9.7.07

De letras e formas. Soledad Pite

Cedo ou tarde tiña eu que falar nesta bitácora de Soledad Pite Sanjurjo. Extraordinaria, recoñecida e cotizada pintora e docente exemplar, teño para min que vive enamorada a partes iguais das súas profesións ―a docencia da pintura e a pintura mesma―, ferida da cultura e anualmente metida a labores editoriais de factura exquisita e irrepetible orixinalidade. Qué fortuna, vistos os meus pobres méritos e escasos merecementos, que xente da altura de Soledad me honren co seu aprecio!
Coñecín persoalmente a Soledad no ano 1999 cando me contou un proxecto engaiolante: tratábase de que os seus alumnos de ensino secundario e bacharelato no Instituto «Rosalía de Castro» interpretaran graficamente cada un dos poemas de Orballo da media noite de meu tío Roberto Blanco Torres, aquel ano galardonado co 17 de maio. Non só me puxen ao seu dispor para escribir unhas letras no libro, senón que, segundo lembro, fixen certas xestións encanadas a facer froito do proxecto de Soledad, como en efecto así sucedeu. Un fermoso libro (ed. non venal, Xunta de Galicia, 1999, na imaxe debuxo de cuberta, de Soledad) no que estampei estas palabras epilogais:
Resulta fermoso e fondamente revelador que un fato de rapaces e rapazas nacidos e desenvolvidos no caldo da globalización, as redes informáticas e os omnipotentes mass media reinterpreten, obviamente dende claves de partida radicalmente diferentes, un libro de poesías escrito por un señor de sombreiro e gabardina de coiro, que para escribilas pousaba pé dos castiñeiros seculares da Peroxa, de vagariño, sen présas, escoitando na noite silente o caer lene do orballo da media noite e interpretando os vestixios platónicos das horas.

Soledad e os seus alumnos de sucesivas promocións colléronse gusto ―non é de estrañar― a tan fermoso proxecto feito realidade e anualmente, con financiamentos diversos dan ao prelo unha nova marabilla, que puntualmente Soledad me entrega sempre en persoa, co cal o agasallo é dobre; Ronsel gráfico para Castelao. Homenaxe no 50 cabodano (Parlamento de Galicia, 2000); Pequena escolma ilustrada de Sarmiento (Consello da Cultura Galega, 2002); Auga e cultura. Achegamento gráfico (Consello da Cultura Galega, 2006), e María Mariño: Palabra no tempo; Verba que comenza. Escolma ilustrada (IES Rosalía de Castro-Fundación Caixa Galicia, 2007), son libros moi especiais que gardo non só co quentor da amizade senón no cofre dos tesouros, páxinas enchoupadas da xenerosidade de quen non persegue ouropel nin fama nin outra cousa alén de compartir o mellor de si mesmos.

No hay comentarios: