Dicía o outro día que un editor é un fulano que atende simultaneamente doce asuntos. Esta mañá non foron doce, senón vintecatro. Segundo se achega agosto, as campás da desconexión tocan a rebato, e todo son présas e agobios para deixar cantos máis asuntos pechados e non incrementar a temida síndrome posvacacional con líos pendentes, que xa bastante feo é setembro (no laboral, porque no demais é un mes precioso, cunha luz máxica e unha serenidade, tal vez, que non ten o verán rigoroso, un chisco chabacano e hortera). Isto en edición, e nunha universidade de case 2000 profesores e investigadores, pode ser terrible.
En fin, que como complemento ou axuda á merecida desconexión da rutina laboral, e sendo este un recuncho de perseverante amor librorum, nada mellor que un par de recomendacións de (re)lectura que creo particularmente acaídas ao tempo estival para quen queira seguilas. Ninguha delas é unha novidade. Este non é un blog de novidades, máis ben todo o contrario. Se xa as leu, acaso sexa bo momento para volver sobre elas, e, se non, a que espera? Os clásicos, de infinita plasticidade, nunca decepcionan.
a) La piel fría de Albert Sánchez Piñol, orixinalmente publicada en catalán. Unha novela estraña, sorprendente, engaiolante, ben escrita e construída, de regusto salobre, para ser lida en cercanía do mar, con elementos, entre outros, do Robinson de Defoe, de Verne, de Jack London e as abominacións de Lovecraft. Algún día, cedo ou tarde, alguén fará unha película (supoño que mala, como sempre pasa con estas cousas) co guión.
b) Diccionario de símbolos y mitos del nazismo, de Rosa Sala Rose. Ademais de gozar do exquisito esmero editorial co que El Acantilado publica os seus libros, é unha obra documentadísima, erudita sen caer no supefluo, áxil e de lectura moi amena. Libro imprescindible para a cartografía do horror, un horror que Europa coñeceu non como resultado dunha conxura diabólica de sádicos visionarios, insensatos e apocalípticos senón como produto natural dun plan sistemático, razoado e calculado con rexos e ben traballados alicerces e contrafortes culturais, antropolóxicos, mitolóxicos, xurídicos e mesmo relixiosos.
Que aproveite, se é o caso, e xa me contarán. Saúdos con arrecendos de mar, herba seca e aire limpo de montaña.
2 comentarios:
Camarada,
Para o verán, verán, coma para calquera outra época do ano, eu recomendariache "Doña Flor y sus dos maridos" de Jorge Amado. Se con libros coma este non desconectamos, non nos rimos, non choramos e, sobre todo, non nos reconciliamos coa vida, é que andamos moi, pero que moi fodidos (con perdón). Aos meus ollos, sería a proba máis evidente de que xa fomos capados vitalmente pola lamentable e patetica inercia da administración universitaria compostelán. Un saúdo e boas vacacións, Adrian Solobio ;-)
Pois moitas grazas polas recomendacións, que se sumarán ao libros xa elixidos.
E, por suposto, feliz verán e mellor setembro!
Saúde e sorte!
Publicar un comentario