31.12.08

Feliz 2009

Quero aproveitar os últimos momentos do ano lembrando a Voltaire: à force de s'occuper des choses urgentes, on oublie les choses essentielles. Cando as cousas urxentes me abafan, procuro lembrarme das esenciais. É unha boa terapia.
Deséxolle, querida amiga, querido amigo, que, tocante ás cousas esenciais, teña vostede o mellor en 2009. O demais son ganas de tocar a paletilla. Feliz ano.

30.12.08

Para bellum

Na miña opinión, unha das mutacións máis cruciais que se produciron na difícil e lenta progresión histórica da civilización occidental ata o presente é o papel da violencia e a guerra. Un monográfico recentemente publicado por nós trata moi oportuna e incisivamente, entre outros temas, o da necesaria función da social que ao longo da historia xogou a violencia individual, de intensidade menor, como compensadora de inestabilidades que, de se conteren, terían consecuencias colectivas de intensidade moito maior. A mutación da que falo podería resumirse, talvez de xeito excesivamente panorámico, neste aserto: ata a invención do Estado de Dereito e a democracia, en 1789, os pobos de Europa vivían para a guerra, a violencia e o sufrimento, e estes eran os alicerces da súa existencia. Non quero dicir, claro, que dende entón non se produciran en Europa acontecementos bélicos espantosos e, por razóns tecnolóxicas, de consecuencias moito máis devastadoras dos que tiñan acaecido ata entón. Falo, como dixen, dun lento progresar da filosofía social imperante cara ao recoñecemento do carácter esencialmente anómalo da guerra. Para nós, a guerra é, ou debe ser, a excepción, un estado de anormalidad colectiva do que é preciso saír canto antes. Así, unha guerra contemporánea ten -máis ou menos- unha duración: 1914-1918, 1936-1939, 1939-1945. Na Idade Media e boa parte da Moderna, a guerra era unha situación permanente, unha maneira de vivir: os nobres, xerarquías da Igrexa e militares as provocaban e os servos e simples as aceptaban como o estado natural do mundo; os enfrontamentos bélicos sucedíanse entre as nacións sen solución de continuidade de xeito tal que o intento de acoutación cronolóxica dalgúns destes enfrontamentos produce exemplos autenticamente espeluznantes: a guerra dos Trinta Anos, a guerra dos Cen Anos. Nós, ademais, habitamos unha sociedade analxésica que, como lóxica consecuencia do estado do benestar, ten desterrado a dor e instituído o hedonismo, a comodidade e a absoluta ausencia de sufrimento como pautas de vida; en contraste, a vida dos nosos devanceiros estaba marcada a nefasto lume pola enfermidade e o sufrimento, no mellor dos casos, e pola enfermidade, o sufrimento, a fame, o sometemento e as privacións, no peor.
De entre a permanente e nutridísima oferta editorial de evocacións épicas da Idade Media -dalgunha especialmente memorable xa se deu conta nestas páxinas-, quero destacar hoxe un romanzo storico moi notable, El sordo rumor de la batalla (Il sordo rumore della battaglia, Bompiani, 2002), publicado en 2008 por Alianza, o seu autor Antonio Scurati. Situada cando o século XV agoniza, e no contexto do belicismo de Carlos VIII de Francia contra os estados de Italia, a novela de Scurati non se queda na epiderme dos acontementos, algo, mutatis mutandis, repetido ata a saciedade en best-sellers de infame recordación. O autor, con habilidade obvia e documentación abrumadora, desenvolve un mundo real, subxacente á linealidade e ausencia de arestas da épica, un mundo feroz onde as persoas sofren, senten medo, dor e angustia como resposta absolutamente humana á unha brutalidade elevada a norma de conduta. A irrupción das primeiras armas de fogo por parte do exército francés serve a Scurati para evocar dende a atmosfera da soldadesca cambios que, como o propio Renacemento -telón de fondo da obra- aos poucos van definir a guerra moderna, o mundo moderno: el viejo sol de los caballeros errantes, que brilla en una tierra sumida en las tinieblas de la brutalidad, se aproxima al ocaso, pero el mundo renace en el esplendor de una humanidad renovada por las obras de su intelecto (p. 307).
Xa que o tempo é un abismo insondable, ben podía ser que eu e máis vostede naceramos no século XV. Oíndo ecoar ao lonxe o xordo rumor da batalla, sáeme da alma exclamar; que sorte tivemos!

29.12.08

Cousas do corazón

Unha vez propuxéronme afiliarme a unha Asociación de Estradenses en Compostela. A verdade é que a existencia de tal asociación pareceume sorprendente e un chisco esaxerada, pois é o certo que este tipo de corporacións atopan o seu alento na lonxanía física da patria chica dos asociados en relación co seu lugar de residencia. Velaí como naceron todas as asociacións e centros galegos do exterior, nomeadamente en América e, en menor medida, en Europa. Pero convocar en liga fraterna a cidadáns que residen a escasos vintecinco quilómetros de onde naceron tiña no seu propio xermolo a semente do fracaso, creo eu. Cando menos, non teño noticia da vida actual da tal asociación.
Ora, dixen lonxanía física e dixen ben. Porque hai outro tipo de lonxanías. A vida, que é unha congostra revirada de cojones, vainos levando sen pausa por novos vieiros e privando aos poucos dos nosos referentes primeiros, daqueles factores que nos moldearon en idade temperá, cando callan os afectos e as impresións: os nosos proxenitores, os nosos amigos da nenez e mocidade, os lugares, casas, rúas, carballeiras e paisaxes onde se desenvolveron os anos que, agora estrañamente, nos parecen tinguidos pola luz dourada da felicidade. Naquela campa onde a herba caía suavemente ata o río e pasabamos tantas tardes do verán hai agora unha urbanización. A casa da señora Secundina é un pub. O banco da alameda onde sentimos a densidade do primeiro bico na boca foi substituído por unha construción de cemento, onde menudean botellóns, mexadas e pintadas de grafiteiros e rapers. A vida.
Por iso, para combater esta outre sorte de lonxanía, menos física pero máis emocional, é bo non perdermos as anclaxes coas nosas raíces.
Hoxe presentamos o volume 11 da revista A Estrada, Miscelánea Histórica e Cultural, que me honra coordinar do punto de vista editorial. Non obteño nada a cambio, non cobro por iso, pero o fago co entusiasmo do mercenario, con maior entusiasmo, mesmo, ca outras cousas das que podo obter un beneficio máis material. Xa saben, estas cousas que tocan o corazón...

27.12.08

O Padre Brown e as metáforas

De todo amante das boas producións audiovisuais son coñecidas as extraordinarias adaptacións que a BBC realizou de obras literarias memorables. A contención e unha cauta e intelixente administración das posibilidades expresivas do medio televisivo fronte ás do canal narrativo fixeron dalgunhas destas adaptacións inesquecibles fitos da historia da caixa tonta.
Seica a Robert Graves lle molestaba sobremaneira que, nas entrevistas, se lle inquirise sobre o éxito sen precedentes da versión televisiva da súa, ata aquel momento minoritaria, novela Eu, Claudio. Pero, con cabreo o sen el de don Roberto inglés, o certo é que a serie na que Derek Jacobi "niquelaba" o rol do pobre Cla, Cla, Claudio, humillado, feo, humilde, coxo pero máis listo ca todos os que o arrodeaban, é un icono cultural dos anos setenta e un fito indiscutible da historia da televisión. Neste país noso, onde facemos coña de todo, dá indice de ata qué punto a serie foi popular, un jeu d'esprit daqueles anos que consistía en preguntar, facéndose o olvidadizo, o seu título. Cando o interpelado respostaba:
-Yo, Claudio,
o coñero correspondía:
-Yo Juan, encantado.
Outra serie daqueles anos, a anos luz da popularidade da adaptación das novelas de Graves, foi O Padre Brown, producida pola BBC en 1974 e protagonizada por Kenneth More.
Gusto moito do miúdo sacerdote británico de Societate Jesu metido a detective creado polo maxín burlón, crítico e fondamente humano de Gilbert K. Chesterton, a miña admiración polo cal foi xa manifestada nestas páxinas en ocasións diversas. O mesmo feito da condición católica do presbítero é un retranqueiro guiño á purista ortodoxia anglicana de que o católico "converso" Chesterton se ría para os seus adentros.
Disque unha imaxe vale máis ca mil palabras. Alto aí! Dou fe de que en ocasións non é así. Un dos relatos que máis aprecio do digno presbíterio chestertoniano é A honra de Israel Gow ("The Honour of Israel Gow", The Innocence of Father Brown, 1911), que ten lugar nas Highlands escocesas.
Nas primeiras liñas do relato hai unha extraordinadaia metáfora sobre o medio físico da trama, que ficou gravada no meu imaxinario particular no mesmo momento en que a lin (calculo que por volta dos trece ou catorce anos), unha metáfora que revivo tantas veces contemplado esta atlántica terra verdegrís na que habitamos:
-A stormy evening of olive and silver was closing in... ("Caía a tarde, unha tormentosa tarde cor de aceituna e prata...")
Vale máis unha imaxe ca mil palabras? Aceituna e prata, dúas palabras que valen máis ca mil imaxes.

24.12.08

Holmes e Watson de cámping

Sherlock Holmes e o Dr. Watson foron unha vez de cámping. Contra a tardiña cearon e, despois de trasegar unha boa botella de viño, foron deitarse á tenda de campaña. De aí a unhas horas, no medio da noite, espertaron e Holmes interrogou a Watson.
-Prezado Watson, que deduciría Vde. do que estamos vendo?
O interpelado, decidido a impresionar ao detective coas súas dotes deductivas, contestoulle:
-Astronomicamente, deduzo deste impresionante espectáculo que existen millóns de galaxias e, xa que logo, billóns de planetas. Astroloxicamente, vexo que Saturno está en conxunción con Leo. No cronolóxico, infiro que deben ser aproximadamente as 4:20 da madrugada. En termos teolóxicos, creo que a magnificencia e poder do noso Creador son abrumadores comparados coa nosa insignificancia. Meteoroloxicamente, en fin, deduzo que mañá será un día limpo de nubes e caloroso.
E vostede, amigo, que pensa do que vemos?
-Penso que cada día es máis gilipollas, Watson. Roubáronnos a tenda de campaña.
:) :) :)
Cun sorriso, envío a quen visite este local os meus mellores desexos de ventura, esperanza e paz neste Nadal.

21.12.08

Conto de Nadal

Cóntase que, nos escuros séculos altomedievais, cando o latín vulgar non se distinguía xa das variedades protorrománicas das nacións neolatinas, os párrocos consagraban In nomine patris et filiae, e non por se abandeiraren cunha nova herexía que promulgaba ser Xesús Cristo muller, senón por esqueceren o latín. Mutatis mutandis, un cristián de hoxe, desexoso de resultar politicamente correcto, debería actualizar consonte os tempos algúns principios dogmáticos da súa fe, malia o risco máis ca notable de caer en herexía. Deste xeito, a sentenza que sanciona a imprevisibilidade dos designios divinos, convenientemente actualizada, sería Os camiños do/a Señor/a son inescrutables, ou aínda Os camiños d@ Señor@ son inescrutables.
Pero, cristián ou non cristián, e sen ánimo de meterme eu a gobernar casas alleas, si que resulta ben certa a sentenza cando aplicada á natureza impredicible, para o ben e para o mal, das nosas actividades e as súas consecuencias. Este post quere ser un tributo de esperanza para un querido amigo, á grave enfermidade da cal débolle a idea para a cuberta dun libro que se me viña resistindo nos últimos días. Xa ven qué cousas.
É o caso que, insomne a outra noite pola desazón que me produce a lastimosa situación do meu amigo, farto de dar voltas no leito e desexando poñer a cabeza en sitio distinto á causa da miña angueira, din no libro dichoso e na última proposta de deseño para a cuberta, que non me convencía en absoluto despois de varios cambios; era a idea a que non funcionaba. Como cando o día está de pulgas non vale mudar de camisa, vin claro, con esa clarividencia do pensamento puro que só se consegue en conversa coa almofada, que tiña que cambiar radicalmente o chip. Meu dito, meu feito. Unha vez instalado nunha idea totalmente nova, á que cheguei tras a aplicación de diferentes criterios teóricos, o resto era doado: ir encaixando as pezas (título, subtítulo, nome do autor, ilustración...). O conceto, que dicía Manquiña, en expresión canónica, no film clásico. Modestamente, creo que a cuberta quedou ben pintadiña.
Sempre que a vexa pensarei no meu caro amigo. A el, e á súa pronta recuperación, irá sempre adicada no meu corazón e no meu pensamento.
Bo Nadal.

18.12.08

Volver a Maupassant

Signo inequívoco da rareza do seu propietario, ocupan lugar de preferencia neste local aqueles autores que fixeron da heterodoxia profesión (Borrow), personaxes nos que campa a extravagancia (Ignatius Reilly, custodio), obras vertebradas pola anomalía (Lovecraft) e o insondable misterio da noite e o que se nos oculta (Le Fanu & Co.) ou, en fin, editores do bizarro (Valdemar). Un pouco de todo isto ―heterodoxia, extravagancia, anomalía, noite, o que se nos oculta e bizarría― ten Guy de Maupassant, contista de gálica nación e adoecido de mal gálico, sometido á tiranía atroz da migraña, depresivo crónico e probablemente un dos autores que con máis transparencia e sinceridade teñan nunca dedicado a pluma a glosar, non a ledicia de vivir senón o sufrimento insoportable da existencia. O seu conto Suicides (1880), escrito doce anos antes do seu intento de suicidio, é un alegato terrible contra a inanidade da rutina, a insubstancia do máis extremo aborrecemento, o baldeiro da soidade.
Maupassant abandonou para sempre o maldafado valdebágoas no que viviu aos corenta e tres anos da súa idade. Nacera en 1850, un ano despois de falecer Edgar A. Poe, o xenio, con quen tantas concomitancias ten. Cultivou unha grande amizade con Flaubert, bastante maior ca el; en Seul! afirma:
Gustave Flaubert, un dos homes máis desgrazados deste mundo, razón mesma pola que foi un dos máis lúcidos, escribía esta frase desesperante a unha amiga súa: «Todos vivimos nun deserto. Ninguén comprende a ninguén».
Non coñezo a obra novelística de Maupassant, pero entendo que, cando a posteridade deu absoluta preferencia á súa faceta como contista, por algo será. Aprecio especialmente a concentrada intensión dos seus relatos curtos. Unha estratexia narrativa de insólita elasticidade e unha intelixente administración da primeira persoa e a corrente de conciencia permiten aos seus contos pactaren co lector a oferta de compartir a intensidade das súas emocións, nunha siniestra gradación que vai da inquietude ao temor, da angustia ao medo, do terror ao paroxismo do suicida.

A perennidade de Maupassant reside na universalidade das súas teimas patolóxicas e destrutivas obsesións. Porque, quen non leva en si un Horla?

16.12.08

Retranca

Unha das cousas que converte un blog nunha experiencia comunicativa engaiolante é a absoluta impredicibilidade (perdón polo palabro) dos comentarios, pareceres e puntos de vista que os posts nel publicados poden suscitar. Dixen un blog e dixen mal; debera dicir este blog, ou mesmo, algúns posts deste blog, pois entendo que os blogs de liña máis exclusivamente profesional, de actualidade social, política ou cultural, crítica literaria, etc., pola súa propia natureza acoutan ou perfilan moito a natureza das reaccións lectoras. No meu caso, entendo que como derivación talvez dunha tendencia innata á dispersión e o barroquismo, non sei, de verdade, cómo fago para comezar un post falando da batalla das Navas de Tolosa e rematar dando coa fórmula I. Unha lectora benévola dicía que esta bitácora é coma unha sorte de fío que se vai desfacendo para un lado e para outro, ao estilo daquel borgiano xardín de sendeiros que se bifurcan.
De xeito impredicible, pois, o artigo derradeiro estimulou, por razón máis de verba ca de re, algúns comentarios interesantes sobre a ironía, especialmente na escrita, pero tamén no seu directo vencello coa «alma galega», iso tan caro a nós que adoitamos chamar retranca, verbo da cal se ten reflectido moito e moi fondamente, e ata escrito auténticos tratados.
Di o meu fiel amigo anónimo que a administración da ironía pode fracasar debido á ausencia de compenetración entre emisor e receptor, o cal se fai moi evidente cando un galego retranqueiro fala cun tipo de fóra. A respecto de tan fina apreciación, teño eu reflexionado tamén, chegando á conclusión ­provisional­ de que a retranca vertebra o noso sentido colectivo do humor, ao punto de establecer, en efecto, fronteiras infranqueables para os non nativos, moi especialmente, falando da casa común española, para os íncolas da ruda estepa castellana. Hai un conto que, ao meu modo de ver, destila a máis pura retranca, non no chiste de seu, senón na reacción que busca provocar no receptor, unha reacción que sería difícil de definir. Sosteño, polo demais e en consecuencia do devandito, que é pouco probable que un non galego lle atope graza á cousa.
Trátase dun cuatrero no Far-West que é natural de Mondoñedo e anda por alí polo Oeste roubando nas vacas pero sin puta idea de inglés. A cousa é que o pillan e aplícanlle por vía directa a lei de Lynch. Arrodeado o pescozo coa corda fatal, o executor dá o golpe ao tallo que o apoiaba no chan e alí queda o tipo dependurado. Nisto, o xuíz lembra que non se lle permitiu declarar a última vontade e automaticamente agarran ao meu home e sácanlle a gargantilla de esparto. O tipo, que non entende nada, aliviado bota man do pescozo e exclama:
-Cajondiós, pensei que afojaba.
Ben certo é que se Deus non ri, non é home de humor.

14.12.08

Construtivamente radical

Nun país onde se badúa tanto coma neste, cheo de "presenteiros" e figuróns que non teñen tempo de sentarse a traballar de tanto traballo que teñen -se vostedes me entenden- e de tipos mancornados e sinuosos que din si cando pensan non e agora cando pensan nunca, aprecio dun xeito moi especial a xente directa, executiva, que vai ao caso e non ten pelos na lingua e, sobre todo, que traballa no canto de andar todo o día en saraos, comisións, consellos, presentacións, academias, feiras, feiróns e verbenas varias.
En certo órgano colexiado ao que eu pertencín, no que se dirimían delicadas cuestións que por veces esixían botar man dunha linguaxe eufemística ata o requintamento, había un membro desta bendita natureza. Se alguén argumentaba:
-Tal como está, o orixinal adoece dunha certa falta de estrutura interna e habería que sometelo a unha notable revisión estilística e, tamén, dalgúns aspectos de fondo mellorables,
este fenómeno replicaba:
-O que ti queres dicir é que o orixinal é unha merda, ou non?
En efecto, o que o argumentador quería dicir era que o orixinal era unha merda.
Boto moito en falta este tipo de persoas construtivamente radicais e penso sinceramente que outro galo nos cantaría se abondasen máis. En troques, e por desgraza, na nosa clase política -caracterizada pola única obsesión de permanecer no machito e non meterse en problemas- curiosamente, a executividade vai reducíndose na mesma medida en que se incrementa a xerarquía e capacidade de decisión.
Contábame o outro día un excelente maquetista, e mellor amigo, que unha vez se lle revelou por boca dun seu colega o xeito de rematar co 70% dos problemas técnicos en edición. Dicía:
-O que había que facer é non permitir aos autores que revisen as probas, que logo chegan cheas de correccións.
Construtivamente radical.

12.12.08

Homes e novas tecnoloxías

Onte pola noite, estabamos a miña muller e máis eu falando das cousas da vida e máis da morte. Díxenlle:
-Querida, pase o que pase, nunca se che ocorra deixarme en estado vexetativo, dependendo de máquinas, líquidos e botellas; se me ves nese estado, desenchufa todos os artefactos e déixame morrer.
Ela miroume con expresión de asombro e… desenchufou o televisor, o ordenador, o iPod, o móvil, a playstation, e quitoume a cervexa.
Case morro!

10.12.08

Divina imperfección

Unha boa amiga sostén unha tese digna de toda consideración. Cre que o aséptico automatismo e a implacable perfección dos ordenadores inflúen de xeito definitivo nas nosas vidas ao punto inevitable de agardarmos, cando non esixirmos, idéntico automatismo e perfección en todo o que nos arrodea e, o que é máis grave, en todos os que nos arrodean. Dío a miña amiga dun xeito moi gráfico:­
-Queremos que os nenos sexan coma os ordenadores. Daslle a intro e, ala, a comer, ou á ducha, ou á deitarse.
O malo, claro, é que os seres humanos non temos, de momento, tecla intro. Aínda que, como ben sabemos dende Verne, Huxley e Orwell, todo se andará, de momento non temos tecla intro, e as cousas son bastante máis complicadas para os nosos discos duros e ram's ca para as dos nosos portátiles, moito máis dóciles e guiados. Sexa como for, é claro que, tendo confiado aburridas e onerosas rutinas pero tamén especializadísimos traballos técnicos ás máquinas informáticas, vivimos afeitos a un nivel moi elevado de competencia , efectividade e, mesmo, unha sorte de robótica pureza.
Non sei se vostede o percibe coma min, pero sinto que a nosa é unha sociedade que odia o defectuoso. Nun movemento de dirección paradoxal (no senso da plasticidade da que falaba hai uns días), ao tempo que se refina a sensibilidade colectiva a respecto dos discapacitados, marxinados, anciáns…, a sociedade sataniza a enfermidade, o olor corporal, a fealdade, a gordura… no entanto sacraliza, dun xeito por veces intolerable, a beleza, a delgadez, a mocidade, e esa perfección física que se quintaesencia nos modelos de pasarela, que, cando desfilan, semellan que se van escarranchar.
Creo que as cousas antes non eran así. Viviamos reconciliados cos defectos e, trocando o comido polo servido, dabamos por bos indesexables efectos colaterais. O defecto era, ademais, consubstancial ao afecto. A neve dos vinilos­, por exemplo­, ese ruído chasqueante e característico dos elepés de toda a vida, derivado da electricidade estática, ía acrecentándose canto máis nos gustaba o disco. O deterioro ennobrecíase ao adquirir algo así como a marca do amor. O afecto polo disco medraba, ademais, coa espera. Lembro con canta ilusión recibía os paquetes de Discoplay semanas despois de ter cursado por correo postal o pedido. Hoxe a música, coma tantas cousas, non se fai esperar ­-eMule, Ares, MySpace, YouTube…­ -e, no seu soporte dixital, é perfecta, sen o máis mínimo ruído de interferencia; se escoitas un piano, dá a sensación de que tes o pianista e o Steinway alí ao ladiño.
O outro día o maior meu, 14 anos, interesouse, sorprendentemente, pola miña colección de vinilos. Faleille con afecto dos meus inicios musicais e do desenvolvemento progresivo dunha melomanía indisolublemente unida a esa colección de elepés. Seleccionei algún, especialmente amado por min, e, expectante polo resultado, puxen no phono Marions les roses do grupo Malicorne, un «maio» a capella autenticamente escalofriante, que talvez vostede recorde. Ben supoñía eu que a diferenza xeneracional había ser barreira infranqueable para que lle chegara ao rapaz sequera unha parte mínima do meu fetichismo, pero o resultado foi peor do que agardaba. Díxome, simplemente:
-Pffff, se oye fatal.

8.12.08

Plasticidade

Poucas cousas sopréndenme tanto como a infinita e contraditoria plasticidade do ser humano. Un moralista chamaría a esta plasticidade ausencia de ética; un radical, moi satisfeito coa solidez dos seus principios, incoherencia; un fundamentalista, traizón. Eu, que me teño por persoa razoablemente intelixente ― é dicir, non son moralista, radical nin fundamentalista― vou deixalo en plasticidade.
Coñecín un tipo, de idade provecta, que, en certa conversa en que mediaban con largueza as xerras de pilsen, defendía con insólito e un algo extravagante ardimento a democracia de Adenauer como a idade de ouro da Alemaña contemporánea. Pois ben, este tipo fora membro efectivo da Escala de Protección nacionalsocialista (Schutz Staffeln, organización máis coñecida polas súas tétricas siglas). Pásmame que a capacidade e entusiasmo coa que en Occidente organizamos foros internacionais pola integración e contra o racismo teña o seu paralelo no empeño e a cantidade de diñeiro que podemos adicar a mercar un can de raza, parecéndonos de mindundis pasear un pobre chucho descastado e carente de pedrigrí, que na súa miseria racial semella parangonar a económica do seu amo. É así que, no camiño inescrutable do eufemismo ―que non é máis ca pura prevaricación lingüística―, cando se nos pregunta pola raza do cadelo, coma quen avergoñados, botamos man de expresións mitigadoras da abochornante impureza do noso can, mesmo remitíndonos á dubidosa nobreza de escuros devanceiros:
-Bueno, é mestizo, ou sexa, híbrido, pero ten algo de grifón pola familia da nai. Nótaselle ben no fociño, ho, que o ten peludo coma os dos grifóns.
(O fociño do can, con catro pelos, é o dun palleiro de puta madre e para verlle o grifonismo hai que lle botar unha imaxinación de carallo).
En fin, o caso é que, por moito que nos consideremos incólumes e verticais, está na nosa natureza mudarmos di acento e di pensier, e o mesmo a dona ca o varón. É curioso, ademais, cómo o só poder da convención, dunha sorte de acordo tácito é quen de outorgar carta de natureza a tan grandes incoherencias. Así é que a pomba―en realidade unha especie de endémica e parasita rata voadora― é símbolo da paz, no canto, non sei, dunha curuxa, bastante máis pacífica, ou dunha pega rabelá. Hai pouco falábase neste local dun concurso para promover entre os escolares valores positivos na relación cos animais non humanos, expresión, polo demais, que quintaesencia a máis exquisita estupidez,esta si, humana. Claro é que por animais non humanos entendemos fundamentalmente cans, gatos, monitos, paxaros de gaiola, cabalos… Pero e os porcos? Tamén se promoven tales valores cun futuro lacón? E os ratos? E as ratas? Ah, as ratas! Sabemos moi ben, polo tanto, qué hai que etiquetar baixo a vitola animais non humanos cando se fala de promovermos valores de respecto cara a eles.
Hai un spot da G(alega) que me parece absolutamente plástico, irreverente e irrespectuoso, pero, sobre todo, fonda, fondisimamente galego, con ese primitivismo clásico do país, que sublima moitas tonterías modernas e ecoloxías de gardarroupa na bastada máis rampante. Un tipo cunha pinta de lacazán de cojones está nunha palleira arrodeado de ratas que, felicísimas, papan traizoeiro xamón dun prato. Mentres colle unha e a tira patrás coa maior falta de respecto cara a este animal non humano tan querido de todos, exclama:
-Ratibróm mata o rato cabrón.
We are the champions. Os putos champions,

5.12.08

500 fragmentos

Este post fai o número 500 dos publicados nesta bitácora. Alá vai unha morea de historias, lembranzas, narracións, noticias, curiosidades, cabreos, dúbidas, nostalxias, rexoubas, intuicións, pensamentos, opinións, contos e pareceres. O que comezou vai para tres anos coma un experimento de non se sabía qué (supoño que como a maior parte dos blogs), foi consolidándose -consolidándose cando menos para min- coma un espazo de creación e reflexión que, como o fillo que é, dá unha guerra de cojones pero se lle quere moito; un espazo de creación e reflexión que, nesta altura, levaría morto moito tempo de non ser polo afecto e alento de cada visita, de cada comentario, de cada achega de todos os benévolos visitantes deste local.
A miña palabra de hoxe é, simplemente, grazas. E adiante.

4.12.08

Non sen mamá

É moi humano etiquetarmos as cousas para entendelas mellor. Pasa, por veces, que o etiquetado constitúe unha realidade bastante heteroxénea que, curiosamente, gaña en homoxeneidade consonte pasa o tempo e a visión a posteriori vai limando as arestas e mitigando as disonancias que, en orixe, o fenómeno tiña. Esta constatación paréceme especialmente oportuna cando a etiqueta que usamos é a de xeración. Así, hoxe damos por sentados unha cronoloxía, uns principios ideolóxicos e un elenco de nomes máis ou menos sistemáticos para o que empaquetamos baixo o rótulo Xeración do 98, Xeración do 27 ou Xeración Nós. Coa vitola así cohesionada, e facendo pois tabula rasa de grandes diferenzas e distancias, relacionamos, aínda, lugares, textos, libros e revistas especialmente significativos, influencias, intertextualidades, momentos e mesmo institucións e incluso edificios (nalgún caso, como o da Residencia de Estudiantes e os poetas do 27, nunha sorte de indivisa res entre a institución e a casa física en canto tal). Este é un problema moi estudado pola teoría da literatura e ben pouco podería achegar este leigo, para quen a fondura do asunto graecus est, non legitur. Pero sérveme de introito a unha reflexión acerca dun tema que, como pai, me afecta por modo directo. Xa temos, polo visto, etiqueta para rotular aos fillos da opulencia: a xeración tupper, en metonímica pero gráfica, e obvia, referencia á natureza dos recursos dos se valen os seus membros para sufragar o mantemento, a saber, prolongar sine die a dependencia co fogar familiar en idade á que deberan ser por demais independentes. Dependencia co fogar e co financiamento familiar, claro. Un sociólogo (qué medo!), analiza esta situación de stand-by nun libro que, co significativo título de La voz de los adolescentes, vén a concluír que a pubertade comeza antes e remata despois nunha evidente prolongación da adolescencia.
Penso, en liñas xerais, que o asunto é moi simple e non hai tampouco que lle buscar tres patas ao micho. Por que quería eu arrancar canto antes da casa familiar? Bueno, viviamos seis persoas nun piso de 70 m2, sen apenas espazo para a intimidade e compartindo os irmáns, por suposto, alcoba; aquel piso, como a maior parte dos da época, non tiña calefacción; por outra banda, os meus queridos pais —marabillosos proxenitores ao punto de crer imposible a existencia doutros mellores— eran, iso, pais, e de tal exercían cunha auctoritas en todo momento indubitada e sinalando nas relacións cos seus fillos unha clara liña fronteiriza que, en ningún momento, podía ser sobardada. En contraste, os meus fillos viven nun chalé adosado de 300 m2, con xardín, enorme terraza, piscina e canchas de deporte fronte da casa ; teñen cadansúa alcoba, ordenador e telemóbil, PS2, dvd’s, dúas televisións e os seus pais son, máis ca pais —que tamén, eh, e a duras penas— os seus colegas. Onde van vivir mellor?
A cousa, polo demais, non é completamente orixinal destes tempos. Cando o fenómeno abrollaba, a xenialidade de Chumi Chúmez intuíu en canónica viñeta unha evolución que agora se confirma:
-Papá, he decidido independizarme económicamente. Vete de casa.

3.12.08

Hasta los...

Hoxe, un opinador de moita máis proxección pública ca este modesto blogger —opinador a quen, alén de respectar etica e intelectualmente, quero moitísimo—, contrapón a política con maiúsculas, esa que no vasto mundo decide o futuro da humanidade, á política doméstica, xa non direi con minúsculas, senón aínda de pésima caligrafía, que día a día desenvolven na escena patria os nosos representantes e gobernantes provocando xeral bochorno e un rexeitamento colindante coa náusea. A enerxía que se lle pode adicar a este lío estúpido e extenuante dos crucificos, a retirada dos honores ferroláns a Franco Bahamonde e a ministra de Educación que endosa ao franquismo o xermolo da violencia machista —máis da metade dos maltratadores son estranxeiros— son pérolas da intelixencia e dedicación absoluta dos nosos políticos aos problemas candentes e reais da peña, secundados por un xénero de cidadán hispánico nidiamente caracterizado por non ter nada mellor que facer.
Vanme disculpar a inmodestia, necesaria, en calquera caso, para o meu argumento. O meu argumento —ao que por mala ventura apelo cada vez máis— é simplemente que eu, e moita máis xente coma min, non nos merecemos un país así. E non nolo merecemos porque somos xente rigorosa, cumpridora, traballadora, seria, comprometida co que facemos, desinteresada cos resultados de algo se sabemos que ese algo hai que facelo e a el nos vencella unha razón ética, alén de réditos espúrios e do glamur da galería. Eu non me merezo que os cincocentos metros de estrada de acceso á autovía pola que circulo día a día estean, xa non en absoluta escuridade, senón sen pintar. Eu non me merezo o deplorable e escandaloso estado de abandono no que se atopa o campus sur da universidade, párquin público de toda a zona sur de Compostela. Cando cambiar as bombillas das farolas de iluminación pública devén un proceso de complexidade similar a enviar o Voyager a Marte é que isto non funciona. Eu non me merezo non ter outra vía ca a resignación de crer que a ínfima calidade dos nosos políticos é algo así coma unha maldición sen remedio posible.
Descúlpenme o arrauto pero, cuando ya nada personalmente se espera, só nos queda o dereito ao pataleo, exercicio que, se en orixe os escolares destinaban por dereito a combater o frío nas aulas, hoxe dedicamos a sublimar o noxo.

1.12.08

As uvas na galaxia

Cicerón, un vello romano, sabio e renarte, de quen todos botamos man na procura dalgunha frase lapidaria que nos veña ao caso, escribiu un tratado que, no canto das parvadas que hoxe len, debía ser texto obrigatorio para os nosos escolares. Lembro ter traballado con el, como exercicio académico de tradución no latín da carreira, coa delectación e o entusiasmo que nos inspiran certas aquitecturas textuais especialmente demoradas, doces e precisas. Este tratado é De amicitia, unha reflexión intemporal sobre o valor e características da amizade. Síntoma inequívoco da súa sabedoría, o vello tribuno non proporciona unha definición exacta do que debemos entender por amizade, pois, tal que o amor e as pulsións que atinxen ao corazón, non existe afecto máis subxectivo e difícil de graduar. Ao elixir a forma do diálogo —prístino produto da idade de ouro do pensamento humano—, o tratado non quere, conscientemente, chegar a ningunha conclusión irrefutable senón máis ben discutir, poñéndoa "en branco sobre negro", a natureza de tan nobre sentimento.
En efecto, a amizade pode ir do delirio á indeferenza, do arrebato ao esquecemento, da paixón á ingratitude. Non hai, ao meu xuízo, cousa tan contraditoria. Cantas veces recoñecemos con amargura podermos contar os nosos verdadeiros amigos cos dedos dunha man? En contraste, nas relacións sociais e laborais, tomámonos a protocolaria liberdade de dirixirnos por escrito como estimado amigo ou estimada amiga a perfectos descoñecidos (ou, vale, vale, perfectas descoñecidas). A elevación categórica do adxectivo a querido/a depende, á súa vez, de finísimos fíos cos que, en cada ocasión e dependendo de moi delicados factores, tecemos a relación concreta que nos une, ou que cremos nos une, ao destinatario.
Secomasí, coñecedores do fodida e revirada que é a congostra da vida e tendendo invariablemente ao reducionismo o inventario dos que, pola experiencia, consideramos verdadeiros, chamamos amigos a persoas que non o son. Pero ben está que así sexa, pois, alén de atizar o lume da ilusión -que é sempre mellor non poñer a proba...-, o só uso do calificativo obríganos dun ou outro xeito co interpelado, adquirindo con este un compromiso que, como todo compromiso cando se cumpre e por insignificante que pareza, nos fai mellores.
Direino dunha vez. Eu non son amigo de Marcos Valcárcel, a quen o sábado pasado a créme da cultura galega rendeu homenaxe. Non son amigo de Marcos Valcárcel de graduarmos a nosa amizade polo trato directo e persoal con el, reducido un par de encontros hai anos en actos relacionados, creo lembrar, co meu parente Roberto Blanco Torres, o periplo ourensán do cal Marcos coñece ben. Así é que, fose só por esta razón estritamente mecánica, Marcos non está nese selecto inventario dos amigos que eu conto cos dedos dunha man, do mesmo xeito que, de certo, eu non estarei no seu. En revanche, se Cicerón estaba no certo ao reputar que nisi in bonis esse amicitia non posse, eu son un grande amigo de Marcos, pois, nas devanditas ocasións e aínda dende que esta bitácora existe, non recibín del máis que mostras de bondade, alento e desinteresado afecto. El é, sen dúbida, o campión da miña liga persoal de blogs e xenerosos.
Non son amigo dos circuítos culturais que se alimentan a si propios nin milito na cultura galega. De feito, non milito en nada e fuxo das vanity fairs do país, onde, na verdade, e dito cos maiores respectos, parecen repetirse ata a saciedade as mesmas caras. Pero non podía corresponder co silenzo ao convite de tal homenaxe. Este post é o meu tributo de amizade -escaso como todo o que é sincero- a Marcos Valcárcel.

28.11.08

Faros

Aplaudo enerxicamente a iniciativa da exposición fotográfica Faros de onte, faros de hoxe inaugurada o 27 pasado no Museo do Pobo Galego, promovida pola Xunta, o CGAI e Retegal. É magoa, neste sentido, non poñeren os poderes públicos máis en valor, como se di agora, o extraordinario potencial turístico dos faros da nosa costa, aínda que, coma sempre, estas cousas hai que levalas adiante con coidado e moderación. Quero dicir que, coñecendo a voracidade que a visión do curto prazo impón na hostelaría media do país, sería moi fácil crebar o máxico engado das solitarias torres subverténdoo á masificación característica, pero economicamente moi rendible, da atracción turística indiscriminada. O Semáforo de Bares e, tamén, o Faro de Fisterra —este en diferente dimensión a causa da enorme popularidade internacional do enclave— poden ser exemplos a seguir. Un finde no faro da hiperbórea Estaca é algo que teño pendente: estou agardando un temporal dos bos para ir alá e disfroitalo a tope.
De por parte, visitarei a exposición fotográfica co maior pracer e interese. Poucas combinacións de arquitectura humana, clima e paisaxe colman o espírito deste romántico empedernido coma os nosos faros e a brumosa auréola de lenda, inverno e soidade que os envolve. Bo coñecedor e amante fiel, mesmo literariamente, da Costa da Morte —da que me enamorei, por vía consorte, hai xa unha boa chea de anos—, non podo contar as tardes de borraxeira que teño guiado os meus pasos á torre do Vilán ou a Touriñán para experimentar, sequera por un intre (e dende a seguridade da terra, nos ha jodido…) , a violencia impresionante de nai natura cando convoca a un tempo as furias de Eolo e Poseidón. Lembro unha tarde de decembro de hai anos, aínda con temor, na que a forza do vento na explanada da torre de Vilán era de tal magnitude que movía o coche dun xeito inimaxinable e impedía absolutamente sequera abrir as portas do vehículo e moito menos baixar del. Arrepentido de terme arriscado tanto por ceder unha vez máis ao meu romanticismo militante, fixen a viaxe de volta, co corazón encollido, pola escarpada e estreita pista que sobe á torre, sen dúbida a máis esguía, desafiante e fermosa de todas as luces do litoral de Galicia. Un libro moi ben documentado, escrito e editado recolle a historia, descrición, naufraxios, contos e lendas dos faros da Costa da Morte. O das Sisargas, por certo, é o único non automatizado que segue precisando de torreiro, profesión que, creo, exercen alternativamente, en prazos de quince días, dous nativos de Malpica. Imaxinan o que pode ser botar dúas semanas só, en inverno, na torre situada a carón dos tremendos precipicios que arrodean a Sisarga Grande?
Unha excursión que recomendo vivisimamente é a Punta Nariga, de par da extraordinaria enseada de Barizo (estrada comarcal de Ponteceso a Malpica). Alí está o, que eu saiba, único faro de autor moderno de Galicia. Trátase da elegante torre na que o arquitecto César Portela combinou, creo que con moito acerto, elementos tradicionais e actuais. A vista sobre as Sisargas é simplemente única. Alí vou a miúdo con amigos de fóra para presumir de país e sentir, con toda xustiza, o orgullo de vivir nun máxico brocéliande, onde resulta imposible subtraerse ao doce influxo da brétema, da mar, do inverno...
Foto de Guillermo González (Vigo, 1961). O seu portafolio dos faros de Galicia é un agasallo para os sentidos.

27.11.08

Cornus copiae

Non parece, por certas trazas, que iso da indixestión editorial da que se fala por veces neste local sexa cousa de hoxe. Mutatis mutandis, das comedias de Lope ficou dito que más de ciento en horas veinticuatro, pasaban de las musas al teatro. É o insólito caso dun input extraordinariamente prolífico de par dun output de calidade que, xulgando por teren pasado os dramas e comedias de don Félix ao que deu en chamarse Século de Ouro das letras hispánicas, non debe dubidarse.
A imaxe e semellanza do noso fénix de los ingenios, semella haber no día quen procura a súa perpetuación nun incremento imparable de títulos á súa pluma debidos. Vale que un autor presente un libro, pois convén tanto a el mesmo como ao xeral proveito e instrución da república, pero CINCO nun mesmo acto…! Co que custa escribir un! O que non me explico é que de onde saca o tempo algunha xente.

25.11.08

Edición. Agarimo.

Un fiel aínda que anónimo amigo desta casa apuntaba hai uns días nun comentario, a propósito da eclosión indiscriminada do fenómeno blog, que entre o autobombo (miren vostedes canto leo, que listo son, que de música escoito, canto viaxo e a que sitios máis chuliguais, cantos idiomas domino...) e a autopromoción profesional (dou estes cursos, vou presentar tales libros, mañá pronuncio unha conferencia no centro sociocultural de Guldrís e pasado o pregón da festa da panga fileteada...), vanse máis da metade das bitácoras. A min, que gozo da aurea mediania do traballador público -xa saben: pouca excitación vital a cambio de poucos sobresaltos- váiseme un bledo en procurar unha promoción que, nesta altura, escaso beneficio me ía reportar. Malia iso, hei de recoñecer que un dos temas que na columna dereita desta bitácora o benévolo lector pode seleccionar é cousas nas que anda un, que, como o título indica, é máis o relato ou comentario de certas macanas nas que me vou metendo, considerando o eventual interese dalgunhas destas para algún lector, ca a fea e interesada lisonja das excelencias propias.
Sendo isto certo, cando vai para tres anos arrancou esta experiencia intercomunicativa -e debe advertirse que dentro de seis posts chegará este local a 5oo- a miña idea nutricia era, naturalmente, a edición, ou sexa, a miña profesión, vocación e paixón. Logo vén o que vén, e un, que é un coco inquedo e cabesiña de mal asento, adéntrase en territorios complexos e ponse a opinar de esto y de lo otro -coma o meu parente-, ao mellor sen moito fundamento pero sempre co máximo respecto. Vaia o mal comido polo ben servido. En fin, que boa parte dos posts desta bitácora están adicadas á edición, dende os máis diversos puntos de vista: técnicos, culturais, científicos, sociais, e, tamén, humanos, unha vertente esta última do máis interesante e gratificante.
Hoxe presentouse unha edición in memoriam, a preparación da cal ocupoume parcialmente as últimas semanas. O homenaxeado, a quen coñecín case furtivamente pois me foi presentado ao paso noutro acto poucos meses antes de el falecer, foi polas mostras persoa queridísima e dunhas pouco usuais bondade e xenerosidade intelectual e humana.
O plus de esmero e mimo que todo labor editorial debe implicar, acrecéntase, creo eu, cando se trata da edición dun texto cuxo autor nunca vai saber que foi editado. Traballar, precisamente, liberado da presión que, xa mais, xa menos, todo autor impón debe ser, en troques de apelativo á relaxación, acicate para un resultado de maior excelencia aínda. Para o editor é algo así como para o actor facer un papel nunha peli: dalgún xeito, hai que meterse na pel doutra persoa durante semanas, coñecela un pouco máis, evocar os seus momentos, o seu tempo, as vicisitudes que lle coubo protagonizar ou testemuñar, revolver en fotos, gravados ou caricaturas, sometendo o propio xuízo ou criterio ao que, como editor, pensa un que agradaría ao homenaxeado no libro final.
Alguén no acto de presentación mencionou o ceo laico no que o homenaxeado debe residir nesta altura. Coqueteo coa idea de que, de atopármonos algún día nese empíreo civil, se me presente a ocasión de lle dicir: Home, eu son quen lle preparou a edición do libro.
Imaxinan que non lle gustara? Que trago!

23.11.08

Letras de lixo

Nunha gratificante conversa matutina e dominical, un bo amigo, membro, a la sazón, do tribunal de certo premio literario, bautizado co nome dun insigne persoeiro da cultureta patria que aparece ata na sopa, confesábame que para dixerir a cantidade de lixo que se ve na obriga de ler hai que botarlle un peito coma un lobo; non é só, razoaba sensatamente o meu amigo, que os temas e tratamentos dos orixinais oscilen entre o abertamente absurdo ou intrascendente e a máis excelsa sublimación da pailanez, como Weltanschauung que certos "escribidores" consideran inherente ao uso do galego; é que o manexo da lingua en canto ferramenta de expresión ―minimamente― estética é tan deplorable que avergoña. E iso que, contábame bastante deprimido, a ducia de orixinais que agora le, e sobre os que o xurado terá que ditaminar, son os superviventes dunha peneira previa, na que ficaron descartados os que non reunían a calidade mínima. Habería que velos!
Hai uns días suscitábase nesta ágora, un interesante debate, propiciado en orixe por Lándoa, acerca da sobreoferta, eu diría máis, a auténtica inflación, de blogs que hoxe existe no ciberocéano. Con independencia doutros factores, a pasmosa facilidade técnica coa que se crea e alimenta un blog está indubidablemente na base desta proliferación compulsiva de textos na rede, que pode conducir a un auténtico colapso do coñecemento. En liñas xerais, e nun senso máis amplo, o refinamento tecnolóxico da edición, no que fai tanto á manipulación do texto mesmo ―a autoedición― canto ao seu envío ao libro final ―CTP, cip3― explican parte da indixestión editorial permanente na que vivimos.

No que fai aos subprodutos literarios que, moitas veces por non pasar o bochorno de deixar os premios desertos, acaban chegando ás prensas, non cabe dúbida que, alén da facilidade técnica da que falamos e do rapida e frivolamente que calquera se constitúe en editor, teñen un estímulo maior, cal é a propia existencia de tal cantidade de convocatorias: no caso do país, ao igual que non hai vila, de mediano volume e poboación, que non teña paseo fluvial/marítimo e pavillón polideportivo, non hai vila tampouco que non teña premio literario, nalgúns casos, como o da miña localidade natal, establecéndose unha impecable, malia involuntaria, relación entre a mediocridade do autor que dá nome ao galardón e o nivel medio dos orixinais premiados.

Deste xeito, o que había ser pregón para o esmero na creación literaria ―e é de advertir que escribir ben, ao meu modo de ver, é o produto do esforzo e sempre resultado dun laborioso e ingrato proceso de perfeccionamento―, acaba converténdose en estímulo e alimento de toda caste de aberracións, iso si, todas elas invariablemente en galego, co cal imaxínense o que gaña o idioma e a súa implantación social.