7.9.06

De causa ignis


As fórmulas rápidas deixan, certo é, moitos espazos en branco pero teñen de bo que concentran a atención dun xeito, creo, produtivo nas puntas do iceberg, que é, ao cabo, o que se ve. O resto é material especulable.
En resumo -e como resposta á pregunta que moita xente de fóra do país formula: por que arde o monte?- pode dicirse que cando alguén pon lume ao monte en Galicia entra dentro dunha destas tres categorías (ou parcialmente en todas):
-é un tolo (a piromanía ten bases clínicas moi específicas).
-é un sinvergonza malnacido, que anda tras algún hipotético beneficio ou pretende un mal a outros.
-é un ignorante, vítima dun herdo secular de miseria, xa que non material, si mental e vital, para quen a pregunta non é por que? senón por que non?
A respecto do último argumento, teñamos en conta que un campesino holandés, noruegués ou británico saiu da miseria hai douscentos? anos. Un labrador galego, no mellor dos casos, tena á volta duns anos. Esa miseria relaciónase de maneira directa coa servidume da terra e unha xenreira visceral á improdutividade do mato.
Un amigo e veciño, pertencente a unha familia adicada empresarialmente ao trato da madeira, contábame hai un anaco que en certa bisbarra despois de que o monte arde, acostuman a dicir: agora si que se anda ben por aquí.
O inmenso hiato entre o mundo urbano e o rural é un lastre. Quédanos moito por sufrir.

No hay comentarios: