6.9.06
Brión 15280. Día 6 de setembro de 2006 ás 19:46 h.
Anotación do capitán no caderno de bitácora.
Segue a calor abafante; baixou, con todo, dende onte. É unha fogaxe que non deixa facer nada, doma a vontade, anica o corpo. A penas pensar é un esforzo. Onte había unha columna de fume inmensa, coma un fungo atómico negro e torvo cara ao poñente. O sol, vermello, de lume, tras a negra cortina fixo exclamar ao meu pequeño: Mira papi, el sol parece un tomate cherry!
Hoxe a siniestra cortina de fume é cara ao leste. Xa case está extinguido a estas horas, o cal nos aforrará o espectáculo dantesco das lapas, movéndose coma carautas de sorriso cruel, na noite, hoxe probablemente iluminada de novo polo plenilunio. Cheira a calor, a verán que agoniza pero –como todo– non quere morrer.
Acabo de rematar a lectura dun libro que me encantou: El curioso incidente del perro a medianoche do exitoso escritor británico Mark Haddon. Todo un ensaio sobre o valor das nosas convencións relativizadas a través da óptica dun neno autista. Escoito High Plains -imprescindible para identificar música e paisaxe calma-, de Philip Aaberg a quen, sen o el saber, debo tanto.
Oio voces lonxanas, ladrar de cans, chapoteos de xente na piscina…
Vaise un día máis, mansa, timidamente. Mañá amencerá de novo. Será unha xornada importante: o primeiro día do resto das nosas vidas.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario