Dende o manuscrito de Cide Hamete a Umberto Eco, pasando por Jan Potocki, moitos autores teñen apelado ao recurso literario da fenomenicidade, é dicir a atribución a un ficticio manuscrito ou documento da auténtica orixe do discurso narrativo. A historia arrodéase asi dunha auréola de lenda e misterio combinada cunha apelación á verosimilitude moi relacionada co sentido lírico do genius loci, que ben poderiamos denominar aquí genius libri ou genius scripti.
É o sentimento que nos embarga cando sabemos que nun incunable está o exlibris dun cardeal do século XVII ou que un volume do XVIII pertenceu a Francisco de Goya, e que algunha vez este o tivo nas súas mans.
Volvendo á maxia do apócrifo, unha que sempre me pareceu fermosa e brillantemente executada impostura literaria é o Cancioeiro de Monfero do flamante galardoado coas Letras 2008, Xosé María Álvarez Blázquez, que posúo en primeira (e que eu saiba única) e esmerada edición numerada de Edicións Monterrey -fundación do propio Álvarez Blázquez-, 1953. O meu exemplar é o 126 (dunha tiraxe de 210). No seu momento, moitos, mesmo eruditos, caeron no calote. A finura da chanza, e o profundo coñecemento para a levar a efecto, chegaba ao punto da imitación caligráfica e lingüística do século XVII, no que un bo frade do cenobio bieito -Frei Ramón Pazos- dá conta en nota manuscrita (que reproduce a imaxe deste post) da súa importante trouvaille. Por certo, completamente anacrónica esa f-inicial en fojas. Ninguén é perfecto.
Polo demais, sei dalguén na Academia que hoxe estará especial, moi especialmente contento, pois de tempo coñezo a súa querencia por don Xosé María e a súa consecuente proposta, non exenta de certos riscos. Alá veremos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario