Comprobo neste meu caderno que non hai cousa que poña máis ao persoal e o mobilice á hora de expresar a súa opinión que a política, con mención especial, dentro desta, a certos asuntos especialmente espiñentos como a lingua (52 comentarios provocou un post recente ao respecto). Eu xa quixera que non fose así, pois se algo menudea no país son opinadores (algúns, como vostede saberá, moi cercanos a este menda) e para saturarse de política non hai máis que abrir un xornal (en efecto, nunca máis ca agora, xornalistas e políticos son os amos das pomada). Anóxame a fealdade da realidade inmediata e, entre outras andanzas e ensoñacións, percibo esta bitácora como unha sorte de válvula de escape ao noxento espectáculo da area política na que, como patéticos gladiadores, se baten homes e mulleres de bandeiras diferentes cunha saña que está en relación lóxica e directa cos emolumentos que, de venceren na contenda, lles agardan. Ética e vontade de servizo e 5000 euros ao mes son magnitudes que llo poñen ben difícil ao fiel da balanza.Pero bueno, estando como estamos en día de reflexión, imos á política e, se mo permiten, tamén eu quero achegar o meu graíño por se alguén tena feliz ocorrencia de achegarse por aquí nesta sabatina xornada.
Opino que, mentres sigamos tragando co pildorazo de que PSOE e BNG representan o progresismo e o que chaman por aí cambio necesario imos simplemente jodidos. Sinto unha fonda mágoa e unha insondable decepción desta malfadada lexislatura de goberno "progresista" (aspas miñas). PSOE e BNG no ideolóxico, e aínda no persoal, están a enorme distancia. É, por exemplo, tremendo ter que finxir un apaixonado interese en problemas tan candentes como o estatuto de nación ou a cuestión lingüística e de afianzamento do galego cando, no fondo, iso che importa tres gordas. E cando se deduce que tal finximento e a hipócrita apariencia dun casal harmonioso veñen impostos como única vía de subir ao machito, o persoal, que non é tonto, ve claramente o calote. Xa sabe, a la fuerza ahorcan. No único que socialistas e nacionalistas parecen ter deixado na marxe diferenzas é na compartición dunha patente de corso á hora de dispendiar diñeiros que non son seus en beneficio propio e, con grande xenerosidade, dos seus abandeirados, acólitos e amigos. Algo que xa sabiamos facía a "dereita" (aspas miñas) pero que non podía concibirse que seguira facendo, en edición corrixida e aumentada, a "esquerda" (aspas miñas). En fin. Unha pena e unha enorme decepción. De progresistas líbreme Dios que de conservadores me libro yo.
















