18.7.07
Chegar ao máis alto
Hoxe, na visita matinal coa que sopresiva e gratamente me obsequiou certo tradutor dun clásico en lingua tedesca recentemente editado por nós, persoa culta, intelixente e sensible, entre varios interesantes temas que tratamos, advertíame nun punto da nosa conversa de que na percepción popular norteamericana sempre é motivo de menor desconfianza o home rico metido á político ca o home de poucos posibles. Este último ve, como é obvio, na política unha forma de ascenso rápido, en ocasións meteórico, a niveis adquisitivos vedados de calquera outro xeito. Nun país de novos ricos coma o noso, onde o culto ao diñeiro é desmedido e benestar e consumo son conceptos de lindes (con)fundidos, a posibilidade que a política ofrece de ascender xeometricamente na escala socio-económica en tempos récord paréceme extremadamente perigosa e creo está favorecendo a perpetuar un sistema de peneira en negativo dos dirixentes públicos. Ninguén pode converterse da noite á mañá nunha estrela do rock, nin nun grande novelista, pintor ou top-model, pois tras tan envexables estatutos persoais agóchanse, alén de condicións persoais específicas e non discuto que boa fortuna, moitas horas de adicación, especialización, coñecementos, traballo e non poucos momentos de desesperanza ata o cobizado éxito. En troques, non sei, un auxiliar técnico sanitario ou un señor propietario dun restaurante de tortillas poden chegar en poucos meses –teño para min que con non moitas características persoais especialmente notables alén dunha ousadía fóra do común e, tal vez, non ter moito máis que facer que levar media vida militando nun partido- a cotas de protagonismo social impensables dende os seus estatus de partida. Non se me entenda mal. O que eu enfatizo como negativo, ten como é óbvio unha posible lectura en positivo: é unha grandeza do sistema democrático que un auxiliar técnico sanitario chegue a co-dirixir a vida pública dun país. Só me pregunto, nun estrato xeral de reflexión, cánto, na complexa dialéctica entre o mantemento a ultranza dun estatus socio-económico exepcionalmente atractivo e o eventual retorno á crúa realidade dun estatus anterior definido polos propios méritos, pesa a auténtica vontade de servizo público; un concepto do que hoxe, por certo, xa non se fala. Non vaia ser.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
2 comentarios:
Todo pasa, e esas escaladas meteóricas dan logo en hostiazos incomensurables. Que dios nos aparte!
"De éxito en éxito hasta la ostia final". Un proverbio moi dos nosos días. Saúdos.
Publicar un comentario