11.7.07

Never ending story

Coñezo un autor para quen o orixinal que ten nas mans non constitúe un labor, un simple labor que un empeza, desenvolve e remata; é unha angueira, unha sorte de traballo de Sísifo do que non sabe como se desfacer. O orixinal chegou a adquirir entidade propia, a modo de personalidade viva que impón ao pobre autor unha obriga cargante, onerosa, ineludible. Cando cre ter rematada venturosamente unha parte da obra, comeza a sintomatoloxía infecciosa doutra (datos descoñecidos ata o momento, recentes achegas bibliográficas, suxestións de terceiros, dúbidas, inseguridades...), sintomatoloxía que devén de contado nova angustia, louzá e vigorosa preocupación con abondas perspectivas de duración. O pobre do home leva varios anos así, coa expresión doída dalguén que vive na permanente espera de noticias ou daquel que perdeu algo e ocupa os seus días a tempo completo en buscalo, aínda cando sabe da imposibilidade absoluta de atopalo. Eu creo que para o bo do meu autor, a idea de poñer punto final á súa obra resulta xa intolerable, unha especie de sindrome de Estocolmo que lle provoca un amor negro e angustioso ao seu verdugo. Eu lémbrolle, con certa maldade, aquel certísimo consello de Borges: o único xeito de deixar de corrixir é publicar. O home debuxa un semisorriso tristeiro, e fai coma quen non oe. Nobody is perfect. Niemand ist vollkommen. Ninguén ni nada é perfecto. Pero este é un home impermeable a unha constatación tan impecable e universal. E é que ten que haber de todo.

No hay comentarios: