7.7.08

Volksgeist

Os nazis, propietarios do copyright de moitos disparates, crían que o Volksgeist, a alma dun pobo, manifestábase nas máis sublimes obras, nas máis elevadas producións do espírito. Así é que, cando Himmler escoitaba a obertura de Tannhäuser, miraba as pinturas de Friedrich ou visitaba a estatua de Gauss en Braunschweig chegaba a éxtases probablemente inacadables por outros procedementos, alimentando con ricos nutrientes a parvada de que os arios estaban, en efecto, chamados a ser os amos do mundo por dereito.
Eu sosteño exactamente o contrario. Son os feitos máis cotiáns, con seguridade os máis prosaicos, vulgares e aínda pedestres e toscos os que con maior elocuencia falan da alma dun pobo. Qué maior expresión de españolidade ca a deliciosa resposta No le está. Salió al café cando se demandan os servizos dun funcionario público? Qué máis deliciosa declaración de galeguidade que ese le representante sintáctico do noso queridísimo" dativo ético o de interés"?
Hai, creo, certas expresións ligadas indisolublemente ao Volksgeist dunha nación, dun país, dun pobo, dunha vila. Por seguir con exemplos especialmente senlleiros, reputo que non existe manifestación máis prístina de compostelanidade que certo argumento propio do comercio, que terá vostede escoitado máis dunha vez. Poñamos que, nunha mercería da zona vella de Santiago (desas que, nas rúas ou na Algalia, seguen chamándose, paradoxalmente, «Novedades»: «Novedades Carmiña», ou así), pedimos un botón co que repoñer unha maltreita "blazier", por meses esquecida na recámara da roupa estival. Cando me espetan:
-Ay, no -e, tras chascar a lingua-: Yo es que este tipo de botón no lo trabajo.
teño que resistir a duras penas a tentación de botarme ao pescozo da mercera e non lle propinar dous besos, por facerme partícipe de tan fastuoso sentimento de pertenza a unha colectividade. Se engade, como colofón:
...no lo trabajo, mi rey.
entón o goce elévase a niveis de bomba de palenque. Iso é Volksgeist e non Wagner.
N.B
.: Hoxe teño apuro e non me dá para máis o caletre. Outro día seguimos coas manifestacións da alma popular. Para isto, a miña vila natal, A Estrada, é unha especialidade. Abur (de présa)!!!

2 comentarios:

Ana Bande dijo...

Cando se mesturan saber e sentido do humor saen estes post seus que lle fan esquecer a unha funcionaria en toda regla ata a sacrosanta hora de ir tomar o café. Está vostede inspiradísimo, mimá, da gusto lelo.

juan l. blanco valdés dijo...

Vostede, que me ve con bos ollos... Por San Juan Ante Portam Latinam, avogado e patrón dos impresores, que se esquece vostede a hora do café, iso é grave! Non me responsabilice, por favor!