Un coñecido intelectual de aventaxada idade, bregado en mil batallas e cunha rica executoria de enfrontamento ao Régimen, confesoume en certa ocasión que, durante aquela longa noite de pedra, de caer en mans dos sociales, non era o eventual infortunio seu ou da súa familia, nin as penurias económicas, nin sequera a privación de liberdade o que lle sacaba o sono ; era a tortura, o feito de ser sometido á dor física, pois vivía na certeza de non ser quen de resistila. Supoño que a tortura é o transo definitivo, ou un dos transos definitivos, que enfrontan ao ser humano a si propio, á súa propia dignidade e valor, aquí non suposto como na mili, senón necesitado de ser expresado en toda a súa dimensión.
Para os cidadáns occidentais, e tras o punto de inflexión que supuxeron os anos do terror nazi, se hai un marco espazo-temporal no que a tortura se consagrou con saña e refinamento especiais como práctica de represión política é o que perfila o cono sur (Uruguay, Chile e Arxentina) dende os anos iniciais dos setenta. Ignoro as causas específicas dos perfís de bestialidade, odio, sadismo e xenocidio que os réximes militares acadaron nesas latitudes polos anos amentados. Acaso o libro Memorias de la violencia en Uruguay y Argentina. Golpes, dictaduras, exilios (1973-2006) achegue claves, seguro que si, ao respecto. O magnífico volume, que editaremos en moi breve prazo, promovido polo Centro Interdisciplinar de Estudos Americanistas, de autoría en colaboración e baixo a dirección do excelente e coidadoso investigador Eduardo Rey Tristán, representa unha achega moi importante en forma tanto de estudos académicos como de testemuños directos da barbarie e o terror, á comprensión sociohistórica do camiño dos golpes a las dictaduras subsiguientes, sus duras repercusiones en cuanto a represión en sus diversas formas por una parte y a exilios por otra, y reflexiona finalmente sobre las memorias conformadas en cada sociedad sobre todo el proceso a partir de las transiciones democráticas y hasta el presente (do texto da cuarta de cuberta).
Folleando as probas finais de maqueta atopo testemuños simplemente escalofriantes. Sosteño que botar a sonda na perseverancia humana en procurar o mutuo dano é arriscarse a non tocar fondo. Por iso, poñérmonos couto con límites como a democracia, o imperio da lei e o Estado de dereito foi unha idea historicamente acojonante.
No hay comentarios:
Publicar un comentario