26.9.06
G
Lido en Destacados do site da CRTVG
Cambio de forma e fondo na CRTVG como símbolo duns medios públicos modernos, xeneralistas e próximos. "A galega", a nosa, a propia, a auténtica, a única, a de toda a vida, a de sempre, "a galega". Cambio integral de imaxe, con novos logotipos para a TVG e a RG, que serán visibles na pantalla, nos micrófonos, nos vehículos; novos decorados, novos platós de informativos, novas cabeceiras de programas e informativos...Novos signos de modernidade nun dos referentes da sociedade galega actual, os seus medios de comunicación públicos. "A Galega. Mira e verás"
A mensaxe non ten desperdicio. Lean: . Cambio de forma e fondo na CRTVG [...] […] a de toda a vida, a de sempre, a galega. Entón, por que cambio de forma e fondo? Non é a de sempre? Mickey Mouse, o de sempre, convertido nun corvo antipático que asusta os nenos?
Medios publicos modernos, xeneralistas e próximos. Co PP non eran públicos, modernos, xeneralistas e próximos? Non entendo nada. Quen fixo, pois, a auténtica, a única? Que eu saiba o PP leva mandando 16 anos? A TVG ten pouco más de vinte, non? [Nota: danme igual uns ca os outros, non se me alporicen].
A nosa, a propia? A de quen? A dor de ajora? (con gheada e rotacismo, así dicía a miña tía Enriqueta, en paz estea).
Canto custou esta campaña de imaxe? Era necesaria? Realmente, era necesaria? Non hai nada que se consolide alén da politiquilla cociñada nos fogóns dos asesores –líbrenos a providencia dos asesores- de imaxe? Este rollo de tantearnos, reinventarnos, reasignarnos novos corpos... sempre me pareceu cousa de xente un chisco cantamañanas, superficial, acomplexada. Este é o meu selo, signo de por aquí pasei eu. Non vaia a ser o demo que algo siga cheirando ao de antes. Non chega con entrar nas institucións coma elefantes en cacharrería, que nin os emblemas -que é como se dixo sempre ata chegar o palabro logotipo/logo- se respectan? En fin.
Por certo, ao deseñador dese prodixioso G quedoulle a cabeza descansada.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario