo coas roupas do acérrimo inimigo a bater semella, como digo, un tanto anacrónico e mesmo fóra de lugar. Non negarei, porén, que aprecio, mesmo con saudade, o regusto a gauche divine que o lema deixa. Retrotráeme, polo demais, a tempos —o tempora!— nos que criamos xurdiamente podermos cambiar o mundo en interminables conversas baixo a luz dun flexo cutre e entre mestas nubes de fume de Ducados, ou decorando a golpe de spray as paredes nocturnais con consignas incendiarias. En certa ocasión, unha persoa moi querida e próxima, daquela adscrita a unha atrabiliaria -e máis ben minoritaria- asociación de extrema esquerda denominada Información Obreira, fixo unha pintada na que, sen dúbida a causa das présas e a tensión do momento, as liñas aparecían caprichosamente aliñadas de xeito que, contra a vontade do pintador, o que se lía era: O CINTURÓN QUE O APRETE INFORMACIÓN OBREIRA. O PATRÓN. A visión de futuro que, involuntariamente, a consigna acadou rematou por convertela nun clásico.
Trinta anos despois, nestas seguimos.

1.11.08

Letras de outono

Xa quintaesenciado nunha literatura barroca e mesta como un seto de mirtos, xa por vía da parodia iconoclasta, xa como hebdomadario canto á pailanada, estimo que ninguén como Valle-Inclán, os Tonechos e Xosé Manuel Gayoso teñen penetrado a punto máis fondo na alma do país, no noso peculiar Volksgeist.
Estes días de afirmación dun outono que xa quere ser inverno, complemento, creo que con fortuna, a placidez serena da chuvia primeira e das primeiras friaxes que xa van pedindo o quentor do lume coa lectura dun texto que reflicte como creo que nunca se ten feito ―a excepción tal vez dalgúns momentos en Fole― o sentimento do inverno noso ―atlántico, bravo, escuro, enchoupado de poesía. Trátase de Romance de Lobos, comedia bárbara, que disfruto en marabillosa edición de 1922 -Imprenta de Sáez Hermanos, Madrid-, volume XV da opera omnia de don Ramón. Aínda co ecoar dos gritos infantís pedindo truco ou trato na noite dos mortos, revestidos nenos e nenas en figuras monstruosas e ultratumbáticas baixo a sardónica mueca das calabazas iluminadas, leo, co pasmo que inspiran os xenios, a escena primeira da obra, digna do mellor halloween, na que a rolda das bruxas e un medoñento batallón de aparecidos fai disipar os vapores do mosto ao fidalgo adúltero e dipsómano:

MUCHAS VOCES
¡La madre coja, coja y bisoja, que rompe los pucheros! ¡La madre morueca, que hila en su rueca los cordones de los frailes putañeros, y la cuerda del ajusticiado que nació de un bandullo embrujado! ¡La madre bisoja, bisoja corneja, que se espioja con los dientes de una vieja! ¡La madre tiñosa, tiñosa raposa, que se mea en la hoguera y guarda el cuerno del carnero en la faltriquera, y del cuerno hizo un alfiletero! ¡Madre bruja, que con la aguja que lleva en el cuerno, cose los virgos en el Infier­no y los calzones de los maridos cabrones!

O vinco inequívoco do xenio: intemporal. Lembran a que se armou cando querían traducilo a galego? Non, se hai cada…

31.10.08

Naufrajamos con a lengüa jalleja

Disque unha imaxe vale máis ca mil palabras.
En uso da palabra: Sr. Touriño, presidente da Xunta. Á esquerda (máis ou menos debaixo do c de embarcámonos): Sra. López, secretaria xeral de política lingüística.
Que argumentos verbais acerca da realidade sociopolítica do galego en Galicia poderían substituír esta fastuosa vista?
Rir? Chorar? Todo isto é unha tráxica pallasada (valla o paradoxo).

30.10.08

Libros

Para un bibliófilo patolóxico como o patrón desta fonda, herdar unha biblioteca vella é como chegar a unha cidade monumental que descoñeciamos. A cada tanto xorde unha marabilla, a cada volta unha xoia; dobramos unha esquina e unha nova visión extásianos. Acabamos por ser vítimas dunha sorte de síndrome de Stendhal, e, esgotados pero entusiasmados, sentimos a vertixe de tanta beleza e interese, o medo de novos éxtases.
Xa instalada nunha dependencia ao efecto, tras moitos traballos e suores, a biblioteca turra por min en magnética maneira e sei que, se cruzo a porta do apousento onde se aloxa, non poderei saír en horas. Pérdome entre o arrecendo do vello papel, ensóñome coas cubertas, coas tipografías, coas anotacións manuscritas con que os meus devanceiros, un día, algún día hai moito tempo, establecían, como eu fago tamén a miúdo, un diálogo textual co libro.
En conxunto, a biblioteca configura unha pequena historia editorial de España entre os remates do século XIX e a República. Tras a brusca interrupción bélica do 36 ao 39, as incorporacións son xa moito máis esporádicas, o cal non deixa de resultar un consolo pois, tras a efervescencia e dinamismo da cultura e a edición de España ata 1936, as décadas iniciais do franquismo amosan, no cultural e no editorial, un panorama desolador marcado por un intenso fedor a incenso e pis.
En fin, que a cousa dará para ir debullando aos poucos ideas e reflexións, argumentos e propostas.
De por parte, e para irmos facendo boca, atopo un libro editado en 1923 cunha cuberta de modernidade sorprendente, que reproduzo na imaxe; unha cuberta fermosísima, equilibrada, chea de vida e de cor; unha cuberta atrevida, pois a modernidade do seu deseño e da composición textual combínase cunha tipografía tan rabiosamente clásica como a bodoni. É o tipo de cousas que me convence de que, por moito que nos poñamos, todo está xa inventado, e non facemos máis que recapitular, sublime ou miseramente, algo que alguén xa pensou antes ca nós.

28.10.08

Unha "trigedia" de antano

Dos avós e das avoas reciben os netos, xa directamente, xa a través dos seus pais, moitas anécdotas e sucedidos. Supoño que o truculento do asunto e o escatolóxico do tema impediron que meu pai me fixera sabedor de que, aló polo abrente do século pasado e, sendo o avó de quen subscribe Secretario do Xulgado Municipal de Santa María dos Baños de Cuntis, unha interfecta presentouse voluntaria a entregarse á Xustiza tras terlle seccionado salva sexa a parte cunha coitela de barbeiro (ou unha tesoura, segundo outra versión) a un endeviduo, por razóns que aínde o romance popular discute coa recta instrución do caso. O máis pintoresco, dramático, traxicómico e efectista do asunto é que a boa da muller presentouse perante o digno funcionario co pirolo ―con perdón― do cristián envolto nun papel. Tanto o relato do asunto canto o romance nos consabidos octosílabos ripiosos e castrapeiros son para non perder.
Imaxe
: de Kiko da Silva, tomada de La Voz de Galicia.

24.10.08

Mundos á parte

Chaman os tedescos moscas das orellas a esas músicas coas que, sen sabermos moito por que, amencemos e nos acompañan durante todo un día, ou máis, rondándonos a cabeza e repetíndoas, xa mental, xa sonoramente, mesmo sen gañas de facelo e bastante aborrecidos da musiquilla. En efecto: moscas que se che meten nas orellas. Dalgún xeito, outras melodías e cancións, estas máis queridas ―por evocadoras de momentos especiais das nosas vidas― nos acompañan todo ao longo da vida aparecéndosenos e desaparecéndosenos, coma ollos do Guadiana que nos retrotraen, estimulan, aledan ou entristurran, segundo o día que teñamos. Eu, hoxe, vaia vostede a saber por que, teño o día un algo así, aqueloutrado, que é un xeito de non saber como teño o día (galego ata a cerna que é un, supoño). En fin. Róndame hai para varios días unha moi querida mosca das orellas que hoxe, e para a toda a fin de semana, ofrezo aos visitantes deste local. Para min, é unha icona (fea, fea palabra!) musical, un tema profundo, desgarrado e doce, estremecedor e íntimo.
Tachán, tachán. Con vostedes, por vez primeira nesta sala, Cock Robin e o seu grandioso tema Mundos á parte.

21.10.08

Cousas que perdimos no lume

O malo de todas estas estériles liortas lingüísticas do país ―e coa que está caendo!― é o que deixamos no camiño, as ―por dicilo ao xeito dunha extraordinaria película que vin hai pouco― things we lost in the fire, na queima. E así, moitos esquecemos, ou agochamos, canto lle queremos ao castelán, ou español ou como queiran, aínda que supoño, claro, que tal vez as razóns que inspiran os meus afectos inspiran noutros xenreiras e rancores.
En español pedía eu os chicles bubble-gum na confitaría La Palma da miña vila e os pasteis os domingos. En español lía as historias de don Pésimo e don Óptimo, de Raf; de Anacleto, do gran Vázquez; de Pepe el Hincha e don Pío, de Peñarroya e as trasnadas dos míticos xemelgos perante as que don Pantuflo Zapatilla, dignísimo Catedrático de Colombofilia, reaxía con enorme dignidade. En español enfrontaba as leccións de literatura española do libro de Ramiro de Sas Murías e Gonzalo Torrente Ballester (que, por certo, agora, con Fundación e todo, parece o adaíl do progresismo). Aínda agora ―dita sea, esta tendencia á morriña― teño que disimular un estremecemento de lembranza cando miro a miña vella enciclopedia Álvarez con aquelas deliciosas caligrafias e definicións, algunha das cales pasou xa á categoría dos clásicos: Oración es la expresión de un pensamiento completo. En español viñan os libros con «santos» nos que malpintabamos un cigarro macarrónico a don Félix Lope de Vega y Carpio, gafas de sol a William Shakespeare ou un ollo morado a Hartzenbusch. En español pedinlle para saír a miña primeira moza e redactei logo apaixonadas cartas de adolescente.
En español veño de ler hai pouco El jardín de los frailes, de don Manuel Azaña, adicado, por certo, ao seu cuñado Cipriano de Rivas Cheriff. Un libro denso, difícil, cheo de arestas e recantos que, por veces, non é doado dobrar. Pero, alén da anécdota literaria concreta ―á que outro día dedicaremos máis afán― a obra é un deses monumentos de lingüística pureza, estilo e maxestade, que lle fan a un tirar o chapeu e exclamar: ¡coño, qué idioma!
Hai algún tempo unha representante desta patulea de fanáticos, tan sectarios coma pouco intelixentes, que menudea polo país, díxome que a nivel lingüístico (como odio esta expresión!) eu estaba colonizado. Repliqueille que, sen dúbida, colonizoume a miña nai, que é natural de Plasencia, provincia de Cáceres.

18.10.08

16.10.08

Intelectuais? Lagarto, lagarto!

Abundando no post anterior sobre o riscos intrínsecos de exercitar en exceso a musculatura intelectual, o outro día, mentres folleaba un xornal gratuíto, a vista, en combinación coas rutinas mecánicas da lectura, xogoume unha mala pasada. Leo:
Creado un centro de internamiento y atención permanente para intelectuales.
Sapristi!, exclamei alarmado; a isto chegamos? Claro, tarde ou cedo tiña que pasar. É a vixilia excesiva da razón, e non o seu sono coma quería don Francisco aragonés, a que produce monstros, ata o punto de precisaren xa internamento e atención permanente os infelices cultivadores do intelecto, enfrontados a un labor tan ingrato coma socialmente estéril. Finalmente convencidos os poderes públicos da súa absoluta inutilidade, deciden recluír a tan perigoso grupo para o someter á máis estrita vixilancia, impedindo así unha influencia social moi nociva.
Alelado, perdido neste torrente de escuras reflexións, unha segunda lectura máis atenta tranquilizoume: Creado un centro de internamiento y atención permanente para discapacitados intelectuales. Carallo, isto é outra cousa. Pero, non se fíen: o día menos pensado…

Taller de ideas

Cun alfónimo verdadeiramente botánico e sosegado, TILO, nace o taller de ideas sobre o libro, coa promoción da Federación de Asociacións Nacionais de Distribuidores de Edicións, FANDE, a Federación de Gremios de Editores de España, FGEE, e a sociedade de xestión CEDRO. Segundo intención dos seus creadores, dende TILO «se generarán propuestas para analizar y contrastar aquellas cuestiones, retos y problemas de actualidad en este sector, con el objetivo de identificar líneas de evolución y posibles soluciones».
Alá veremos. Isto de taller de ideas chirría un pouco, non? É unha expresión de seu estraña, soa coma andamio académico, teoría do serrucho ou metodoloxía do alicates.
As ideas, ademais, poden resultar altamente nocivas. Lémbrame aquilo de:
—Teño unha idea.
—Desfaite dela!

14.10.08

A nova: doce artistas homenaxean a vaca galega como símbolo cultural nunha exposición celebrada baixo o título «Mú».
O financiamento
: Xunta de Galicia e Concello de Santiago.
O comentario
: vá por dios.
A miña suxestión para homenaxes futuras a outros símbolos culturais
: o can de palleiro; o porco; a galiña e o galo; a carne ao caldeiro; os pavóns do millo; as preas rebentadas nas carreteiras; os palafitos; a pataca; o escarabello da pataca; Jayoso; o Luar; os somieres pechando as leiras; as lavadoras tiradas nas cunetas; o neto da tía Balbina; a pucha; o alcolito; as silvas; a licencia para jalpón; o zaragozano; o jerés quina; as bolsas azuis de plástico; os tonechos.

13.10.08

What crisis?

Hai uns días un visitante anónimo deste local atemperaba cos seus incisivos e intelixentes comentarios o meu espírito apocalíptico -un mal día teno calquera- a respecto da actual crise. Alén de permitirme comprobar o nivelaso dalgúns transeúntes por este fragmentario ciberespazo, os argumentos do comentarista servíronme de reflexión para convir que en efecto, tal e como tan poeticamente vaticinou don Antonio e cantou don Joan Manuel, todo pasa y todo queda, pero lo nuestro es pasar, etc. Sairemos desta e, con seguridade, doutras aínda peores. Ademais, non hai crise que poida connnosco mentres todo, ata os máis negros agoiros, se atenúen coa nosa irrefrenable tendencia á carallada, enxebrísimo especime léxico absolutamente intraducible nas súas finas capas de semántica patria. Comentábame unha boa amiga que nunca, nunca en moitos anos de visitas anuais regulares, recordaba o San Froilán de Lugo coma este ano, o ano da crise: bares, restaurantes, carpas, hoteis, turismo rural, fondas e pousadas de varia pelaxe petados; marés humanas dispostas a esquecer ou afogar a crise naquilo que, iso si, ata nos máis tráxicos momentos, é irrenunciable: a carallada.
Será que pode ir o mundo abaixo pero o pulpo no San Froilán non hai quen mo quite? Será hedonismo ou inconsciencia? Será que, no fondo, seguimos sendo un país de novos ricos afeitos aos máis grandes derroches cando toca apretar o cinturón e nos abafa o pundonor do aforro? Unha anécdota, case perdida na artesa sen fondo da lembranza, fíxome recuperar ese senso noso da vergoña ante a contención do gasto (algo que os anglosaxóns descoñecen, por certo).
Cando nos anos da primeira transición eu militaba na Xuventú Comunista de Galicia puxemos un día de feira na vila unha mesa informativa con moito alarde de fouce e martelo, bandeiras vermellas e unha porción da quincallada de agitpro de entón, entre a que sobranceaba unha morea de pegatinas, todas iguais, co símbolo do partido. Alí se achegou un fulano do pueblo que eu coñecía ben, que conducía unha camioneta dun negocio de patacas dedicado á carga e descarga en sacos de tan alimenticio xénero. O bo do tipo, prístino representante da máis crasa ignorancia en habelencias socio-políticas que entón era norma no país, dirixiuse a min e preguntou polo prezo das pegatinas. Cando eu lle respostei que eran a peso, e persuadido o home de que sería botado a tanazas por facer pouco gasto, espetoume:
-Bueno, pois dame vinte pesos delas.
O gicho, levou, xúroo, vinte pegatinas iguais. Tería con quen repartilas.

12.10.08

Procesados declarados en rebeldía

Hai herdanzas que manda carallo con elas e outras que ben as podía levar o demo. No grupo das primeiras están as dos netos e bisnetos do barón de Rothschild ou do armador heleno Stavros Niarchos (fermoso nome, por certo). No grupo das segundas estou eu. Eu veño de recibir, vía parental e voluntariado belga, a biblioteca íntegra (apolillados estantes incluídos) do meu avó: exactamente 2009 volumes censados, máis tres ou catrocentos máis sen rexistrar, que o bo do home foi atesourando dende os anos vinte ata os primeiros cincuenta (faleceu mediando esta década). O primeiro rexistrado é Don Severo Carballo, novela de Victoriano García Martí. O último Una noche de primavera sin sueño, comedia, de Enrique Jardiel Poncela. No medio, un imenso océano de letras ideas e vivencias sobre papel malo e peores encadernacións, puntualmente recollido por un inventario de natureza máis ben indiscriminada, facticia e desigual. Unha páxina collida ao chou arroxa esta heteroxénea pandilla:
Lampérez y Romea, Vicente: Historia de la arquitectura cristiana
Ortega y Gasset, José: El espectador
Gabriel Daniel, Padre: Compendio de los sucesos de el reynado de Luis XIV el Grande [curioso volume en oitavo, impreso en Sevilla, en la Imprenta de Juan Frco. Blas de Quesada, Impressor mayor de dicha ciudad]
Gomá y Tomás, Cardenal Isidro [¡¡¡¡!!!] Los Santos Evangelios
Romanones, Conde de (Álvaro de Figueroa): Y sucedió así
Sabatini, Rafael: Bellarion, novela [seguen seis títulos máis do mesmo]
Orczy, Baronesa: Flor de lis, novela
Brontë, Charlotte: Jane Eyre, novela
Gobineau, José Arturo, conde de: Novelas asiáticas, volumen I
Taine, Hipólito: Filosofía del arte
Mill, John Stuart: Autobiografía
Hume, David: Tratado de la naturaleza humana, volumen I
Rousseau, Juan Jacobo: La confesiones, tomo I.
Que se lle vai facer! Ver a cousa coa sentimentalidade e poesía do caso: a biblioteca do avó, logo de papá, en fin, tantos anos de amor aos libros e un apetito intelectual tan encomiable… Esas cousas. Porque visto o asunto dende a tentación irresistible do materialismo abxecto, o que lles digo: unha herdanza do carallo. Mudanza, instalación, gastos, carcomas, obras na casa para acomodar tanto librote, desavinzas conxugais (un día marchades ti e máis os libros, xa saben).
A cousa, en fin, deu tamén para unha fascinante e casual inspiración metafórica da nobre arte de escribir. Resulta que o bo do avó, secretario que foi do xulgado municipal da Estrada, tivo a feliz ocurrencia ―eran feos tempos de escaseza― de efectuar o inventario escrito da biblioteca aproveitando algún formulario impreso que lle acomodara ao caso e este foi un caderno apaisado de 31 x 21 destinado a Registro de Procesados Declarados en Rebeldía, unha extraordinaria derivación estética da cerna da literatura. Atopar, por exemplo, na columna Apellidos y nombre e Señas actuales conocidas a "George Sorel" e en Delito y su fecha "Los sindicatos obreros y su porvenir" non deixa de proporcionar a tan singular repertorio un valor especial.

8.10.08

Arredor de min

Algúns asiduos destas páxinas téñenme comentado en máis dunha ocasión que debera dar o salto á prensa escrita. Mesmo ―sei que non se entenderá coma vaidade superflua― bos amigos de certos medios asegúranme que nestes non sería mal recibido.
Había un personaxe barojiano que atopaba estrañas razóns para as cousas. Solteiro recalcitrante, cando lle dicían que debera casar replicaba:
―No, no; tendría que ampliar la casa y no me conviene.
Convidárono noutra ocasión a presentarse a concejal e, como queira que nalgunhas ocasións solemnes vestían frac os concejales, negouse rotundo:
―¿Yo vestirme de pingüino? ¡Ca!
Igual ca o especime do universo de don Pío, eu atopo estrañas razóns para manterme virxe e incólume neste cómodo semianonimato que proporciona o blog. Debera dicir que non me tenta o diñeiro nin o ouropel da familla (xa ven vostedes qué cousa) á que se fai acreedor quen asina nos xornais, pero con toda probabilidade mentiría. Así que direi que a ausencia de compromisos con terceiros facúltame a escribir exactamente do que me peta, e isto, creo eu, é hoxe unha estraña, ben estraña razón. Porque hoxe a independencia é algo bizarro, feo, mal mirado e que inspira desconfianza en quen non dubidaría en dicir que si aos ofrecementos devanditos.
Ora, ninguén é perfecto e o día menos pensado apúntome a operación triúnfo e adeus fragmentos. Será verdade que todos temos un prezo e que só é cuestión da cantidade? Será.

6.10.08

Ars illuminandi

Un libro é un universo. E así como o universo é inatinguible, tamén o libro é inesgotable fonte de pensamentos, que, nun sistema de inferencias sen solución de continuidade, van constituíndo unha urdime de coñecemento á súa vez eterna e permanentemente ramificada. Un libro pode ser forma, tacto, cheiro, brillo, son e peso; pero tamén evocación, lembranza, reflexión, saudade, sorriso, pena, ledicia ou ironía. Nunca o libro é neutro; sempre vén cargado dun engadido que nós voluntaria ou involuntariamente lle damos. Mesmo, cando o mercamos, ao individualo da morea de iguais cos que convivía, xa o facemos noso e atopamos estraño gusto en marcalo con algunha nota persoal, que pode ir da simple datación manuscrita do día en que o fixemos noso ata o máis artístico exlibris.
Nunca seremos quen de determinar canto nos axudou un libro en concreto, pois coa suma de todos os que levamos lido tecemos esa urdime de coñecemento, na que as fibras e os fíos xa non se distinguen un dos outros e constitúen un todo sen fin nin principio. Dun libro podo comentar infinidade de cousas curiosas e instrutivas, e como con aquelas vellas badilas de braseiro, podo con el atizar a brasa do debate e estimular novas ideas sobre ideas vellas. Nunca un libro morre. Asómbrame, é máis, a rabiosa louzanía dalgúns.
Un vello volume da biblioteca do avó tenme engaiolado nestes días de outono. Trátase dun mamotreto de 944 páxinas en cuarto e con tapa dura, publicado vai para cento cincuenta anos. O libro é forma, evocación gustosa e delectación nos detalles, unha manía descritiva moi ao xeito celiano: Historia de las persecuciones políticas y religiosas. Ocurridas en Europa desde la Edad Media hasta nuestros días. Obra única en su género. Galería política filosófica y humanitaria, imparcial, y concienzudamente escrita, recopilada de las historias de todas las naciones de Europa… Por D. Alfonso Torres de Castilla. Edición de gran lujo, ilustrada con profusión de magníficas láminas abiertas en acero, debidas al buril de los más célebres artistas de Inglaterra, Francia y España. Barcelona. Imprenta y Librería de Salvador Manero. Rambla de Santa Mónica, núm. 2, frente á Correos, 1863.
O libro leva unha Dedicatoria á los intolerantes de todos los partidos y creencias do autor.
No tipográfico é unha delicia; exemplo dun abigarramento e mestura de tipos diferentes de letras e unha porción de gravados truculentos, moi ben protexidos polo súa folliña de papel cebola. Un abigarramento moi da época -cando do que se trataba era do lucimento do caixista e, por ende, do impresor, libreiro e editor-, hoxe inimigo do minimalismo e aforro de medios que se reputa por canon da elegancia editorial.
Ao chegar tan curioso volume á expulsión dos xudeus por Isabel e Fernando e o establecemento da Inquisición hereticae pravitatis, lembro un post de hai un tempo, no que trataba eu do escaso desenvolvemento da Imprenta en España nos anos da prototipografía. Di don Alfonso Torres de Castilla:

No pocos judíos españoles se establecieron en Londres, Douvres, York y otras ciudades de Inglaterra. Pasaron otros a Amberes, Leyde, Amsterdam y diversos puntos de los Países Bajos, á Dinamarca y Alemania. En estas nuevas residencias, los israelitas se apresuraron a fundar sinagogas y sus sabios se dedicaron al estudio de sus escrituras é hicieron numerosos comentarios sobre la Biblia. Ellos fueron los primeros en servirse del gran descubrimiento de la imprenta, estableciendo muchas á mediados del siglo xvi en Alemania.

Coa explusión dos xudeus, boa parte da arquitectura macroeconómica do Estado foi liquidada. Pero, claro, o que gañamos con Torquemada e sus católicas majestades!
Que sombra funesta de fanatismo, intolerancia e escuridade percorre a nosa historia colectiva! E que longa é!

2.10.08

Zonas intermedias

Percíbome cada vez máis blindado nunha sorte de elitismo sociocultural, blindaxe que, por certo, non me gusta moito pero á que irremediablemente me empurra a terca realidade circundante. É deplorable comprobar como a peña funciona maioritariamente a base de lugares comúns —cocidos polo xeral na TV, na radio ou nos xornais—, etiqueta sectariamente ás persoas e desenvolve unha actividade —moito peor se tal actividade é pública— co único estímulo do politicamente correcto, ponderando con todo o coidado o que fan ou din na resposta que o que fan ou din produce nos medios de comunicación, preocupación esta última hoxe pandemicamente obsesiva. Fronte a tan tremendo panorama, o meu elitismo, supoño —e o digo co ánimo menos elitista do mundo— baséase na independencia das ideas, no radical rexeitamento do sectarismo, no convencemento de que todo ten zonas intermedias e de que, por baixo do discurso politicamente correcto, non hai moitas veces máis ca tópicos e frases feitas, no mellor dos casos, e, no peor, a máis crasa indocumentación. Aquí equivócase todo, mestúranse churras e meiriñas, vívese a lombos dun progresismo de guardarropía e o pensamento e a reflexión son de tan baixa calidade que —como lóxica inferencia— o que se di e o que se escribe dá medo. Para mostra un botón (acaso un chisco extremo).
Vou dar un exemplo do que digo. Atopándome en ocasión de desfacerme de varias bolsas de roupa usada, pero en bo estado, póñome en contacto telefónico cos servicios sociais do concello no que vivo. Unha voz feminina indícame que preto do centro social hai un contáiner ao efecto. Como bo cidadán, cargo as bolsas no coche e diríxome ao punto indicado. O espectáculo de bolsas rompidas, de roupa reseca e podrida ateigando a teórica pero invisible entrada do contáiner é desolador, lamentable, repulsivo. No pé e arredor do enorme contedor máis bolsas de roupa aínda máis podrida e reseca. A sociedade civil.
Ao día seguinte diríxome coas bolsas ao cottolengo do Pai Alegre en Compostela. No gran hall do cottolengo recíbeme unha monxa de manual: contra os sesenta e tantos anos, gafas de cu de botella, pulcra, de pel finísima e arrugada. Dende un recanto da instalación, sentadas nun banco e ataviadas coas clásicas batas de guatiné, tres ou catro mulleres de idade provecta e un retraso mental obvio debuxado nas súas faccións, observan a operación. Cheira a legumes fervidas e produtos de desinfección. Para o descargo das bolsas, as monxas teñen disposta ata unha pequena cuña que atranca a porta. A sor explícame, con esa fonética monxil tan característica, que lavan, desinfectan e empaquetan coidadosamente a roupa. A que lles serve para as súas internas queda alí e a que non se va para las misiones. Cando remato tomo cordialmente a man da irmá e lle dou as grazas polo gran labor que desenvolven. Ela indícame que non llas dea a ela, senón a Xesús Noso Señor. A punto estou de lle indicar que, por favor, llas dea ela da miña parte porque eu non o trato, pero calo. A boa monxa indícame que elas son felices así, e engade que cre que hoxe debe ser moi difícil ser feliz ahí afuera [sic].
Cando marcho, penso que o interior do cottolengo é outro mundo, descoñecido, socialmente case marxinal, sen o máis mínimo recoñecemento colectivo. Polo que sei, a institución —adicada a acoller mulleres con deficiencias mentais e sen recursos— non ten a máis mínima subvención pública.
Hoxe o que funciona, o que viste politica e mediaticamente, é que a cousa remate en sen fronteiras. Imaxinan a Pérez Touriño visitando o cottolengo ou a cociña económica? Inimaxinable. Non vaia ser…
O máis acojonante do caso é que, moitas veces, os máis duros críticos contra a institución católica están casados pola Igrexa, bautizan os seus nenos e fanlles a primeira comuñón. Ningunha destas circunstancias é, por certo, o meu caso. E digo isto último para que se me entenda.

30.9.08

Isto rebenta!

Contan que un multimillonario norteamericano dos anos vinte, sentíndose o home altruísta e con gana de desenvolver un desinteresado mecenado cultural, preguntou a certa autoridade académica de Oxford cal era a receita para ter unha universidade así. O bo do reitor británico lle respostou que, para un home de posibles, era sinxelo: dotar de edificios un campus; enchelo de dependencias, laboratorios, residencias, aulas; deseñar un plano de estudos; contratar profesores e… agardar mil anos.
Non hai nada, en efecto, que poña as cousas no seu sitio coma o tempo, ese mestre sabio, invisible, que, contra vento e marea, moldéao todo e acomoda xentes e cousas, pedras e herbas, mares e montañas ao seu destino inevitable. A historia, que é unha porción de acontecementos variados cos que, para explicar a súa inmensa vastedade, as persoas vestimos o tempo, amósanos, neste sentido, unha eterna lección de circularidade. Nihil novum sub sole quixo o latino. Canta razón tiña! Colla vostede unha moeda de 20 cts. Vale, pois, iso, vale o que custa: 20 cts. Agora agóchea baixo terra, e como coa Oxford University, deixe que lle pase o tempo por riba. Dentro de cinco mil anos, se alguén a atopa, xa non é unha moeda, é historia e o seu valor incalculable.
Na perspectiva histórica nada hai, en efecto, de novo baixo o sol e todo xira e evolúe sen solución de continuidade. Resúltanos imposible porque é agora cando o estamos vivindo, pero, quen sabe se dentro de mil anos, o crack de Wall Street e o buraco sen fondo de Lehman Bros. serán interpretados como os signos da vindeira e insoslaiable apocalipse. De por parte, teño a sospeita (e o medo, máis polos meus fillos ca por min mesmo) de que isto, amigos, non dá para máis. A voracidade deste enlouquecido capitalismo de todo vale, a prédica neoliberal de sálvese quen poida e o que non que se joda están, tal vez, escribindo os compases para que cisne lle cante á «civilización occidental» (e máis altas torres teñen caído, como ben nos ensina Dª Historia).
Tense ao emperador Tiberio, cáncamo e bujarrón, illado na voráxine de vicio que Capri lle proporcionou, como o símbolo preclaro de descomposición dun imperio centenario, que, na súa decadencia espesa e case sólida, anunciaba a oportuna e balsámica profilaxe do cristianismo. Historia.
Acaso que unha bufanda de Prada custe 400 euros ou que a clienta da petshop estea seriamente preocupada pola halitose do seu gato, nun planeta no que tres cuartas partes da poboación se revolven na miseria e sobreviven á enfermidade e a fame, sexan o síntoma co que a historia xulgará dentro de mil anos a decadencia irremediable na que habitamos.

26.9.08

Eternos lectores


«A crise non afecta aos libros porque son necesarios para o eterno lector», pensa o editor de Anagrama Jorge Herralde. Seremos, os «eternos lectores», quen de superar a crise, e, aínda máis, estará o futuro do libro —entre o crescendo imparable de cincocenteuristas e inmigrantes, máis ben pouco dispostos a gastaren cartos en libros —nas nosas mans (é dicir, nos nosos ollos)?

25.9.08

Pragmática


Por moito que esteamos afeitos aos mecanismos pragmáticos da linguaxe ―iso que se ten denominado, con acerto, o "significado invisible", o que nos leva a interpretar correctamente mensaxes como iguales precios barra y mesa ou alquilo piso a estudiante con calefacción―, por veces certas presuposicións resultan impresionantes. No cartel anunciador dunha oferta nun súper leo:
PECHUGA DE POLLO
CON HUESO FAMILIAR
Cando a señora que levaba diante, acollida á oferta, depositou a bandeixa coas peitugas na cinta de cobro, tiven que apartar á vista temendo que a caixeira lle ofrecera o fémur dun curmán envolto en film transparente.

24.9.08

Fallos fallidos

Na desavinza xerada pola impugnación do Premio de poesía González Garcés a D. Eduardo Estévez por parte de D. Xavier Lama, distingo dous aspectos diferentes: o persoal e o estritamente normativo-xurídico.
No persoal, estimo que, nas nosas relacións sociais en xeral, é inevitable ponderarmos a estatura ética dos demais en comparación coa nosa propia e xulgarmos polo tanto os seus actos contrastándoos co que nós teriamos feito en idéntica circunstancia. De xeito que, con todos os respectos para as persoas, me parece simplemente mesquiño, bastante indigno e —no que ten de inevitable «picota» social— pouco intelixente suxeitarse a unha esculca detallística nas bases para impugnar un premio concedido, entendo, en boa lide, un premio que xulga, polo demais, calidades líricas e estético-lingüísticas e non coñecementos prosaicos e obxectivos sobre o Estatuto de Autonomía ou a Lei de Procedemento Administrativo, tipo de concurso onde unha impugnación ten de certo máis sentido. Haberá, quizais, que reformar para o caso que comentamos o oportunísimo proverbio gabacho: chercher l’argent no canto de la femme?
Pero é que, a maior abundamento, a conclusión da amentada esculca detallística á que chegan tanto o impugnador, canto o tribunal xulgador e os asesores xurídicos (lagarto, lagarto!) é errada. Vexamos: a nosa Lei de Propiedade Intelectual distingue con toda claridade, e como conceptos diferentes, entre comunicación pública, reprodución e distribución: Corresponde al autor el ejercicio exclusivo de los derechos de explotación de su obra en cualquier forma y, en especial, los derechos de reproducción, distribución, comunicación pública y transformación, que no podrán ser realizadas sin su autorización, salvo en los casos previstos en la presente Ley (art. 17).
Por reprodución, a lei entende la fijación de la obra en un medio que permita su comunicación y la obtención de copias de toda o parte de ella (art. 18).
Por distribución la puesta a disposición del público del original o de las copias de la obra, en un soporte tangible, mediante su venta, alquiler, préstamo o de cualquier otra forma (art. 19, aptdo. 1). Isto é editar: reproducir e distribuír, para o cal a lei e outras disposicións articulan un conxunto de accións e pronunciamentos, entre eles nomeadamente: a asinatura dun contrato de edición (cap. II, arts. 58-73 da Lei), a indispensable solicitude do Depósito Legal —que vén a ser o DNI persoal, intransferible e característico de toda obra editada—, o ISBN —caso de se destinar á edición á venda— e, facultativamente a xuízo do autor, a inscrición no Rexistro da Propiedade Intelectual. Unha blog por tanto, non é, baixo ningún punto de vista unha edición. Unha blog é unha forma de comunicación pública, que é todo acto por el cual una pluralidad de personas pueda tener acceso a la obra sin previa distribución de ejemplares a cada una de ellas (art. 20), acto que, entre outras, pode revestir a forma de la puesta a disposición del público de obras, por procedimientos alámbricos o inalámbricos, de tal forma que cualquier persona pueda acceder a ellas desde el lugar y en el momento que elija (art. 20, aptdo. j). Ditaminar que unha blog é unha edición -e que polo tanto os seus materiais non son inéditos- é tanto como crer que unha obra de arte exposta nun museo está editada.
Con dificultades, pero podo chegar a entender o grao de indocumentación do tribunal xulgador. O que me resulta inconcibible é o ditame dos asesores xurídicos da institución convocante. Nestas mans andamos.

22.9.08

Re-lector

«Porque vivimos a golpes, porque apenas sí nos dejan decir que somos quien somos…», dicía o poeta e cantaba o cantor hai bastantes anos, aplicando os seus estro e música ás condicións sociopolíticas dun país ben distintas das de hoxe. Pero, porque a poesía é un arma cargada de futuro, velaí que unha voz poética sincera, clarividente e dura coma o pedernal segue recollendo, con esa rara inmanencia dos textos eternos e universais, a realidade dos nosos días. Ou alguén discutiría que, hoxe, a setembro de 2008, vivimos a golpes, e apenas nos deixan dicir que somos quen somos? Eu aínda diría máis (xa o teño dito antes): vivimos, xa non a golpes coa vida senón a ostias con ela. Maldicimos do traballo; do tráfico; da chuvia; da calor (raro); dos horarios; de non termos tempo para nada; de que, cando o temos, estamos tan cansos que o que nos faltan son azos; maldicimos do luns; do remate do verán; desexamos que pase o tempo pero hai mil potingues para lle botar á cara e disimular que o tempo pasa; temos síndromes do máis variado e, mentres todo xénero de cultivadores de filosofías orientais, milagrosas curas antiestrés e cuentistas semellantes fan o seu agosto, somos vítimas dunha sociedade enlouquecida onde apenas hai lugar para nada auténtico nin que fuxa da uniformidade que impón un pensamento único; en resumo: traballa cinco días e consume dous.
Neste caldo de cultivo, eu non sei se ten vostede reparado no desmesurado valor que se lle concede ao novo. Pásmame o incremento de valor que, de seu, se lle supón a todo o novo fonte ao xa existente. A sacralización social da mocidade —hoxe ser novo [cast. joven, para entendérmonos] é sagrado, debendo ser os pais e profesores os que nos acomodemos no leito de Procusto que impón a escala de valores dos dezasete anos, e alá nolas compoñamos— corre parella da canonización de todo o que é novo. Na publicidade, novo é un adxectivo repetido ata cansar, como garantía de máis calidade, mellor confección ou maiores rendementos e resultados en relación ao produto anterior. Porque, non nos enganemos, vivir ao quite de todo o novo significa, en defnitiva, consumir máis.
Eu coñezo a verdadeiras vítimas da novidade. Individuos necesitados de colgarse case perennemente da Internet para atopar o último GPS; a última tecnoloxía mp4; o ordenador máis pequeno e potente; a punta en tecnoloxía blu-ray… considerando que así son cidadáns máis modernos, informados e, por tanto, con máis caché. A síndrome dalgúns amigos e coñecidos, que os leva a devorar cinco ou seis xornais ao día e meter entre peito e espalda todo canto artigo de opinión publican, tenme conducido en ocasións a poñer cara de póquer e facer o típico comentario de carácter máis ben propedéutico —do estilo de manda carallo tamén! ou si, home, si, éche o que hai— como resposta non comprometida a alusións á actualidade de tales eruditos, que supoñen en min idéntico coñecemento, sen saberen que, no fondo e como medida profiláctica elemental, vivo alonxado do nefasto efecto de toda sorte de xornal ou revista de actualidade.
No terreo da edición, esta querencia vesánica pola novidade xa sabemos a onde conduce: 70 000 títulos e 45 000 000 de exemplares non vendidos por ano. Entra un nunha libraría e fica abafado da primeira ollada polo torrente de títulos, autores, coleccións e editoriais.
De por parte, opino que un libro, cando é bo, é coma un vello amigo, tamén cando é bo. Canto máis o coñecemos e tratamos, máis aprendemos a apreciar as súas virtudes e tolerar os seus defectos. Contra o rodillo da novidade, son máis re-lector ca lector e decostume atopo na lectura coñecida un soaz repousado e exento de expectativas, as cales, ao cabo, entre tanta novidade fican frustradas en oito de cada dez casos.
Serán os anos que me fan máis conservador? Serán. Tamén lles digo unha cousa, vendo o que se ve na bipartita feira patria: de progresistas líbreme dios que de conservadores me libro yo.

18.9.08

18 de setembro de 1917

Naceu o 18 de setembro de 1917 nunha pequena vila balnearia do país. O seu pai era o Secretario do Xulgado Municipal de alí. O seu avó, malia non ter máis estudos ca os elementais, tivera inquedanzas políticas (chegou a cartearse con don Emilio Castelar) e culturais, colaborando coa prensa da época en temas de actualidade, sociais e de opinión.
Viviu os anos da súa nenez alternando estadías cun seu tío cura, párroco dunha verde e vizosa freguesía a carón dunha ría das Baixas. O bo presbítero, home recto e grave pero afable, inculcou no pequeno unha lección inesquecible de verticalidade, esforzo e rigor, que, logo, na idade adulta todos lle recoñeceron. Fixo o bacharelato. Veu a guerra e marchou mobilizado a onde lle mandaron, sen preguntar, porque non era moito o que entendía con apenas vinte anos. Puxéronlle un uniforme de sanidade militar ―co que aparece na foto, sen saber disimular o seu rostro a congoxa― e un casco da Wehrmacht, porque Franco no 37 aínda non tiña moito avío. Foi á guerra e volveu para contalo. Tras o eschapazo que o Glorioso Movimiento fixera co maxisterio, habilitaron aos bachareis como mestres, despois dun exame de filfa. Marchou de escolante a unha aldea onde os nenos viñan andando moitos kilómétros, sen abrigo e con zocas, e alí botaban o día sen comer para marcharen despois das clases da tarde. A el dábanlle mágoa e compartía como podía o seu rancho, que tampouco era moito. Cobraba trescientas treinta y tres con treinta y tres. Logo os tempos foron mellorando e estudou a avogado. Rematada a carreira, mediando os cincuenta casou cunha moza que viñera do sur, esguía, alegre e morena coma unha dama moura, filla dun músico, morto prematuramente na flor da vida.
Puxo bufete na vila. Fóronlle nacendo fillos, ata catro. Un compañeiro de armas, que chegara a Gobernador Civil, ofreceulle ser alcalde da vila, cousas da democracia orgánica. Foino once anos e fixo o que puido. Cando tiña que ir á Vila e Corte por cousa do auntamento poñía el os cartos do peto. Levou auga, luz, pistas, escolas, a moitos recantos esquecidos do concello. No "Ano da Memoria" foi tildado por alguén de alcalde franquista. Deixou a vara e retomou, como puido tras tanto tempo, o bufete. Foi chegando pouco e pouco a idade na que os nenos fanse homes, van á universidade e finalmente marchan da casa.
Botou boa parte dos seus últimos anos facendo balance das súas vivencias e lembranzas e poñéndoas por letra nunha vella Olympia que pousaba enriba dun tapetiño verde de feltro. Cartos non deixou moitos, pero papeis!
Cando tiña oitenta e tres anos aínda non ben cumpridos, deitou o alento derradeiro, sen trompeta nin molestar demasiado, coa mesma mesura, modestia e honradez coa que fixo todo na vida. Hoxe cumpriría noventa e un.

16.9.08

...si ten cancelas

Coméntame un amigo con certa preocupación que un seu cativo de catro anos fala pouco. Non é que non fale nin se inhiba da comunicación ―o que podería facer sospeitar aos pais cousa de máis gravidade―, non; o neno fala pouco, comparado cos seus amigos e colegas de xogo. Tan rara economía expresiva conduciu aos sufridos proxenitores ―ai, fillos criados traballos dobrados!― a buscar o ditame do especialista, ditame que, ao cabo, resultou tranquilizador. Non evidenciándose dano neurolóxico nin doutro tipo, haberá que agardar. Xa falará cando lle sexa o tempo.
O asunto lembroume á máxica protagonista da marabillosa película O piano de Jane Campion ―da que se ten falado xa nestas páxinas―. A versión do país da estraña mudez da cinematográfica Ada é a do chiste clásico. Trátase do matrimonio que leva trinta anos de casados. O tipo non deu, nese tempo, palabra, coa conseguinte resignación da ―hai que supoñer― aburrida esposa. Un bo día, ao servirlle esta o café, o camándula do ghicho espétalle:
―Está frío.
A muller, sobrecollida perante tal acceso de locuacidade, exclama:
―Carallo! Falaches por fin!
E o tipo retruca:
―Hasta ajora estivo todo ben.
No comentario ao post de hai uns días, Elías, alias 'Venancio', dende México, contábame que intentou, sen o conseguir, explicar aos seus paisanos como é Galicia a base da info da Güikipedia. Eu probaría a contarlles o chiste.

Ensinar a facer libros

Hai un par de anos, ideando un marcapáxinas promocional para unha das convocatorias do Máster en Edición da universidade compostelá, e de cara a transmitir un concepto dinámico do proceso editorial, ocorréuseme sobrepoñer o verbo editar a un totum revolutum, en diferentes tipografías, de todos os verbos que designan accións dun xeito ou outro relacionados coa edición, e, por tanto, con editar. Velaí van: decidir, promocionar, coordinar, planificar, relacionar, discutir, dialogar, crear, revisar, asesorar, deseñar, dinamizar, suxerir, idear, asumir, escoitar, argumentar, delegar, promover, unificar, actualizar, contrastar, apostar, sinalizar, aprender, confirmar, maquetar, confiar, arriscar, distribuír, informar, imaxinar, propoñer, crer.
Tras tres edicións do Máster propio en Edición (non me dou ceibado da redundancia: algunha suxestión?) da Universidade de Santiago de Compostela, no vindeiro curso 2008-09 vai ter lugar o primeiro POP ―non, non pensen nos Beatles, en Warhol, Kerouac nin Prefab Sprout; POP é Programa Oficial de Posgrao, cousas dos tempos― en Edición coorganizado polas universidades de Vigo e Compostela. Toda a información aquí.
Busque, compare e se atopa outro mellor, matricúlese.

12.9.08

Devanceiros e vellos papeis

Só co tempo decatámonos de canto (ou canto pouco) debemos aos nosos devanceiros. Creo eu que será porque, pouco e pouco, nos achegamos á idade que os nosos proxenitores tiñan cando nós mesmos espertabamos á idade viril (ou feminil, segundo o caso). O eterno retorno.
Escribín hai un anaco a dedicatoria que penso estampar en certo libro de próxima saída; parte da mesma reza: Á memoria de Mario Blanco Fuentes, de quen herdei o amor aos libros. De meu pai, ademais dunha vontade imperceptible pero chea de buen rollo, herdei, en efecto, o amor aos libros, e outros afectos: o amor aos vellos mosteiros do país; o amor á lingua coa que falei con el dende os dezasete anos; deixoume tamén o agasallo do amor calado e a inatinguible lección dunha entrega que, nin nos momentos de maior sedución do lado escuro, cheguei a traizoar.
De meu pai herdei tamén moitos libros e unha morea infinda de papeis de toda laia. Levo anos descubrindo ―e mesmo dando ao prelo― papeis interesantes. Hoxe dou cun mecanoscrito que reproduce un prego rogatorio a un xuíz por causa realmente sorprendente. A sintaxe e o delicioso estilo decimonónico do texto acrecentan, ao meu ver, o valor do documento. Sei que o lin antes pero non dou lembrado onde. A fin do escrito está violentamente quebrada pola rotura do papel. Di:
Francisco Mouriño y Pórtela vecino de San Esteban de Barcia ante Vm. como mejor lugar haya en derecho Digo: Que Andrés Mouriño mi hijo difunto estuvo casado con Isabel Gil durante cuyo matrimo­nio tubieron por hijos a Juan y Benita menores de los doce y ca­torce años: tan lejos de corresponder a la fidelidad y a la santa unión de voluntades que debe reinar en tal contrato que la di­chosa mi nuera con sus impuros deseos ocasionó a su marido tan vehementes sentimientos que prestándole en cama con devoradara calentura le condujeron al frío sepulcro. Ni tan aciago aconteci­miento la despertó del letargo de la concupiscencia en que se su­miera, antes bien, mas obcecada y desenfrenada se entregó a sus sensuales apetitos y se condujo después de la muerte del marido lujuriosa y escandalosamente con diversos sujetos resultando po­nerse embarazada después de haber aniquilado la casa con las co­milonas que solía y suele dar a los Rufianes para atraerles y disponerles a sus desahogos. En medio del laberinto de sus bru­tales pasiones viendo, trataba separar a tal monstruo de mi com­pañía parece trata de acetar la tutela de mis queridos nietos para a su costa vivir engalanada mientras ellos lanzaban suspiros y llantos al cielo con el hambre. Ni yo ni Vmd. porque las Leyes lo prohiben permitiremos desempeñar tal encargo pues que las mujeres por la falta de juicio, reflexión, constancia y experiencia son inhábiles para este oficio público. Es verdad que a la Madre...

O autor do escrito era un crack. E Isabel outro.

9.9.08

Unha crise coronaria

Hai literatura que refresca coma unha laranxa e outra que anega a alma de lúgubre humidade; hai libros abertos, travesos e leviáns coma un pardal e libros de meter o medo; hai libros nenos e libros adultos, e aínda libros vellos e mancornados coma unha sobreira dura e torta. Hai autores que lle alegran a un o día e outros ―así fai un mal viño no xantar― arruínan a tarde, derraman a ledicia. Hai letras de seguir e letras de parar; textos de andar o camiño e textos de botar a sesta. Hai romances longos, letras de chover e gorecerse baixo o palio mol das nubes e romances de lobos, ouveantes e nocturnais, que claman polo sangue de alguén que non coñecen. Hai amores de libro e xenreiras de libro, vidas de libro e ata heroes de libro. Libros de verán e de entretempo; de sol e sombra; de unto e escaseza; de medio pelo e de trapillo; de estraperlo e de amosar coas mans enchidas de esperanza. Hai libros coma regatos, modestos, honrados e cantaruxeiros, e libros grandes e ambiciosos coma ríos que non queren morrer e ofenden o sal da mar.
Todos teñen seu aquel, súa sazón e seu tempo. Todos caben no maxín de quen se lles aperte. Son todos sabedores e golosos, segundo quen e cando, e onde e con quen, e como e por que e por que non.
Dun libro vello, triste, antigo anque moderno, dun autor que dorme xa no limbo da divindade baldeira e fría, teño hoxe o corpo de ficar cun pensamento: se o corazón pensara deixaría de latexar.

8.9.08

Os mundos de Yupi

Dun meu pequeno, con natureza de seu imaxinativa e marcadamente proclive á ensoñación e un certo alleamento da realidade —máxime cando lle cómpre...—, a súa nai e máis meu dicimos con ironía que vive nos mundos de Yupi, evocando co símil unha serie infantil da televisión de hai anos, hoxe felizmente esquecida. A tal punto chega a capacidade do cativo de marxinarse do entorno cando lle peta, que a súa nai estaba convencida de que non oía ben; eu —e a oportuna visita ao otorrino veu a sancionar o meu ditame— sempre mantiven que, ben pola contra, oía perfectamente; o problema é que non escoitaba, que é ben diferente.
Vendo o cotián julepe patrio, non só no que atinxe á gran política estatal e á mediana política autonómica, senón aínda a pequena, e mesmo mínima, política municipal, universitaria, veciñal, e do entorno laboral de cada quen, creo que unha condición sine qua non para encaixar canto máis mellor no exercicio usual da política do momento é vivir, coma o meu pitisú, nos mundos de Yupi. Canto maior sexa a lonxanía que se estableza entre a molesta, vulgar, ruín, túzara, importuna e ingrata realidade —que todos os cidadáns, nos guste ou non, recoñecemos como tal— e a turris eburnea do despacho e o coche oficial, máis posibilidades de manterse incólume no machito. Iso de ser honesto, coherente e veraz, e moito menos—arrenégote!!— iso de adoptar medidas impopulares no curto prazo pero beneficiosas no longo, é algo de antes, como dicir?, demodé. Penso eu —ignorante desta, malia coñecedor doutras, máis de andar por casa— que a erótica do poder debe ser como a carne humana para o tigre. Unha vez que a proba…

4.9.08

Viaje a los girasoles ciegos

Xa teño eu comentado nalgunha ocasión algo sobre os meus hábitos de lectura. Unha destas manías, probablemente a de raigame máis fonda, é a de simultanear a lectura de dúas ou tres cousas. Son un caso patolóxico e declarado de infidelidade lectora e preciso dun serrallo de libros onde, coma o sultán en práctica máis carnal, ir picando aquí e alí segundo o día, o gusto ou a inclinación do momento. Sendo, ademais, como xa declarei nestas páxinas, nictilector e somnívago, na mesilla de noite as moreas de libros compiten por veces en altura coa lámpada coa que conviven en cordial entente.
En ocasións, non moitas, esta condición de picalibros (por analoxía co máis común vocábulo picaflores), conduce ao simultaneo de textos sutil, case sibilinamente relacionados. Vexamos.
Como, supoño, a moita xente, a figura de Cela, CJC, inspírame un pensamento dobre: por unha banda, unha certa antipatía persoal ―escuras manchas no seu pasado, a súa actitude tépeda e equívoca coa ditadura, unha vaidade e prepotencia inatinguibles, o rollo un pouco cáncamo e verderolo da súa vellez…― combinada coa convicción de estar perante un narrador simplemente excepcional. Só por La colmena, La familia de Pascual Duarte e Viaje a la Alcarria, polas tres xuntas ou por calquera delas, merecería sobradamente o Nobel. Calquera das tres constitúe un imprescindible, un deses vinte ou vintecinco libros que decididamente salvaría eu da queima. O Viaje "clava" a cotidianeidade dunha España de posguerra que comezaba a aprender a dura, durísima lección do esquecemento e a desenvolver as habelencias da desmemoria necesarias para seguir adiante. A peripecia viaxeira do protagonista, desenvolta en xuño de 1946, coincide, máis ou menos no tempo, coas historias que narra Alberto Méndez en Los girasoles ciegos, colección de catro relatos que eu lin hai xa tempo, de recente novidade por mor dunha película de estrea, e á que volvín hai días, en curiosa, aínda que involuntaria coincidencia co relato celiano. Este, Viaje a la Alcarria, é un libro amable, destilado no cómodo conformismo dun vencedor. Aquel, Los girasoles, é un libro triste, magnificamente escrito por man dun extraordinario, e malogrado, narrador pero tristísimo, unha antoloxía de medos e escuras certidumes, un testemuño violentamente humano e definitivo sobre a derrota, a fin de toda esperanza e a crueldade vesánica dos vencedores.
Teño agora unha sensación estrañamente dual, algo como observar a mesma casa no verán luminoso e no ingrato inverno ou o pouso un chisco acedo que fica no padal cando rematamos de beber algo que supoñiamos máis doce. É o que ten andar picando.

2.9.08

A little bit of vanity

Un spa de luxo para as nosas mentes preguiceiras e entumecidas pola profusión de discursos tan pobres e monocordes que adoitan publicarse nos medios convencionais. Iso pensa a miña culta e sensible colega blogger Ana Bande desta bitácora. Brillante metáfora dun blog, con independencia da aplicación concreta a estas miñas indefensas páxinas. A verdade é que se trata, en calquera caso, dun spa con ben pouca mentalidade empresarial e, de certo, permanentemente a piques de peche pola súa escasa rendabilidade… Aí estamos. Haberá que pensar en ofertas de fin de semana e circuítos termais?
O alento necesario. Fondamente obrigado, Ana.