13.9.06

Unha lectura reveladora


A recreación histórica que leo estes días, Juliano el Apóstata, de Gore Vidal elucida con mestría as confusas orixes do cristianismo a través da figura do emperador que, contra a simpatía dos seus antecesores dende Constantino pola fe galilea (cristiana), abxurou do cristianismo, promulgou un edito de tolerancia –é dicir, a intolerancia era característica dos cristiáns– e alonxou os galileos do mando e administración do Estado e mesmo do ensino. Xuliano, con todo, nadaba contra corrente: o mundo helénico esmorecía e outro paradigma cultural (a idade media romano –ou románico- cristiá) xurdía. Neste sentido, e teimando na raigaña netamente histórica do cristianismo, impresionoume o seguinte treito, especialmente o argumento final.
En Eleusis, preto de Atenas, Macrina, sobriña do mestre de retórica e elocuentísimo orador Proesio, dubida perante Juliano de acollerse aos ritos iniciáticos do culto a Deméter. A tradución, por certo, ao galego é miña:

Juliano: Debedes ser admitida nos misterios, –increpeina, como xa fixera antes.
Pero ela era malvada.
Macrina: Como podo selo? Nin son unha cousa nin outra. Non quero os cristiáns por seren crueis. Non creo nos misterios nin en todo o demais porque non concibo que nada poida axudarnos tras a morte. Ou continuamos dalgún xeito ou detémosnos. Pero iso nada ten que ver co que fagamos, está alén do noso control e non hai xeito de o tratar cos deuses. Considerade os cristiáns, que cren que existe un deus único...
J: En tres partes!
M: Ben, o voso está en mil anacos. De todas maneiras, se por un acaso os cristiáns tiveran razón, daquela todo estaría equivocado –acenou cara ao Telesterion– e vos iriades ao seu inferno antes ca ao voso Eleusis.
J: Pero os galileos están errados.
M: Quen pode dicilo?
J: Homero. Milleiros de anos de verdadeira fe. Imos crer que Deus non existía ata xurdir un carpinteiro da chusma hai trescentos anos? Está fóra de toda lóxica pensar que a época máis grande da vida do home non tivo deus.

No hay comentarios: