6.7.07

Libros reclusos

Dentro do Programa de Estudios Universitarios en Centros Penitenciarios e no cadro dos Cursos de Verán da UNED, impartín o pasado mércores unha charla aos internos do Centro Penitenciario da Lama baixo o título de La aventura de leer. Falei da lectura como desciframento; da lectura como evasión; da lectura como aprendizaxe; da edición dixital e dos índices de lectura. Falei de Tintín e Astérix, de Enid Blyton e Baroja, de Tolkien e Joseph Conrad, de Dan Brown e Chesterton; dos cegos de Saramago, Pascual Duarte e Blanco-Amor, e logo, espontánea, fluidamente xurdiron outros moitos temas, e derivacións de temas e os asistentes agolpábanse para intervir e dar os seus puntos de vista. As sesenta ou setenta persoas (mulleres e homes: españois, de Túnez, de México, de Serbia, de Brasil, de Portugal…) que formaban o auditorio, o clima de cordialidade que se estableceu e o sorprendente alto nivel das preguntas e cuestións que se formularon no debate proporcionáronme unha das experiencias profesionais e persoais máis enriquecedoras da miña vida, unha experiencia que, na súa proxección social, o reconcilia a un coa utilidade (tantas veces hesitada) do por veces tan ingrato labor intelectual. Era a primeira vez que entraba nun cárcere. Ben, A Lama non é un cárcere, é unha pequena cidade de case 2100 habitantes dos que 1500 caracterízanse por viviren coa posibilidade de saír de alí anulada por un tempo breve ou por un tempo longo, moi longo, que pode ser eterno. 1500 seres humanos privados de liberdade.
Tería tantas cousas que contar, ía con tantas prevencións e saín tan marabillado, acumuláronse en tan breve prazo de tempo tal cantidade de sensacións, anécdotas e posibles comentarios, tiven mostras de humanidade tan sinceras e, aquí si, desinteresadas e emocionantes, que só lembrarei que para apreciar a vida da superficie non hai como coñecer a vida das profundidades.
Ningún interno, en ningures, ten acceso a internet. Pero os internos da Lama teñen un blog. Non teñen, como eles din, o rock de la cárcel, senon o blog de la cárcel. Escriben os contidos en papel e llos pasan a un dos coordinadores de formación que os publica no seu blog.

Cando rematei a miña conferencia, un dos internos, Jorge, entregoume a xeito de agasallo un fermoso caderniño feito por eles cunha frase de Goethe: trata a un home como o que é e seguirá sendo o que é. Trátao como o que pode chegar a ser e chegará a ser o que pode chegar a ser. Non puiden reprimir unha das apertas máis rabiosas e sinceras que nunca teño propinado a un ser humano.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Olvidó Vd. algo: la lectura como libertad. Para un recluso es muy importante.

Ana Bande dijo...

Interesantísima experiencia, quedo con ganas de saber moitas máis cousas. s

juan l. blanco valdés dijo...

Ana: cando ti queiras, cóntoche in extenso. Gardo desta experiencia un gratísimo recordo. Bicos.