27.7.07

Morrer na estrada

Onte pola tarde regresando de Portomarín pola N-640 topeime cun accidente brutal en Monterroso no que un coche ficou absolutamente irrecoñecible. Hoxe vexo na prensa que o condutor morreu. A sangría que nos últimos días rexistran as estradas galegas (o 10% dos mortos en accidentes en España son paisanos nosos: de novo nos primeiros postos do ranquin en cousas negativas) acenan nomeadamente —entre outras moitas cousas— cara á complexa estrutura poboacional dun país tan trillado e vivido como o noso, cun subdesenvolvemento secular aínda na retina e de acceso ultraacelerado á modernidade e o consumo. Entre Lalín e o desvío da 640 cara a Portomarín a estrada percorre unha aldea ou vila tras outra. Centos de cruces, zonas peonís sen beirarrúas, instalacións comerciais ou industriais pegadas ao vial... Este é un país construído á beira das estradas. Noutro lugar teño reflexionado sobre o particular: a estrada, fronte á aldea, representa a modernidade, a comunicación, a vida: fixo unha casa boísima, ao ladiño mesmo da carretera; o día que saquen a carreteira morre o pueblo son expresións -seguramente as terá oída vostede- que alicerzan esta aberración urbanística bautizada rururbano, con peaxes tan tremendas como un montón de mortos que poderían evitarse. Monterroso, como tantas outras, é unha vila lonxitudinal, montada ao longo da estrada que a cruza. Olla un aos lados e non hai nada: un trampantollo tras o que aparece de novo a aldea que seguiría sendo de non cruzala a vía nacional.
Como en tantas cousas, teño a sensación de vivir nun país en permanente estado de non retorno. Quen pode poñer remedio a algo que xa non ten remedio? Que facemos? Voar o país e construílo de novo?

2 comentarios:

Anónimo dijo...

É verdadeiramente lamentable. Eu non sei se habería que voar o país e facelo de novo. Ao mellor estamos nun bo momento para iso, pero se sometemos a referendo esta idea que comparto, non sei se chegaría a bo termo o proxecto.
No fondo, malia as consabidas ofensas e posteriores rectificacións o Director Xeral de Tráfico igual non ía tan errado.
Saúdos e se hai ocasión, que supoño que si, felices vacacións.

juan l. blanco valdés dijo...

Prezado anónimo:
É difícil, en efecto, loitar contra o pesimismo. Procuremos manter firme o labio superior, como pedía sempre o xefe Abraracurcix. Unha aperta e grazas pola visita e comentario.