10.7.07

E-palabros

Nestas páxinas reflexionei unha vez sobre o valor que certo lingüísta, profético e gabacho, atribuía a aquelas palabras que el consideraba mots-témoin dunha época. Átomo, nuclear, guerra fría, telón de aceiro... foron mots-témoin dos anos corenta, cincuenta e sesenta. Chatear, que hai anos era en España unha práctica social báquico-festiva moi nosa e aconsellable, deveu nos últimos tempos, por arte da ciberlinguaxe, no costume máis ben solitario de dar renda á locuacidade, a máquina interposta, con interlocutores varios pero ausentes en carne e óso. Non cabe dúbida de que chatear —ou ous seus homólogos noutras linguas do noso contorno— é unha palabra testemuño dos nosos días, convulso tempo de contrastes entre hipertecnoloxía e excesos de toda laia e a máis atroz miseria e inhumanidade. Dixital, márquetin (ou marketing), rede, ciberespazo, interfaz, formatear, escaneo son adaptacións patrias de maior ou menor fortuna dende as formas orixinais, na omnipotente lingua anglica. Messenger, web (en realidade güeb), feed, blog, LAN, wifi, wiki, OCR, word (guor), power point (pógüerpoin)…, son, pola contra, espécimes léxicos que andan na lingua, con perdón, coma putas por rastrollo, adaptados foneticamente segundo o entender de cada quen, dende o pedantillo que lles mete unha prosodia que faría a envexa do mesmo Shakespeare ata o castizo que mesmo alardea de non ter NPI de inglis.
Antepoñer unha e (de electronic) máis un trazo - a diversas palabras indica a acepción virtual, dixital ou cibertecnolóxica do concepto así marcado. Dende o xa venerable e-mail (e aquela falta de graza seudoadaptación emilio, de pouca fortuna), a e-learning, e-book, e mesmo híbridos como e-campus, e-aula (en competencia con campus virtual, aula virtual). Un e-palabro que me encanta (e descubrín o outro día no número 54 da interesante Revista de Novas de Teconoloxía de Galicia, Código Cero) é e-merda, referida, claro, aos millóns de toneladas de refugallo teconolóxico que todos, todos producimos neste opulento mundo no que todo sobra. Falo por min: a día de hoxe teño, cando menos e que lembre, catro teléfonos fixos, seis ou sete móbiles (xa perdín a conta) e unha impresora BJ impecable (ollo: para a que xa non existen consumibles) que fan parte da miña e-merda doméstica, da que non sei como desfacerme.
Este é o tipo de cousas que me fai lembrar un grafiti moi pavero que alguén chantou nunha tapia cando o cataclismo do Prestige: Isto rebenta!
Cre Vde. que esaxero? Mire, mire.
À toute à l´heure !

No hay comentarios: