12.9.06

Politingüísticamente incorrecto


Na lexicografía os bois van diante do carro, naturalmente. É dicir: primeiro é a fala, é dicir, o xeito en que —a partir de circunstancias sociolingüísticas e históricas complexas— a xente establece relacións libres (e, ollo, lingüísticamente neutrais: traballar coma un negro, enganar a alguén coma a un chino, facer o indio, andades coma gitanos...) entre significados e significantes, e así unha luna é un cristal grande para escaparates, un ladrón un trebello plástico para distribuír enchufes ou unha chilena una virguería futbolística. Despois vén a norma, que, en lexicografía en concreto, quere dicir que o que fala consagrou (a isto se lle chama lexicalización) debe ir ao dicionario. Navegar, como actividade de conexión con websites nun ordenador, aínda non anda nos dicionarios pero é probable que ande en breve. Xa que logo, o dicionario non inventa nada que non exista previamente na fala. Supoño que deben ser antigas (e talvez, en efecto, unha reliquia) as acepcións centroamericanas ‘parvo’ ou ‘tatexo’ da voz gallego. Non gozo do privilexio de coñecer tales latitudes e, polo tanto, non sei da vixencia léxica desas acepcións. Talvez, insisto, sexan un fósil. Ora, de non ser así, pouco se vai conseguir quitándoas do dicionario. A norma nunca fai mudar a fala. É ao revés. Deconstruír, reescibir, poñer valados ao aire, tan de moda hoxe. Vai ser o grande éxito da política lingüística patria. Non haberá nada mellor que facer? A noticia (e comentarios) aquí.

4 comentarios:

Unknown dijo...

Totalmente dacordo. Hai que ir afastando a demagoxia política dos métodos científicos.

Non me quero extender moito, porque este debate daría para moito. Mais quen sería o órgano máis axeitado para determinar, establecer ou sacar á luz a norma lingüística, o consenso arredor dunha variación da fala? De momento, a RAE.
Non cómpre demonizar o DRAE e a Academia por extensión, xa que simplemente levan a cabo un mero rexistro do, ao seu xuízo, consensuado socialmente. O DRAE non se pode criticar porque non é dogma de fe nin crea xurisprudencia. E semella que as academias centroamericanas consideran esas acepcións como tales, como usos xa estandarizados polas súas comunidades.

Outro asunto é que a RAE, na negociación panhispánica, ben podería relegar esas acepcións un par de postos.

Saúdos, e grazas por poñer a este filólogo en vías de desenvolvemento no teu menú do día.

Anónimo dijo...

"O problema non é xa que poñan eses significados de tatexo e parvo, senón que poñan esas acepcións antes que galego coma lingua de Galicia... é dicir que "gallego" en Costa Rica sexa parvo ou tatexo ten máis relevancia que o galego sexa unha lingua romance falda na esquina superior esquerda da península ibérica, e colectividades galegas do exterior... sobre as paridas do reverte, nin puto caso"

http://colazo.blogspot.com/2006/06/prez-reverte-vs-gonzocqc.html

Anónimo dijo...

http://buscon.rae.es/draeI/SrvltObtenerHtml?TIPO_HTML=2&IDLEMA=76061&NEDIC=Si

juan l. blanco valdés dijo...

Estimado Pol, Estimado anónimo:

Obrigado por terdes entrado neste local e deixado os vosos comentarios, cos que concordo.
Pol: parabéns polo blog.
Saúdos.